Non é unha crise económica, é unha batalla ideolóxica
As importantes mobilizacións actuais de non ir acompañadas dunha necesaria politización poden acabar desaparecendo en pouco tempo
Van alá perto de catro anos dándolle voltas á crise económica con propostas e contra-propostas, análises e contra-análises, receitas e contra-receitas, todo co suposto obxectivo de superala. E mentres, quen goberna no estado e na Galiza avanza inexorabelmente coas súas medidas de recortes dos servizos públicos e dos dereitos sociais e laborais; se ben é certo que lle corresponde agora ao Partido Popular a execución deses recortes a un ritmo acelerado debemos andar con ollo para non esquecermos quen abriron o camiño para os recortes actuais. Nin uns nin outros poñen en cuestión o marco e as políticas deseñadas, e semella ser a crise a única culpábel, unha crise provocada por uns especuladores financeiros aos que polo visto non é posíbel meter man dado que vivimos nunha sociedade de libre mercado e deben garantirse as liberdades dos mercadores aínda que sexa a costa da ruína do resto da poboación.
Hai un tempo publiquei un artigo no que facía referencia á necesidade de recuperar as palabras loita e clase, dúas palabras fundamentais para podermos comprender a actual situación e analisar os acontecementos que se están a producir e que nos deixan sen alento en non poucas ocasións. E falaba na necesidade de as recuperar dado que durante décadas mantívose agachada a palabra loita baixo o manto dun posíbel e segundo nos dicían moi necesario pacto social, e a palabra clase desaparecera da nosa linguaxe engolida polo chamado estado de benestar e o magnífico invento do pago a prazo que nos permitía abandonar definitivamente a condición de persoas para converternos en consumidores e consumidoras pasando a gozar dos chamados bens de consumo grazas a unha débeda bancaria amortizada mes a mes ao longo de toda a nosa vida.
Non é a crise o verdadeiro problema, e quen pense que o é estará auto-enganándose ao igual que se auto-enganan quen dirixen a súa xusta indignación e impotencia contra a mal chamada “clase política” ao tempo que berran nas manifestacións o de “todos son iguais”, ou consideran positiva a redución do número de deputados do parlamento galego, a eliminación das subvencións públicas ás organizacións políticas e a redución de dereitos sindicais ou a eliminación do dereito á paga de nadal dos empregados e empregadas do sector público.
Estamos diante dunha batalla ideolóxica, sendo a actual crise económica escusa ideal para que os defensores do capitalismo tenten recuperar posicións eliminando dunha vez por todas os dereitos que foron conquistados polas clases populares; hoxe o sistema en Europa está nunha clara ofensiva ideolóxica tentando afondar en políticas que foron postas en marcha no seu momento na Gran Bretaña e nos Estados Unidos por Margaret Thacher e Ronald Reagan respectivamente e que supuxeron un empobrecemento xeneralizado das súas poboacións co conseguinte drenaxe de recursos que posuían as maiorías sociais e pasaron a poder dunha minoría.
E esta ofensiva do noso inimigo precisa que a enfrontemos con ideoloxía, dado que as importantes mobilizacións actuais de non ir acompañadas dunha necesaria politización poden acabar desaparecendo en pouco tempo deixando en moitas das persoas que nelas participan o sabor amargo de aquilo que puido ser e finalmente non foi.
Politizar é falar cada vez máis coa xente e explicar que non existe ese malvada “clase política” e que as distintas organizacións políticas, sociais ou sindicais defenden uns determinados intereses que son intereses de clase e que a contraposición duns intereses con outros provoca a lóxica loita de clases, por iso non todas as políticas son iguais e por iso precisamos de acompañar a acción de masas coa actividade política, para que os intereses das clases populares, que son a maioría social, estean sempre por riba dos intereses dos que defenden a explotación e a desigualdade como o natural.
Neste tempo no que hai unha desafección xeneralizada pola actividade política non casual senón provocada a mantenta polo sistema para que quen son prexudicados polos recortes de dereitos non vexan alternativa maior que uns berros na rúa, debemos dirixir a forza desa indignación cara os verdadeiros culpábeis que son os especuladores financeiros e aqueles dirixentes políticos que coa súa actuación fan totalmente certa e actual a frase de Karl Marx “…o goberno do estado moderno non é senón un comité para xestionar os negocios comúns de toda a clase burguesa…”, e ao tempo conseguir que apoien activamente a quen defendemos propostas de mudanza real partindo da necesidade de superar o actual marco e poñer en marcha políticas alternativas.
Pódese facer pero só o daremos conseguido se ideoloxizamos e organizamos.