NCG como metáfora
29 de setembro de 2011 (00:00 h.)
A bancarización/privatización de Novacaixagalicia funciona perfeitamente como unha metáfora da recolonización que sofre o país
A bancarización/privatización de Novacaixagalicia funciona perfeitamente como unha metáfora da recolonización que sofre o país baixo a aparencia posmoderna da globalización. Advén dunha necesidade, a do capital financeiro por gañar novas cotas de mercado e compensar as perdas producidas pola burbulla inmobiliaria. A esa necesidade subordinouse sen reparos o complexo político bipartidista. PSOE e PP pactaron a desamortización das caixas, embora soubesen que, lonxe de contribuír para resolver a crise, a súa privatización findaría por agravala: ao retirar aínda máis liquidez da economía real para a inxectar nos circuítos especulativos. A crise decorre da despolitización do mercado. O capital, desembridado, axe sempre coa lóxica da concentración e da maximación do beneficio, custar o que custar, que diría Zapatero. Se o despolitizamos -políticos fóra, viva o mundo dos profesionais e dos técnicos!, cantaban os exexetas neoliberais- o mercado produce caos e anarquía. Non é que os capitalistas non planifiquen, é que, como ensina Marx, as súas contradicións internas findan por seren imposíbeis de sintetizar. Milton Friedman nunca recomendaría que se vendese unha hipoteca dun ático de luxo en Manhattan a un indixente, mais iso sucedeu no mundo do capitalismo real despolitizado.
3 MILLÓNS DE CLIENTES
Aterremos en Galiza. A caixa fusionada bancarizada controla o 51 por cento dos depositos das galegas e dos galegos. Ten 3 millóns de clientes. Nas condicións actuais do capitalismo, un mercado, por moi pequeno que sexa, é sempre un mercado. E NCG domina o mercado galego. Un bocado ben apetitoso, pois, para o capital. E aquí non falo de abstraccións, falo de magnates concretos con nomes e apelidos, que aínda non deron a cara, mais que a darán. Polo de agora se limitaron a utilizar testaferros de luxo, tabeiróns das finanzas que coñecen á perfección o oficio de comprar a prezo de ganga para logo vender a prezo de pelotazo.
Pois ben, ese gran negocio transfórmao o Estado español, através dun instrumento chamado Banco de España, só no 15 por cento das accións do novo banco. Todo un espolio! O 85 por cento restante cúbreo o Estado español cun desembolso de 2.465 millóns de euros a conta do FROB. E quen é o presidente executivo do novo banco? Talvez algún representante do Goberno galego, que aínda detenta (porque o Estatuto galego non foi derrogado, non si?) a competencia de tutelar a caixa? Quizá alguén designado polo Estado español, que non deixa de ser o máximo accionista dunha entidade que, chamésmolle as cousas polo seu nome, está a ser nacionalizada? Pois non, o máximo executivo é un financeiro que, oh prodixio do capitalismo real!, aínda non desembolsou un só céntimo de euro no banco. Cabe maior despropósito, mesmo dentro da escolástica capitalista? Nos manuais de economía política, os liberais sempre explican que o capitalista obtén beneficios superiores ao traballador porque arrisca o seu capital (?). Pero que está a arriscar neste momento José María Castellano e a súa equipa en NCG? Se o capital é social (NCG) ou público (FROB), por que é el quen dirixe a entidade? Pero non quedaramos en que precisamente ten sido a falta de control público sobre o mercado a orixe da crise? Non é certo que foron técnicos despolitizados os que deixaron mal a Friedman entregando hipotecas lixo (previamente abenzoadas con AAA por Standard and Poors) a esmoleiros?
ACUMULACIÓN NO CAPITALISMO E NO SOCIALISMO
Os liberais -conservadores ou social-liberais- nunca o admitirán, porén eles non serían nada sen o Estado. Nin eles nin o capitalismo. O Estado é básico para o proceso de acumulación do capital. Éo na formación social capitalista e éo na formación social socialista. A diferenza é que naquela, a acumulación de capital faise en mans privadas, cada vez menos mans, por certo. No socialismo, a acumulación socialízase. No capitalismo, privatízase.
Grazas ao Estado, Castellano pode ser presidente executivo de NCG sen ter tirado de chequeira. Bastoulle simplesmente unha vaga promesa de que podería captar uns 700 millóns de euros. Na globalización posmoderna, todo é hipotético, todo é mercado de futuros. O traballo non ten ningún valor. A produción tampouco. O único que ten valor é xogar a ruleta rusa. A espectativa. E xa sabemos que no casino sempre gaña a banca.
ESTATUTO: VIRADO EN LETRA MORTA
Castellano ten tamén unha enorme débeda de gratitude coa Xunta. O Goberno galego ten demitido absolutamente do seu papel como tal. Ten tolerado que se virase en letra morta toda a lexislación do Parlamento galego, desde o Estatuto até a Lei de Caixas que impulsionou o BNG. O papel de Feijóo, que só safa pola blindaxe mediática, é tan patético que até el mesmo se decata. É obvio que a culpa non é só del: el expresa a inexistencia dunha clase dirixente galega digna de tal nome. A súa inanidade manifesta o fracaso dunha burguesía galega que, alén de non crer no País, tampouco acredita en si mesma e acaba por ser simplesmente unha comparsa de intereses alleos (até os haxiógrafos de Castellano trompetean que a maior parte do capital que supostamente captará para NCG será estranxeiro).
Ninguén imaxina a un president da Generalitat, xa fose Mas ou Montilla, apresentando como suceso que La Caixa mantivese apenas un 15 por cento do accionariado do seu banco (en realidade, La Caixa é o accionista maioritario, co 81 por cento de Caixabank). Isto só sucede en Galiza e sucede porque continuamos a ser basicamente unha formación social colonizada, con centros de decisión situados fóra do País e con cada vez menos alavancas nas nosas mans. Só desde unha alienación moi forte se pode sustentar no goberno a un Feijóo que recibiu unha caixa 100 por 100 galega e vai entregar un banco privado en que o capital galego apenas chegará ao 20 por cento, no mellor dos casos.
O PAPEL DA BURGUESÍA GALEGA
Aínda non somos conscientes do golpe brutal que para a economía de Galiza supón a privatización da caixa. Aínda non somos conscientes do que tamén representa en termos de correlación de forzas social, en termos de ver que papel xoga -e que límites ten- a burguesía galega no contexto do Estado.
Estamos en vésperas eleitorais. Zoan ventos neoliberais, unionistas europeus e centralistas. Galiza ten ante si basicamente dúas opcións. A dos partidos estatais -que no plano político representan os segmentos do capital financeiro que se van lucrar co espolio do aforro galego- e a do nacionalismo, que no plano político identifica os sectores populares interesados na existencia de ferramentas propias que sirvan para un desenvolvimento do país en función dos seus propios intereses. E cando digo sectores populares non falo só da clase traballadora, falo tamén das pequenas e medianas empresas, que van ter agora aínda máis dificultades para financiarse, porque NCG banco porá os cartos antes na débeda pública soberana do que na economía real. Dá máis beneficios comprar títulos que financiar explotacións agrarias. Todo por obra e graza do mercado despolitizado.
NCG é portanto unha metáfora. De como un país pode perder a titularidade dos seus aforros sen que pase aparentemente nada. E tamén de como o capital engole o froito do traballo de 3 millóns de persoas e como pode desvialo non para criar riqueza, senón para criar máis capital, máis beneficio, máis papel, máis títulos de débeda.
UN BROKER DE LONDRES E O 20-N
Así funciona isto, non facía falta que un broker de Londres nolo explicase tan obscenamente, mais benvido sexa se serve para acordar conciencias. En todo caso, repoliticemos o mercado e politicemos a xente. Fagámola consciente do que hai detrás do escenario. O 20-N está aí a un paso. Xoguemos forte e apostemos pola única alternativa que traballa polos intereses da inmensa maioría das galegas e dos galegos.
Precisamos reforzar unha lóxica xeneticamente alternativa a aquela que ten causado a crise máis grave do capitalismo desde 1929 e que ten contribuído a empobrecer aínda máis (a colonizala, val dicer) a nosa nación.