O paro, un dos maiores dramas da crise económica, tamén na Galiza

O paro, un dos maiores dramas da crise económica, tamén na Galiza
As cifras de desempregados/as oficiais son: 226.500 persoas en paro (17,3%) a 31.03.11; 244.662 persoas en paro a 30.04.11

As últimas cifras de desempregados/as oficiais, dadas a coñecer no mes de abril, sexan datos da EPA, con 226.500 persoas en paro (17,3%) a 31.03.11, ou datos de paro rexistrado con 244.662 persoas en paro a 30.04.11, son suficientemente demostrativos das graves consecuencias que para a clase traballadora está a ter a crise económica, así como do pouco eficaces que resultan as medidas políticas que se teñen adoptado ata agora polos diferentes gobernos, central e autonómico. Destas cifras de desempregados, máis do 50% son menores de 35 anos.

A porcentaxe dos parados e paradas que cobra algún tipo de prestación (desemprego, subsidio) é do 60%, estamos a falar pois de que máis de 97.000 persoas non perciben ningún tipo de prestación por desemprego, e moitos dos que reciben algún tipo de prestación son axudas mínimas que non lles permiten saír dos niveis da pobreza (426€/mes por subsidio de desemprego, por exemplo ). Isto sitúanos nun escenario no que moitos miles de persoas están a pasar auténticos dramas, tendo que recorrer cada vez máis á beneficencia, en grave perigo de caer na exclusión social ou os "máis afortunados" traballando na economía somerxida. Non é pois de estrañar que o número de persoas en situación de pobreza en Galiza estea preto das 600.000 (con ingresos inferiores a 7.000€ anuais).

A CIG vimos denunciando, desde o primeiro momento, de que a reforma laboral ou das pensións, o recorte do gasto público, a redución dos salarios, o incremento dos impostos indirectos ou a privatización de empresas e servizos públicos, ademais de ser medidas inxustas, ao facer pagar o custo da crise a quen non era responsábel da mesma, non ían ser eficaces desde o punto de vista de reactivar a economía e solucionar un dos grandes problemas da crise como é a necesidade de creación de emprego. Razóns, en primeiro lugar, porque non se pode combater a crise recorrendo a medidas que nada teñen que ver coas causas da mesma e, en segundo lugar, porque o recorte de salarios ou do gasto público, nun momento de redución do investimento privado, o que está a xerar e caída do consumo, caída da produción, caída do investimento público produtivo, en definitiva perda de emprego.

Por parte da Xunta de Galiza, e polo tanto do PP, o que se está a facer é acompañar e compartir estas políticas neoliberais, respondendo así fielmente á defensa do que é o seu modelo económico, e ao mesmo tempo buscar xustificacións a súa ineficacia e ineptitude argumentando falla de competencias ou culpabilizando só ao Goberno Central desta situación. Os miles de postos de traballo que ía crear a Xunta, a través dos tan cacarexados Plan de Choque, Plan Estratéxico ou Acordos polo Emprego, estes últimos coa inestimábel colaboración de CCOO e UGT, quedaron absolutamente en nada, pois desde o 2009 en que tomou posesión como presidente autonómico o Sr. Feijoo non só non se creou emprego en Galiza se non que se destruíron máis de 70.000 empregos.

As perspectivas para o ano 2011 non son mellores. As previsións de crecemento económico que fai o propio goberno galego do 1%, ademais de seren moi optimistas, non son suficientes para xerar emprego o cal sitúanos nun escenario de nova perda de emprego nos próximos meses, coa agravante de que unha parte importante do emprego destruído en Galiza, nos dous últimos anos, foi no sector industrial, sobre o que segue habendo serias ameazas de novas destrucións.

Parece pois, que as medidas contra a crise que vimos defendendo dende o nacionalismo galego de mudar a política fiscal cara un modelo máis xusto e progresivo, dun maior investimento público, de mellorar o poder adquisitivo dos salarios, de perseguir o fraude fiscal, de penalizar os movementos especulativos do capital, de creación dunha banca pública, de apoiar o tecido produtivo, de crear empresas públicas nos sectores estratéxicos, de ter maiores competencias como nación en política fiscal, financeira, laboral, ..., seguen a ser as correctas e necesarias se queremos saír da crise desde unha perspectiva favorábel á clase traballadora.