Quen me necesita? A quen necesito?

Das comunidades empobrecidas debemos aprender moito para estas situacións. Un lugar en conflito vólvese habitable e con esperanza cando a xente comeza a usar o pronome “nós”

As épocas de crise como as que estamos a vivir lévannos a reflexionar sobre preguntas incómodas que fan abanear fortes cimentacións, pero isto, lonxe de ser un problema debería ser a maior fortaleza do momento.

Cando a situación económica nos fai crer que todo vai sobre rodas, a nosa condición humana, ou máis ben, a nosa educación moral, provoca un sentimento de solidariedade cara os máis necesitados que se ve acrecentada cando esas desgrazas acontecen a miles de quilómetros da nosa casa. Así xorden como cogomelos as macrorganizacións-recaudatorias de fondos para os mal chamados países pobres, que con mentalidade paternalista e cultura occidental desembarcan neses territorios con grandes proxectos de desenvolvemento que non sempre precisan e sen contar coa opinión dos habitantes desas zonas.

Contaba nunha ocasión un cooperante de Ecoloxistas do Salnés que xa levaba varios anos en Nicaragua, que atopou unha aldea remota que fora arrasada polo furacán Mich, totalmente reconstruída e ca vida normalizada sen que chegara un só dólar de axuda humanitaria, máis que nada porque non coñecían a súa existencia. O resto das cidades e pobos aínda estaban destruídas. Para sermos xustos non podemos catalogar a todas as ong do mesmo xeito porque caeríamos na tan temida xeneralización de "todos os partidos políticos, sindicatos, organizacións...son iguais", e aínda quedan algunhas que seguen a sentirse instrumentos dos que precisan saír dunha situación de inxustiza enfrontándose á  tarefa con respecto e humildade, máis hai que lamentar que cada vez son menos e sobreviven con grande dificultade entre as quenllas solidarias.

Pero ¿que acontece cando se instala entre os países "ricos" unha situación como a actual?

Os habitantes dos países empobrecidos van estar peor, sen dúbida, pero a desesperanza non vai ser maior. Os que foron obxectivos da AECI (Axencia Españoña de Cooperación Internacional) verán como os proxectos, bos ou non, abandónanse e alguén sairá perxudicado.

Na mentalidade da vida dun occidental a situación é moi distinta. A sensación de fracaso estase a apoderar da cidadanía e o único compromiso comunitario que se mantén é o fútbol e en menor medida, pero subindo, a Igrexa.

Das comunidades empobrecidas debemos aprender moito para  estas situacións. Un lugar en conflito vólvese habitable e con esperanza cando a xente comeza a usar o pronome "nós", pero ese desexo de comunidade pode ser defensivo e expresarse como rexeitamento aos inmigrantes e outras persoas de fóra. Sen dúbida este risco existe e hai que estar atentos, pero podémolo usar con unha actitude máis positiva.

O vínculo social xurde basicamente dunha sensación de dependencia mutua. Todos os dogmas da nova orde tratan a dependencia como unha condición vergoñenta. O ataque ao Estado de benestar comezou no réxime neoliberal anglosaxón, e agora esténdese como o lume, tratando aos que dependen do Estado coa sospeita de que son parásitos sociais máis que persoas verdadeiramente indefensas. Segundo o psicólogo Jhon Bowlbg, unha persoa saudablemente independente é  quén de depender dos outros cando a ocasión o require.

Este concepto de dependencia mutua o entenderon moi ben os sectores financeiros e saben que dependen uns de outros para seguir saíndo vitorioso.

O fondo ácido das discusións actuais sobre a necesidade de benestar social, dereitos sociais e redes de seguridade está empapado de insinuacións de parasitismo, pero por outra banda tamén está a rabia dos humillados.Este sentimento ten que ser o motor da transformación social e os que acreditamos nela temos a responsabilidade de entendelo e aproveitalo en beneficio de todos e de todas.

Estamos nunha situación de conflito crecente e debemos ter claro que a xente está máis unida polo conflito verbal que polo acordo verbal. No conflito hai que esforzarse máis para comunicarse e a xente aprende a escoitar e a reaccionar entre si incluso percibindo as diferenzas máis profundas.

Os vínculos creados polo conflito interno están moi lonxe das declaración defensivas de solidariedade e das compañas publicitarias que nos responsabilizan do problema e da solución.

Temos que aprender, para sempre, que cando unha sociedade ou unha organización social vive nunha aparente páx, sen conflito, está vacua (como exemplo serviría a idílica relación goberno- sindicatos estatais).

Os que ostentan o poder temen a confrontación organizada, temen a acción sindical seria e adoran a flexibilidade. Temen o rearme social e temen as organizacións que se senten instrumentos (non líderes mesiánicos) para a canalización da rabia dos humillados.

Para que haxa un destino compartido debe haber historia, que a hai, pero debe haber unha narrativa compartida da dificultade. O cambio producirase sobre o terreo, en interdependencia mutua e mantendo unha razón profunda para coidarnos entre nós.