A cada erro a súa paga


Un país non sobrevive sen facenda propia. O Banco central de España que asume o poder de superdirixir as finanzas, leva erro tras erro. Así nos días da presidencia de Aznar e agora na de Zapatero. Os presidentes de tal banco deron carta branca, por anos, aos bancos e caixas a hipotecaren sen garantía e a crearen burbullas. O actual presidente, en calquera instante, sae a dicirnos que debemos facer: flexibilidade laboral, contención de salarios, etc. Todo un relatorio do máis rancio monetarismo, dun neoliberalismo perverso.

Canto realicemos de acordo co Sr. Presidente do Banco de España ha levarnos á miseria. Porque todo o seu programa é antisocial. A NCG ten un futuro escuro se atende ao ditame do devandito Presidente; é un futuro imposíbel se o desatende. Que facer? J. Stiglitz acaba de suxerir ao FMI que modifique as súas propostas, que a inflación non é sempre morbosa, pode dar ocasión a medre económico. Intentemos a imposíbel? Saída do cárcere neoliberal.

...

Os gobernos de USA e da UE pecharon os ollos ante o comportamento criminal de Gaddafi; ante os crimes e opresión cívica durante 42 anos. Ultimamente andiveron a bicos con Gaddafi xefes de estado e alcaldes, v.g. N. Sarkozy, S. Berlusconi, Sr. Gallardón, etc...

Son cidadáns de Libia os que se sublevaron contra a tiranía; comezaron familiares de milleiros de vítimas do Gaddafi e sumáronselles diversos sectores: un conglomerado inda amorfo. Trátase dunha sublevación en cadea nos países árabes, mais non da preparación das de Túnez e Exipto. Nin Libia é un país de estrutura social do mesmo nivel que os seus veciños. A conxuntura económica e a exaltada violencia en Libia da pé á intervención da ONU. Unha intervención razoábel, una inxerencia obrigada ante a masacre e as amezas de Gaddafi. Mais a inxerencia ten diversas formas; escolleuse a da guerra. Un erro máis dos xa vistos no Golfo, en Irak, Afganistán, Líbano, etc.

Por que todo isto? Porque a ONU non funciona debidamente; non está ao día. Tiña a obriga de actuar hai anos protexendo aos cidadáns libios e impedindo a tiranía dun "orate" que está a superar en anos ao franquismo. Ao solaparse os intereses económicos á acción bélica, esta inda é máis lamentábel. E se os parlamentos a xustifican por inevitábel, deberían subliñar a irresponsabilidade xeral da ONU, de USA, da UE por non teren adoptado a tempo por inxerencias eficaces. As guerras non poden ser parte da historia do século XXI, están superadas; somos cidadáns alérxicos á guerra, capaces de arbitraren outros recursos eficaces sen mortes de civís e destrozo de territorios.

...

Levan anos os científicos a indicaren as consecuencias do "cambio climático"; propoñen solucións. Mais seguen a edificaren á beira do mar e dos ríos diversas empresas e alcaldes a consentiren. Venecia anega; numerosas illas mergúllanse; fábricas e pavillóns ha de afundiren logo. Mais segue a mesma teima estafadora.

Que facer? A obstinación humana é sorprendente. A narración bíblica do dioivo é boa advertencia. O Qohélet escrebeu: "Púxenme a reparar daquela na sabedoría e na necedade e na tolemia; o sabio ten ollos na cara, o necio camiña na tebra. ¡Ai! Morre o sabio e morre tamén o necio! ... Todo é efémero e papar ventos" (Qo.2,12...)