A Paz como obxectivo real
06 de decembro de 2015 (23:00 h.)
E agora que? Holande, inmediatamente despois da masacre terrorista en París enviou os avións da vinganza a Siria (aumentou os bombardeos, digamos, porque xa os iniciara anos antes). Para matar os do Daesh, e de paso, xa sabemos, para darlle unha volta ao exército sirio, único legal que existe na desfeita ideada e practicada polos sanguinarios europeos e Cia; e de paso para destruír as riquezas e economía dese pais; e de paso para matar a uns cantos civís tamén que pasaban por alí. E con que permiso entra nun país que non é o del? Podería al-Assad atacar calquera dos países que desde hai moitos anos o acosan? Non tería o mesmo dereito que os guerreiros legais occidentais impoñen pola forza? EE.UU. non o esquezamos, tiña desde hai máis de 20 anos a invasión de Siria que seica pertencía ao Eixo do Mal. Por que?
Porque era, é, un Estado con liberdade de culto, avanzado no nível que pode haber por ese inferno que hoxe é o Medio Oriente. Porque non se submete aos intereses occidentais. Porque apoia os palestinos fronte ao xenocidio que con eles están practicando os sionistas. Porque permanece a idea de crear un Estado Árabe Unido cos países próximos, proxecto que debilitaría os intereses guerreiros dos imperialistas europeos e dos seus amigos de Arabia Saudí, ou Qatar, ou os Emiratos, ou Israel... Holande, o socialdemócrata. Ao que non tardaron en seguir os de sempre, dereitistas reaccionarios ou coma el, tamén socialdemócratas.Ese racista e guerreiro onde os haxa, Cameron, que chamou "praga de xente que vén do Mediterráneo" aos que foxen de guerras e miserias creadas por el mesmo, nada menos, e os seus amigos dos EE.UU. ou Alemaña, como a Merkel, empeñada en facer da maior parte dos países de Europa unha colonia de servidores. Todos, agora, a botar bombas nunha Siria combatida xa desde hai cinco anos e que produce, coa axuda da democracia internacional, milleiros e diría millóns de fuxidos, que chaman ás portas de Europa e son expulsados coa maior crueldade e irresponsabilidade de novo polos que animaron esa miseria. Hipócritas e salvaxes. Podemos cerrar os ollos ante este crime?
E a par desa política suicida, de guerras e invasións, ese outro estado de ataque aos dereitos democráticos que tiñamos nas chamadas democracias occidentais, onde coa cantilena do terrorismo se aproveita para declarar aquí estados de excepción, persecución ás ideas que non aceptan a súa política (poden, coa lexislación que hoxe sufrimos, tacharme a min de terrorista por dicir o que digo?), e crear o látego da crise para eliminar o dereito ao traballo e a unha vida digna, ou ao que nos aseguraban os servizos públicos conquistados nos últimos anos. Porque, ollo, isto da crise non é un situación momentánea; aquí vai quedar para sempre se as loitas populares non o remedian. Seremos exército de servos para uns poucos amos insaciábeis de poderío.
Despois do ocorrido en Iraq, Afganistán, Libia ou Palestina, faise repugnante e mesmo asusta que non haxa unha soa palabra de autocrítica por parte da elite imperialista que teima na súa política de desestabilización e ataque; é dicir, por parte dos que hoxe gobernan nesta esfera do mundo. Os que cometeron o grande crime de Iraq, os Asnares, aínda hoxe seguen a defender o asasinato de centos de milleiros de iraquianos. Daquí parte a multiplicación dos terroristas. Disto, principalmente, nacen. E se este tipo de gobernantes deshumanizados e amantes da guerra, non recúan ante a destrución horríbel cometida en Siria, cando será posíbel pensar na Paz? Non lles interesa, pase o que pase, porque non é difícil pensar que o conflito en Siria, a vitoria sobre os do Daesh, remataría simplemente tendo en conta que a alianza con al-Assad é a única saída. E respectar que o pobo sirio sexa quen determine o seu futuro, sen a intromisión dos intereses bastardos occidentais.
Gobernantes guerreiros, defensores dos intereses das grandes, xigantescas empresas deshumanizadas que só buscan o lucro contra os dereitos colectivos, sexan da dereita ou da socialdemocracia. Inimigos da paz,, do respecto ao distinto, ás diferentes culturas e idiomas e á soberanía e igualdade real dos pobos. Gobernan porque nós mesmos os puxemos onde están. Como é posíbel? Dentro duns días votaremos de novo para compoñer o Parlamento deste Estado. Se somos pacifistas e realmente demócratas, amantes da igualdade e do respecto aos distintos pobos, só temos que pensar nesta alternativa: se estamos realmente pola Paz, queda prohibido invadir ou asoballar calquera parte do mundo. Sexan o diálogo e o respecto as únicas armas posíbeis. E sexa un período de, poñamos, cinco anos, o que leve a conseguir ou asentar tal obxectivo. Preguntémosllo ao PP, PSOE, BNG, EU e todas as candidaturas que agora, ás carreiras e nun mar de confusión se compuxeron. E aquel partido que non asine tal programa a respecto da política internacional, non poderá ser apoiado.
Só así conquistaremos a paz, a harmonía entre as culturas de Oriente e Occidente, Nós, os que combatemos as guerras, o crime, a desigualdade e a inxustiza... Por que pensas ti, lector, lectora, que non é posíbel? Tan pouco confías en ti mesmo-a? Ou prefires que siga gobernando aquí quen mata e nos vai mirrando a alegría e os dereitos?,-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.