O nacionalismo galego no bo camiño

É por iso que o nacionalismo galego no seu conxunto é o inimigo a bater no nacional e no social, somos a única alternativa real fronte ao españolismo e as políticas neoliberais

-----------------------------------------------------------------
[NOTA EDITORIAL.- A responsábel editorial desta publicación dixital, Terra e Tempo, recorda que as valoracións e opinións contidas nos artigos das colaboradoras e colaboradores habituais recaen integramente no ámbito da responsabilidade delas e deles. A directiva non asume como propias máis que as afirmacións do "Editorial" ou de "Xunta Directiva da Fundación Bautista Álvarez" que, con este nome, se publica á cabeza dos artigos do día. Tendo comprobado como é moi elevado o número de lecturas e comentarios dalgúns artigos -cousa que nos honra, naturalmente-, asistimos igualmente a unha utilización espuria da opinión dalgúns colaboradores, facéndoa extensiva á Fundación Bautista Álvarez ou á Unión do Povo Galego, partido que non ten responsabilidade sobre este dixital que edita a Fundación. Insistimos, por isto, en como o dixital Terra e Tempo, respeitando a liberdade de expresión dos seus colaboradores, non fai súas en absoluto as aprezacións particulares, sobre calquera tema, dos mesmos. Reservámonos, claro está, como en calquer publicación similar, o dereito de inserimento dos comentarios que cada artigo merecer, pois non damos nin daremos cabida a aqueles que conteñan insultos ou resulten difamantes ou inxuriantes para persoas, institucións ou organizacións.]
-----------------------------------------------------------------

Ata para os medios de comunicación do réxime semella moi difícil agochar a realidade, o nacionalismo galego é unha forza viva, con iniciativa e alternativas, pegada á sociedade e que está presente en cada uns dos conflitos sociais e laborais que asolan este país chamado Galiza.

No ámbito sindical a convocatoria da folga xeral do 27 de xaneiro de 2011 demostrou que o sindicalismo galego era quen de paralizar este país en solitario. Aquela folga, que foi un éxito, obrigou ao sindicalismo español a moverse fronte á contra reforma laboral do PP. Despois do anuncio por parte da CIG e da maioría sindical vasca da convocatoria xeral do 29 de marzo, sabían que eramos capaces e que tiñamos a intención de dar resposta, impedindo que, unha vez mais, CCOO e UGT foran cómplices do capital e das grandes empresas.


A folga xeral do 29 de marzo foi unha resposta histórica fronte aos recortes e as contra reformas, posible grazas ao papel do sindicalismo nacionalista e de clase que representa a CIG. Erra quen pense que é froito do traballo dun día ou duns meses, ou que fomos quen de mobilizar a 200.000 persoas só pola dureza da reforma.

A credibilidade do sindicalismo nacionalista no mundo do traballo, pero tamén no conxunto da sociedade, é froito da súa traxectoria histórica pero sobre todo do fortalecemento da nosa alternativa e do noso modelo sindical dende que no ano 2001 o compañeiro Suso Seixo chegou á Secretaría Xeral do sindicato.

No eido político, fronte a imaxe de descomposición que os medios tratan de impoñer e mentres outros falan de si mesmos e critican ao BNG cheos de resentimento, o BNG continua estando a fronte da defensa dos intereses da cidadanía galega, en Bruselas, en Madrid, en Santiago i en cada un dos Concellos.

O BNG mantén unha liña política clara fronte aos recortes e contra reformas, pero ademais está presente dando respostas e alternativas no día a día naquelas cuestións que afectan a sociedade galega: dende o incendio que asolou as fragas do eume; en apoio ao sector naval; en apoio á cidadanía afectada polo corraliño bancario i en apoio aos traballadores e traballadoras do sector financeiro afectados pola reestruturación; en defensa do porto de Vigo ou do tren de cercanías para a Coruña; en apoio aos sectores agrícola e pesqueiro ante a reforma da PAC (política agraria común) e da PCP (política pesqueira común). Estes son algúns exemplos, como todos e todas sabemos hai mais.

É por iso que o nacionalismo galego no seu conxunto é o inimigo a bater no nacional e no social, somos a única alternativa real fronte ao españolismo e as políticas neoliberais. Non entramos en leas, traballamos día a día por Galiza conscientes que a solución aos problemas do noso pobo pasan por conseguir a soberanía nacional e outro modelo de sociedade, estamos no bo camiño.