A loita de ideas
01 de outubro de 2014 (00:00 h.)
Un debate sempre presente nos movementos revolucionarios e transformadores é o da necesidade de acompañar a loita económica, social e institucional coa loita de ideas. É este un debate que se dá en todo o mundo, está presente hoxe en Galiza cando a nosa nación debe enfrontar unha nova ofensiva españolizadora moi potente que incluso leva a sectores políticos até hai pouco comprometidos co proceso de liberación nacional e social do noso povo a perder pé e abrazar os argumentos do españolismo, argumentos que sendo os de sempre neste momento son máis eficientes; a incerteza sobre un futuro no que non se albisca saída á grave situación social, os milleiros de mensaxes cun exceso de información que á hora da verdade desinforma ao non podermos empregar os mecanismos analíticos precisos para proceder a unha separación entre o que hai verdadeiramente de contido informativo da mera propaganda, o obxectivo globalizador dos emisores máis potentes desa información, todos con idéntico perfil no que as referencias propias son inexistentes e as loitas que se publicitan son as do centro do sistema e non as propias, mareas madrileñas, Gamonal, etc..., ou as de lugares moi lonxanos sobre os que non temos outra información para poder contrastala.
Fronte a esta realidade e se queremos asentar un movemento nacionalista que resista e actúe con firmeza para mudar a correlación de forzas precisamos darlle unha maior atención á loita das ideas en todos os ámbitos nos que actuamos, loita que precisa unha permanente produción de teoría que permita construír discurso para que que a militancia poida actuar e provocar o debate, pois como dicía Castelao “a loita nobre e leal das ideias é o que asegura o progreso”; e en todo proceso político sendo moi necesario sumar apoios electorais e conseguir unha masiva participación nas mobilizacións e actividades organizadas, o básico é mudar as mentes.
É este un debate que non se dá só onde a situación é de resistencia , tamén aqueles procesos que avanzan deben ter sempre presente a loita de ideas, comprobámolo se facemos unha pequena análise do acontecido en Catalunya nos últimos anos; a actividade concello a concello e barrio a barrio da ANC catalá explicando que o dereito e decidir é un dereito democrático básico, as campañas para pendurar a estelada en todas as vivendas, as cadeas humanas, os estudos xurídicos ou económicos, os diversos pronunciamentos, o congreso “España contra Cataluña: una mirada histórica (1714- 2014)”, son exemplos de actividades que suman na loita de ideas co obxectivo de conseguir a hexemonía na sociedade catalana de quen defenden o dereito a contar cun estado propio.
Desgraciadamente isto ao longo da hisotria non sempre se tivo en conta e son xa demasiados os exemplos de procesos revolucionarios ou transformadores que unha vez acadan o governo deixan de lado as cuestións ideolóxicas considerando que atender ás necesidades existentes no económico, social, laboral, sanitario, etc... precisa de todos os esforzos; facendo unha lectura errada do marco e confundindo as cuestións urxentes para dar saída ás necesidades do povo coas importantes para poder manter no tempo as conquistas que se poidan acadar.
Ese é un debate presente hoxe tamén en América Latina onde desde hai uns anos transitan por diversas experiencias de recuperación da soberanía nacional e construción de sociedades máis igualitarias. En poucos días celebraranse eleccións en Brasil e Uruguai, estados que contan desde 2003 e 2005 respectivamente con governos progresistas froito de vitorias electorais asentadas en moi fortes movementos de masas. Pero nin o día 5 no Brasil nin o día 26 no Uruguai está asegurada a continuidade dos procesos transformadores, algo que nunha lectura simplista semella difícil de crer tendo en conta que ambos governos contan cun moi positivo balance en canto á mellora das condicións de vida da xente.
En ambos casos vai ser definitorio do resultado electoral o voto daqueles sectores que melloraron en moito as súas condicións de vida grazas ás políticas postas en práctica por eses governos, e neses sectores hai segmentos que considerándose xa a si mesmos “clase media”, están totalmente integrados no mercado de consumo e son os máis influenciábeis pola ideoloxía que transmiten os medios de comunicación do sistema, unha ideoloxía que promove o individualismo e o medre persoal fronte á valoración do esforzo colectivo; un individualismo que leva a crer que o eu é o único importante e por tanto a non valorar que os avances e a mellora no nivel de vida están directamente relacionados con políticas públicas que se puxeron en marcha. Son estes segmentos os máis bombardeados polas mensaxes que falan de mudar para seguir subindo na escala social, para limpar a corrupción ou para castigar a quen prometeron moito e fixeron pouco, unha suposta mudanza que vai direccionada cara o apoio a candidaturas de dereita.
Tanto no Brasil como no Uruguai as forzas políticas e sociais que son sustento dos actuais governos veñen de reaccionar diante do perigo real dunha volta da dereita ao governo e nos últimos días intensifican o traballo e o contacto de rúa; agardemos que esa reacción e a experiencia na loita social e de masas permitan dar continuidade aos procesos políticos que con todas as súas contradicións e os seus erros teñen no seu haber importantes realizacións.
De producirse unha nova vitoria da coalición Com a força do povo no Brasil e da Fronte Ampla no Uruguai deberán abordar con urxencia a necesidade de dar prioridade á loita de ideas, ademáis á influencia da ideoloxía da dereita neoliberal en determinados segmentos socias haberá que engadir o desgaste interno e externo que adoita acompañar a longas presenzas ininterrumpidas no governo, pois no Brasil estaremos falando dun novo período de catro anos que sumar aos doce pasados e no Uruguai dun novo período de cinco que sumar aos dez xa pasados.