O rural como escea de actuación política

É interesante comprobar como hai mecanismos que diferenzan e asemellan a realidade rural á realidade urbana

Para min resulta imposíbel non falar da especificidade do traballo político no rural , e máis nestas datas. É interesante comprobar como hai mecanismos que diferenzan e asemellan a realidade rural á realidade urbana. Polo que sempre espertou o meu interese o estudo do agrarismo xa que semella interesante a posibilidade de vencellar o concepto de espazo , (tratado dende diferentes perspectivas) e relacionalo dalgún xeito coa construción de identidades políticas concretas, e sen ningunha dúbida , o movemento agrario galego constitúe un bo exemplo para  este tipo análise.

Ademais coido imprescindíbel revindicar o estudo dun movemento descoñecido para a maioría de nós e das súas figuras máis relevantes para ter un maior coñecemento do pasado da nosa realidade social e política  sobre todo cando algunhas cuestións aínda seguen tendo vixencia na actualidade

A ninguén se lle escapa hoxe que este espazo configurou e configura en grande medida a realidade galega. Primeiro, porque no pasado a maior parte da poboación activa concentrábase alí. Segundo, porque o seus problemas de desenvolvemento inflúen nos cambios da estratificación social e política da sociedade galega, e por último porque é un feito innegábel que unha parte importante do noso espazo político e social a día de hoxe é rural (aínda que por suposto nas cidades se concentre unha importante cantidade de poboación.) polo que  os seus problemas teñen un peso importante nas axendas políticas.

A análise do espazo para entender a acción política e social entendida esta última como a capacidade de adquirir ou conseguir a concienciación de grupo a través de valores e pautas de comportamento comúns que vencellen ao grupo na consecución dos seus obxectivos  é básico para o traballo na praxe. Se buscamos causa aos logros do movemento agrario debemos entender que pasaron pola  identificación dos intereses da sociedade agraria (institución) cos intereses da parroquia. O que favorecía a entrada da maior parte , senón a totalidade ,dos veciños na sociedades agrarias dispostos a defender certas cuestións por consideralas como básicos no seu desenvolvemento individual e social.

Isto sen dúbida reflicte a teoría da lóxica da acción colectiva, que parte da presuposición de certas características encamiñadas a buscar un obxectivo concreto: o ben común . Os supostos dos que falamos son:

- A existencia de individuos con obxectivos e intereses comúns.

- A posibilidade de elección libre de participar ou non nas actividades encamiñadas a satisfacer as necesidades de todo o grupo.

- O resultado é para toda a sociedade sen prexuízo de que se poidan restablecer  regras limitativas sectoriais adicionais para beneficiar directamente a un sector.

Se cadra isto describe perfectamente non so espazo rural senón o espazo de actuación política e as liñas estratéxicas que conforman a mobilización e actividade política . Mais,  por que é necesario que fagamos de novo, estas reflexións?

Porque é o momento de volver asumir que o BNG como organización política é o instrumento que debe recoller  todas a preocupacións e identificalas coas nosas alternativas e que esa é a única opción  viábel. É isto nun contexto tan especifico como o rural pode darnos as claves da necesidade de artellar ideas que conecten coas demandas dos veciñas entendidas dende a esquerda nacionalista , ese é o papel do BNG.

Pero sendo honestos non podemos esquecer que estamos nunha época de desafección política na que costa moito a mobilización xa non so dos veciños senón da nosa propia militancia, e isto será aproveitado por todos aqueles que gostan dunha sociedade civil calmada e calada na que poder facer a súa política.

Por iso é momento de volver a traballar os aspectos ideolóxicos máis  básicos , debemos  traballar os programas e  a solucións .

Debémoslle a moita xente este traballo, a todas esas persoas que revindacabamos en parágrafos anteriores. O camiño ao cambio é complexo e duro e non podemos buscar nel o noso propio protagonismo, debemos (como eu o penso) volvernos a identificar como instrumento, como BNG, como organización disposta ao cambio.

Así que tendo en conta o espazo no que nos movemos, traballemos en alternativas, e fagámolo xa porque é tempo de BNG!