A consolidación da OTAN como xendarme internacional (II)

A consolidación da OTAN como xendarme internacional (II)

A Cimeira de Lisboa tiña un obxectivo claro e acadouno, este era o de abrir camiño para unha ofensiva global da organización contra aqueles que se opoñen aos designios da actual orde internacional definida polos Estados Unidos e os seus aliados, o novo camiño terá por base o novo conceito estratéxico que foi aprobado por unanimidade na Cimeira de xefes de estado e goberno.

O documento de once páxinas que vai servir de base ás actuacións da OTAN nos vindeiros anos contén entre outros parágrafos tan interesantes como os seguintes:

"Compromete á OTAN no obxectivo de crear as condicións para un mundo sen armas nucleares, pero volve confirmar que, mentres haxa armas nucleares sobre a Terra, a OTAN seguirá sendo unha Alianza nuclear."

"As crises e os conflitos fóra das fronteiras da OTAN poden supor unha ameaza directa para a seguridade do territorio e as poboacións da Alianza. Por este motivo, a OTAN vai implicarse, onde sexa posíbel e cando fose necesario, para previr as crises, para a xestión de crise, para estabilizar as situacións post-conflito e para apoiar á reconstrución."

"Unión Europea activa e efectiva contribúe á seguridade global da área Euro-Atlántica. Por este motivo, a UE é un socio único e esencial para a OTAN. As dúas organizacións comparten unha maioría de membros, e todos os membros de ambas as organizacións comparten uns valores comúns. A OTAN recoñece a importancia dunha defensa europea máis forte e máis capaz. Damos a benvida á entrada en vigor do Tratado de Lisboa, que establece un marco para o fortalecemento das capacidades da UE para facer fronte aos retos de seguridade comúns."

O que acabamos de ler non é unha interpretación senón a tradución ao noso idioma de parágrafos que amosan claramente por onde vai ir a OTAN nesta nova etapa; non van mudar os seus obxectivos fundacionais, afondarán nas pretensións de hexemonizacion apostando por manter a corrida armamentistica disfrazándoa de "disuasión nuclear" e pola intervención en calquer lugar do planeta sempre e cando consideren que están "en perigo" a seguridade da propia alianza e os seus intereses. Intereses claros e concretos que son básicos para manter a actual situación de hexemonía do capitalismo, pois quen controle as fontes de enerxía e as súas vías de distribución, as novas tecnoloxías, etc... estará nas mellores condicións para enfrontar a actual crise económica e as crises futuras, xa sexan estas económicas, sociais, militares ou máis que probábeis enfrontamentos polo control de zonas de influencia.

Ao tempo é de sumo interese comprobar o importante papel que a OTAN concede á Unión Europea como "...socio único e esencial...", un papel que non lle conceden nin á ONU nin a Rusia pese a estar presentes na Cimeira. Esa relevancia non fai máis que a confirmar por escrito unha realidade que moitos, tamén na Galiza, negábanse a recoñecer; a realidade de que a UE e OTAN forman un matrimonio indisolúbel, ou se preferimos empregar unha linguaxe empresarial OTAN e UE forman unha Sociedade Limitada.

Unha vez lidas as referencias que o documento no que se plasma o novo conceito estratéxico da OTAN fai á actual Europa queda caro que a Unión Europea só é un elo máis da estratexia imperialista definida polos Estados Unidos en función do seu particular interese, co apoio dos seus aliados máis avantaxados Reino Unido e Alemaña e coa complicidade papanata do resto dos estados que a integran, incluída unha socialdemocracia española que pasou dos tempos en que berraba "OTAN de entrada NO" á actual situación de atlantistas convencidos.

O nacionalismo galego nos anos oitenta do século pasado denunciaba que a relación entre a OTAN e a Unión Europea, daquela Comunidade Económica Europea, non era un simple matrimonio de conveniencia senón que era unha relación moito máis íntima ao estar feitas a unha para a outra. Naquel tempo habíaos que falaban da posibilidade de casar coa CEE sen ter que facelo coa OTAN e nós fomos alcumados de "anti-europeos" por dicir que iso era imposíbel; outro tanto aconteceu cando en 2005 pedimos ao noso pobo que votara contra o Tratado Constitucional e defendimos a construción dunha Europa Social e unha Europa dos Pobos.

Agora, unha vez a propia OTAN no seu novo conceito estratéxico pon negro sobre branco o papel instrumental da Unión Europea, só os euro-papanatas e aqueles que desconfían da capacidade do pobo galego de construír e dirixir o seu proceso de autodeterminación seguirán coa ladaíña de que o noso futuro está nesta Europa e de que será ela a que nos permita ser recoñecidos como nación. Galiza é Europa desde sempre e non vai ser a Unión Europa a que nos permita avanzarmos máis rápido.

Tras a Cimeira da Lisboa a OTAN seguirá actuando en silenzo, compre que aquelas organizacións e persoas que nos declaramos anti-imperialistas porque temos un compromiso coa liberdade dos pobos e coa construción dunha sociedade máis xusta intensifiquemos o labor de denuncia do seu verdadeiro papel como xendarme internacional do imperialismo.