A consolidación da OTAN como xendarme internacional (I)

A consolidación da OTAN como xendarme internacional (I)

Mañá venres e o sábado Lisboa acollerá unha transcendental reunión da OTAN, reunión da que poucas referencias atopamos até o momento nos medios de comunicación, un feito verdadeiramente sorprendente tendo en conta a magnitude da chamada Cimeira de Lisboa, estando prevista a presenza na mesma da maioría dos xefes de estado ou de goberno dos 28 países que integran o máis importante instrumento militar do imperialismo; presenzas xa por si mesmas noticiábeis pero moito máis se engadimos que á reunión asistirá o presidente norteamericano Barack Obama e contarán tamén como convidados especiais co presidente ruso Dmitri Medvédev, o presidente afgano Hamid Karzai, o secretario xeral das Nacións Unidas e o presidente do Consello da Unión Europea.

Está claro que tal elenco de personalidades non decidiu visitar Lisboa para pasear polo barrio Alto ou saborear un bacallao á Gomes de Sá; para desgraza da humanidade a Cimeira de Lisboa pode considerarse como a máis importante das celebradas pola OTAN nos seus sesenta anos de existencia, unha importancia moi superior á Cimeira das Lajes de 2003 que deixou para a posteridade a famosa foto das Azores e o inicio da agresión ao Iraq catro días despois da súa celebración.

En Lisboa e en palabras do seu secretario xeral Anders Fogh Rasmussen a OTAN decidirá o seu futuro, un futuro no que non cabe unha disolución da mesma que moitos consideraríamos lóxica sabendo que a historia que nos contaron fala da creación da OTAN como necesaria resposta defensiva do mundo libre á política agresiva dos países que formaban o extinto Pacto de Varsovia, cuestión difícil de entender se temos en conta que esa OTAN para algúns defensiva foi creada o 4 de abril de 1949 e o suposto perigo agresor o Pacto de Varsovia non se creou até o 14 de maio de 1955.

A reunión de alto nivel da OTAN en Lisboa ten tres obxectivos:

- a busqueda dunha saída para a grave situación que están a pasar os seus membros no Afganistán cunha guerra que dura máis de nove anos e na que non se albisca a posibilidade de avances significativos no plano militar que permitan agardar un final próximo.
- a instalación en Europa de novos sistemas supostamente defensivos compostos por radares e mísiles balísticos que se nos presentan como o xeito máis eficaz de facer fronte ao perigo que supoñen para a seguridade europea Corea do Norte e Irán,
- a redefinición das áreas xeográficas e ámbitos de actuación, redefinición que se fará por medio da reformulación do conceito estratéxico da OTAN actualmente en vigor.

Os dous primeiros obxectivos sonlle familiares a calquer persoa que faga un seguimento aínda que no sexa diario da actualidade política internacional; todo o mundo asume que hoxe a guerra do Afganistán é un saco sen fondo que só aporta mortos, perda de popularidade para os gobernantes norteamericanos e os seus aliados ademais de unha importante sangría económica, por iso os EEUU chegan a Lisboa coa proposta de marcarse 2014 como data para abandonar ese país buscando unha saída que non dea imaxe de derrota. E a instalación en Europa de sistemas de armamento supostamente defensivos só ben a ser a actualización dos mísiles Cruise y Pershing II de inicios da década dos oitenta do século pasado ou da Guerra das Galaxias de Reagan retomada posteriormente por Bush.

Pero o verdadeiramente salientábel da Cimeira de Lisboa está nesa reformulación do conceito estratéxico da OTAN, algo que os participantes tentarán que pase desapercibido ao non convirlles que saibamos o que agachan verdadeiramente esas palabras "reformulación do conceito estratéxico"

O conceito estratéxico actualmente en vigor que data de 1999 ten unha importante eiva ao non facer referencia expresa ao inimigo do que a OTAN debe defendernos, cando a súa aprobación xa desaparecera o bloque soviético e aínda non se crearan por parte dos servizos de propaganda norteamericanos nin o eixo do mal nin a ameaza do terrorismo internacional.

No novo conceito estratéxico a OTAN define que o seu ámbito xeográfico de actuación será o conxunto do planeta, intervindo onde o considere preciso directamente ou buscando alianzas cando lles conveña facelo dese xeito, alianzas coa Unión Europea, a ONU, a Unión Africana, etc..., organismos internacionais que si na teoría serían socios colaboradores desas actuacións á hora da verdade non deixan de ser títeres e máscaras que lle permiten ao imperialismo disfrazar as súas actuacións agresivas.

E xunto coa ampliación do campo xeográfico de actuación tamén se vai acordar en Lisboa ampliar a temática que até agora estaba restrinxida a misións de axuda humanitaria e de mantemento da paz. Segundo as poucas informacións ás que se pode ter acceso a OTAN vai definir como obxectos posíbeis da súa intervención o control das fontes de enerxía, cuestións relacionadas coa preservación medio-ambiental, os movementos migratorios e as situacións que poideran afectar á seguridade e estabilidade interna dos seus membros.

Este novo conceito estratéxico da OTAN que con toda seguridade vai ser aprobado por unanimidade supón na práctica a consolidación da mesma como xendarme internacional, un xendarme que seguirá actuando baixo a dirección dos Estados Unidos en función dos intereses propios dese país e que neste momento busca a complicidade de Rusia porque ten interese en que lle bote unha man no tema afgano e en facer fronte común contra os perigos que para Estados Unidos representan China no ámbito económico e de control de recursos e aqueles países maiormente latinoamericanos que están comprometidos na construción dun mundo máis xusto e nunhas relacións internacionais baseadas na cooperación e na resolución pacífica de conflitos.

Pese ao interese dos participantes e dos medios de comunicación do sistema en que non se fale do verdadeiro significado da Cimeira da OTAN en Lisboa hai xa moitos meses que a Plataforma "Paz Sim, NATO Não" está a desenvolver unha intensa campaña de denuncia en todo Portugal, campaña que terá o seu acto central nunha masiva manifestación en Lisboa o sábado día 20; e na Galiza o BNG denunciou publicamente os obxectivos da Cimeira e o papel de comparsas dos Estados Unidos que neste tema asumen o Estado Español e a Unión Europea.