Os caixa...ques eran, en realidade caixaxetas

Os caixa...ques eran, en realidade caixaxetas
Resulta que agora que xa non son caixas nin nada, decatámonos de que podíamos influír no seus destinos dende instrumentos políticos

Na colaboración de abril deste ano, facíame a pregunta de como se denominaría aos dirixentes das caixas. Agora, visto o visto, non me queda dúbida que superaron o que esperaba deles.

Sabía, pola súa nefasta traxectoria (levaran as caixas á ruína) que eran moi malos xestores. Xa abonda de botarlle a culpa á crise mundial e a toda esa historia que din que veu de América. Ese un rollo barato.

Os dirixentes das caixas galegas xogaron a ser os novos ricos neste territorio -co aplauso socio dos políticos pesebreiros- e saíulles mal. Non hai máis. Vían como pequenas compañías facían cartos promovendo vivendas ou facendo viño e eles foron, cheos de cobiza, a facer o mesmo. E o conto saíu mal, moi mal, pero para Galiza, non para eles.

Todos eses elementos saíron mega-ricos xubilados ou prexubilados, e co mérito de conseguir fundir a empresa na que "traballaban", empresas que tiñan traxectorias centenarias. E ben certo que non hai cultura da xustiza nesta esquina do mundo.

Estes individuos non terían que ser xubilados, senón que tiñan que ser condenados a traballar ata que aprenderan a lección, xa non polo que fixeron, senón polo premio que buscaron polo que fixeran. Pero o traballo o que me refiro e o de limpar montes ou cousas así, eses traballos que se escoitan nos bares que se deben reservar para os parados que non conseguen atopar traballo e que teñen o "delito" de estar cobrando un subsidio raquítico.

 Nestes casos de "delincuencia económica" eu aprobaría unha lei de traballo forzado. Un pode equivocarse, por moitas circunstancias, o erro é humano, pero o que non se pode consentir e que esa incapacidade mesturada con soberbia e prepotencia teña premio. E que premio. Si violento soa as indemnizacións en euros, cando as traducimos a pesetas, da vertixe e é para volverse tolo.

 

Daban unhas esmolas para colgar uns cadros e para facer una festa para os guais (que dicían que era obra social) e xa era unha banca que había que defender. Menudo país. Resulta que agora que xa non son caixas nin nada, decatámonos de que podíamos influír no seus destinos dende instrumentos políticos (Xunta, concellos). Tarde piamos todos.

Tiñan calados (a saber cómo) aos medios de comunicación, aos dirixentes políticos e a todo quisque. Manexaban as caixas de todos como si foran os seus chiringuitos coa complicidade das "forzas vivas" da nosa terra. Pero claro, estas agora asubían e miran para outro lado. A escorrer o bulto toca.

Pois deben saber, que así non avanzamos como país. Toca que todos os que por acción ou omisión non fixeron ben o seu traballo, teñan a presenza de ánimo de recoñecelo.Teño para min que non o farán.

Esas elites "tapón" queren seguir estando arriba mude o que mude. Aínda que o de abaixo xa estea desaparecido ou morto en combate. Pero deben saber que o tempo estase a esgotar. Xa queda menos para que todo estoupe. E acaso poda ser un estoupido rexenerador. A outra opción, que sería que todo siga igual sería algo así como a morte lenta de todo un pais.

Estamos, necesariamente, en tempos de cambio. E o cambio vai a ser para todos. Non vai a haber paredes estancas. Cando primeiro entendan os de arriba que nos salvamos todos ou no se salva ninguén primeiro comezaremos a resolver o gravísimo problema social, económico, e ético-moral no que nos atopamos.

E que vaian lendo algo da historia, que busquen consellos dos que saben,  porque situacións como as que estamos a vivir agora xa pasaron antes en diferentes puntos do mundo. Non é nada novo. Xa abonda de escoitar que esta crise é diferente ás anteriores porque é global e bla, bla, bla.

Esta crise é importante porque nos afecta a nos. Porque si lles afectara aos negros de África ou aos sudamericanos, diríamos que son eles o "problema". Pois con máis motivo agora, penso eu que o problema somos nós. Uns porque son uns mangantes, outros uns pesebreiros e outros por deixar facer.

O peor de todo é que todos imos no mesmo barco e que non parece que todos queiran vogar cara o mesmo destino (en realidade hai demasiados capitáns para tan pouco mariñeiro, non saben mandar e tampouco poñen os medios para que os que sempre remamos podamos facer o noso traballo. Menuda tropa, e nun espazo tan pequeno como é un barco, isto termina afectando a convivencia). E o símil do barco quere reflexar a interdependencia que as accións de uns teñen inmediatas repercusións noutros. Non hai acción sen repercursión. E o que ten a sociedade moderna.

Quixera ser máis optimista, ou algo optimista, pero de seguir a situación ético-legal-política e económica como se presenta agora, hai que ir pensando que temos que desfrutar o momento porque o futuro ven moi negro, por non dicir que estas actitudes das elites tapón van a levar ao país a un escenario de crispación que non vai a axudar a fixar o rumbo que como pais necesariamente nos temos que fixar, porque sen rumbo non imos cara a ningures.

E parece que imos sen rumbo. Recoñezamos os problemas e busquemos solucións. É o que temos que facer, e pidamos responsabilidades aos que se aproveitan da nosa confianza e dos nosos cartos. De non facelo seguiremos polo camiño da destrución.

Abondan os caixaxetas e os políticos cómplices. Toca abrir as fiestras e airear o país.