Os lumes forestais e a confusión interesada

Estamos ante un problema de Pais; mellor dito, ante un problema do futuro do Pais

Como todos os veráns, aínda que non sexan unha praga bíblica, nin unha penitencia que temos que purgar os galegos e as galegas por un pecado histórico cometido, os lumes forestais, volven ao territorio galego. Ao territorio galego xa que cos lumes forestais, non somentes arden os montes; arde o territorio (pastos, cultivos, paisaxe, biodiversidade...). Non estamos, xa que logo, ante un problema somentes dos titulares das terras. Estamos ante un problema de Pais; mellor dito, ante un problema do futuro do Pais.               

A problemática dos lumes forestais, non pode considerarse como un problema  illado. As principais causas dos lumes forestais son de carácter estrutural; derivadas de unha política de montes e do medio rural erradas. Políticas erradas que forestou salvaxemente os montes e forzou o abandono do medio rural. Políticas erradas que arrancan no franquismo e que son continuadas por todos os gobernos da Xunta de Galiza, salvo o breve paréntese da Consellaría do Medio Rural do goberno bipartito, dirixida politicamente polo BNG .               

Esta política de montes e do medio rural, puxera as bases para que, no medio e no longo prazo, os lumes forestais, deixaran de ser un problema para o territorio galego. Esta política contiña medidas para acadar un monte multifuncional e sustentábel  (axudas para a multifuncionalidade dos montes, para plantación de frondosas autóctonas, para produtos non madeirábeis dos montes). Medidas para que os titulares das terras fosen os principais implicados na súa posta en valor (creación da unidades de xestión forestal, plena capacidade de decisión das comunidades de montes, xestores da biomasa forestal residual ). Medidas para acadar un medio rural vivo (prohibición de forestar terras agrarias, enerxía eólica xunguida a proxectos agro-gandeiros, banco de terras). Eran pois, bases políticas acaídas para os intereses das populacións que viven no medio rural e polo tanto, para os intereses das maiorías sociais da nosa nación.            

A política de montes e do medio rural do Partido Popular, é radicalmente distinta. As bases de esta política son: Considerar como único aproveitamento dos montes, o aproveitamento forestal; mais non un aproveitamento forestal diversificado, senón en réxime de monocultivo forestal (eucaliptus para fornecer as pasteiras e para cultivos enerxéticos ). Usurpar as terras veciñais os seus lexítimos titulares para entregarllas as empresas forestais privadas. Propor proxectos agresivos e colonialistas  para o medio rural (enerxía eólica, minaría, cultivos enerxéticos). Non afirmamos que a política de montes e do medio rural do Partido Popular, prende os lumes. Afirmamos con toda rotundidade que esta política favorece que os lumes forestais sigan a ser un grave problema para o territorio galego.            

Co verán chegan os lumes; e con eles chegan as cerimonias de confusión interesada. O Partido Popular, para que non se fale de que as principais causas dos lumes, son derivadas da súa errada política de montes e do medio rural, aplica a teoría da tinta da lura. Tenta desviar o debate cara causas secundarias.  Así, din que as causas dos lumes forestais son porque os montes non están limpos (culpando os titulares das terras). Ou din que a solución aos lumes forestais pasa por incrementar as penas os incendiarios/as (reduce o problema a unha cuestión de orde público). Para concluír que a súa errada política de montes e de medio rural, non ten culpa de nada. Curiosamente, nada din de que, o Sr Feijoo, logo da vaga de lumes do verán do 2006, tiña a solución aos lumes forestais. Solución que consistía en: mangueiriña de xardín con roupa de tomar un  piscolabis en calquera clube naútico da costa galega (ou na iate de Marcial Dorado).              

Mais difícil de entender (ou non), é a entrada nesta cerimonia de confusión interesada, facéndolle xogo ao Partido Popular, de sectores que, en principio non deberían estar nesa órbita. Estou a referirme a plataformas, asembleas... que logo dos lumes, e como se fosen eucaliptus, medran polo Pais adiante. Estoume a referir a comités, mesas..., que resucitan cos lumes. Todas estas entidades, de tipo conxuntural, aparte de propor algunha medidas positivas para o combate os lumes forestais, teñen un denominador común. Un denominador  falso e confusionista. Este denominador común é o afirmar que todas as políticas de montes (eles din forestais), de todos os gobernos da Xunta de Galiza, foron iguais.                    
Esta afirmación e totalmente falsa .Se fose certa, habería que preguntarse, porque o Partido Popular, cando retorna ao poder na Xunta de Galiza, votou a baixo todas e cada unha das medidas da política de montes e do medio rural, da Consellaría do Medio Rural do goberno bipartito?. Evidentemente, votounas abaixo porque non eran as liñas mestras da súa política de montes; senón todo o contrario.                     

Afirmar que todas as políticas de montes de todos os gobernos da Xunta de Galiza, foron iguais, somentes pode entenderse no interese consciente de estas diversas organizacións en entrar na mesma cerimonia confusionista que lle interesa ao Partido Popular. En non querer que o pobo galego saiba, que outra política de montes e de medio rural, eficaz na loita contra o lume, e posíbel.                   

E mais, non é que sexa posíbel; e que xa existiu. Foi a política de montes e do medio rural da consellaría do medio rural do goberno bipartito, dirixida politicamente polo BNG. Pódese negar esta evidencia (e mais cego o que non quere ver, que o que non ve ), pero é a verdade. E a verdade é a verdade, diga Agamenón ou seu porqueiro.