A solidariedade cubana, o Imperio do Mal e os seus aliados
Caladamente, silenciados polos medios de comunicación occidentais, cos medios de que os provee o seu propio goberno, a Brigada Médica Cubana, composta por máis de mil duascentas persoas entre médicos e técnicos sanitarios, loitan en Haití contra o cólera mentres os países do chamado primeiro mundo e a propia ONU mandan militares para reprimir as loitas dos haitianos por unha vida digna, que agravan o problema coa súa presencia acaparando unha atención que podían recibir os haitianos e que, segundo afirman, son os que introduciron tamén a enfermidade.
Teñen que silenciar a labor do maior equipo médico desprazado en Haití porque dicir a verdade sempre é revolucionario. Sería recoñecer que un pequeno país, bloqueado durante mais de corenta anos polo Imperio do Mal, pola maior potencia mundial de todos os tempos, fai moito máis pola humanidade que todos os países industrializados xuntos e por iso asubían e miran sen rubor para outra parte, cando non terxiversan os datos como fixo Televisión Española, quen tivo que rectificar o pasado 11 de setembro en Informe Semanal, debido as queixas que recibiu por esquecer deliberadamente a labor desa Brigada que leva a cabo o 40% da atención médica contra o cólera nese país e rebaixando a mortalidade até o 0,8% . Teñen medo que a xente saiba que un país ao que demonizan continuamente sexa o máis solidario e o que máis fai por aliviar o sufrimento doutros pobos. Para iso repiten gratuitamente adxectivos cualificativos degradantes nos seus medios de comunicación, sabedores de que... unha mentira dita mil veces...
Eles mandan exércitos para masacrar pobos até poñelos aos pes dos seus cabalos e das egoístas apetencias do FMI e do Banco Mundial que lles impoñerán obrigatoriamente uns préstamos con intereses impagables que non lles deixarán levantar a cabeza até a próxima crises cíclica do seu idílico sistema que tamén eles volverán a pagar. Declaran a guerra e invaden pacíficos países que se resisten aos seus ditados. Táchanos de ditatoriais ou de terroristas, cando non as dúas cousas a vez, simplemente por querer conservar a súa independencia política e defender a súa cultura. Fano en nome da democracia e da loita contra o terrorismo, cando eles saben que ninguén pode ser terrorista por defender a liberdade da súa patria nin a democracia pode ser imposta; cando o mesmo Imperio do Mal imparte o terror polo mundo adiante, acubilla e protexe a terroristas como Luís Posada Carriles e ten presos inxustamente a cinco antiterroristas cubanos porque intentaban evitar atentados na illa causados por eses terroristas.
Deberían seguir o exemplo cubano de declararlle a guerra á dor e a enfermidade mandando exércitos de médicos en vez de militares para declararlla a pobos indefensos, aínda que iso non reporte beneficios económicos, e deixar que eses pobos se desenrolen en paz e harmonía apartando deles os seus exércitos criminais. En vez de gastar 500 mil millóns de dólares en armas para sementar o terror polo mundo adiante asasinando a civís indefensos estarían mellor empregados en mirar pola súa saúde, cubrir as súas necesidades básicas e non condenalos á ruína e ao sufrimento, pero como ben dicía Hugo Chaves: cheiran moito a xofre.
Se eses países ricos, que a maior parte das veces son os causantes desas desgracias, gastaran a metade do seu PIB en medicina solidaria do que gasta Cuba, enviando persoal, medios sanitarios a pobos que os necesitan ou formando en Cuba médicos deses pobos, este mundo sería moito mais humano, pero eses países teñen outros intereses máis bastardos que van na dirección contraria: canta máis miseria e máis ignorancia máis doado é apropiarse gratuitamente das súas riquezas, xa que os dirixentes deses países están postos aí por eles para defender eses intereses. Cuba, ademais de non ser a causante desa miseria nin desas enfermidades combáteas dun xeito altruísta mentres os outros se forran a conta das miserias que provoca a súa avaricia.
Tanto o Imperio do Mal como os seus aliados, ademais de ser insolidarios cos que a súa política de rapiña condena a miseria, apoian a estados criminais e xenocidas como o sionista e o reino alauíta que teñen bula incluso para asasinar impunemente aos que se solidarizan coas súas vítimas. Entre eles está tamén o estado español, no que está prohibido solidarizarse cos presos políticos, coas vítimas do terrorismo de estado ou cos familiares dos desaparecidos.
Cando un país ten problemas humanitarios, ben por causas naturais ou como consecuencia dunha invasión militar levada a cabo por eles convocan unha Conferencia de "donantes" que, prostituíndo a palabra, é como lle chaman aos que van esquilmar o que quede de valor nese país, porque a súa solidariedade é coas grandes multinacionais, cos grandes capitais financeiros e cos tan recorridos "mercados".
Dicía Fidel, como bo marxista, que ese imperio tamén se destruirá por si solo debido as súas contradicións internas, que non hai imperio que mil anos dure, pero os que loitamos por un mundo máis xusto e solidario temos a obriga de denunciar todas as atrocidades que cometen e facer todo o que este nas nosas mans para que esa data chegue o antes posible. A humanidade, despois, será moito mais feliz.