Galardón, "o totem do PXOM"
15 de novembro de 2010 (23:00 h.)
Os PXOM deixaron de ter vixencia temporal dilatada; xa se esixiu adaptalos sete veces desde o ano 2002
Os Plans Xerais de Ordenación Municipal, en adiante PXOM, representaron un grande avance no urbanismo: deseñaban os crecementos futuros das cidades, vilas e demais asentamentos, e fixaban un marco de xogo claro. Todos sabían se podían ou non edificar e en que condicións. Palabras dun concelleiro de urbanismo de hai máis vinte anos: "Xa temos PXOM; a quen Deus lla dou, San Pedro lla bendiga".
Naquela época os Concellos tiñan grande capacidade de decisión sobre urbanismo e sobre o PXOM. O dedo de Deus podía ser longo, maiúscula a arbitrariedade; temos visto estreitar rúas, cambiar trazados, declarar urbanizábel no medio do monte, etc. Para o inimigo ou indiferente, os osos: viais, zonas verdes, equipamentos, proteccións, ...; para os amigos, a carne, os soares.
Aínda así, era positivo ter PXOM; os posíbeis favores, que non sempre os había, mellor con exposición pública e posibilidade de defensa a que se fixesen por atrás. O marco dun PXOM era mellor que a arbitrariedade permanente da súa carencia.
Por último, os PXOM tiñan unha vocación de permanencia, de varias décadas de vixencia. Así había tempo para ir interiorizando as normas e actuar de acordo a elas. O descrito até agora mudou radicalmente en decembro do 2002 coa LOUGA; todo pasou a ser case o contrario do que era.
Os PXOM deixaron de ter vixencia temporal dilatada; xa se esixiu adaptalos sete veces desde o ano 2002. Cambio continuo, mareo seguro. A LOUGA e leis derivadas modificaron substancialmente os PXOM sen exposición pública nin posíbel defensa; nunca antes sucedera tal cousa. A aprobación dos PXOM pasou a ser competencia da Xunta que aproba ou rexeita os Plans, aínda que os concellos aparenten ser os responsábeis.
As competencias dos concellos para redactar os PXOM case desapareceron; a Xunta fixa arredor do 70% dos contidos do Plan; as competencias sectoriais do Estado e da Xunta, outra boa porcentaxe, quedándolle aos concellos entre un 5 e un 10%.
É tal a inseguridade que planeamentos razoábeis, aprobados hai só unha década, aparte de seren modificados varias veces pola Xunta, teñen obriga legal de seren revisados recortando zonas edificábeis. Cales? As que diga a Xunta; razóns? As que diga a Xunta; criterios? Os que diga a Xunta.
Sempre o que "diga" a Xunta, porque nunca fai públicos eses criterios; terá que ser o Concello quen escriba a ditado e defenda este "mandato oculto" da Xunta. Pasamos da posíbel arbitrariedade dos concellos á da Xunta; cal é peor? Disquisición sen conclusión clara; a da Xunta é mais covarde, ás agachadas, sen exposicións públicas, impondo sen contemplacións o seu cambiante criterio. Por desgraza, a arbitrariedade nin desaparece nin diminúe; a última, as proteccións especiais de solo rústico seguirán rexendo para os concellos pero non para a Xunta (Lei de acompañamento dos orzamentos 2011).
Que pasa cando un concello apela á xunta sobre o PXOM?: "Sempre que che pregunto/ que cando, como e onde/ ti sempre respondes/ quizais, quizais, quizais." (Osvaldo Farrés). Ou, remedando un saúdo de moda hai uns anos: "veña un informe!" "veña outro informe!", e outro, e outro, e outro,...
E como se atopan os cidadáns ante o PXOM?. "Sempre andas dicindo para o ano que vén e chega outro ano e pasa tamén" (A Roda). Por non saber, nin saben quen os están mareando: Concello ou Xunta?. Ah, depende!
E cando esa indefinida cantidade de anos chega ao final, a conclusión é devastadora: Para que? Para que serviu adorar o "totem", aprobar o PXOM adaptado? No mellor dos casos, para bastante pouco; noutros para quedar peor que antes.
O asunto só parece ter unha saída clara: A Xunta determina: modelo territorial, infraestruturas, dotacións, crecemento urbano, dos núcleos rurais, proteccións, etc. Por que non redacta documentos nos que se recolla ese 70% de contidos? Para iso están os Plans Territoriais Integrados. Os PXOM deberían quedar limitados ás competencias reais dos concellos.
Deixaríamos de gastar enerxías en balde, de desperdiciar millóns de euros en novos PXOM de futuro incerto, de encher caixóns con documentación inútil. Podería ocorrer algo así? Parece demasiada racionalidade no urbanismo actual, cada vez máis liado e arbitrario; veremos. Pero mentres isto non ocorre, participemos no concurso sen ningún "tabú", decidamos democraticamente entre as dúas finalistas.
Menos mal que se pode facer moito urbanismo, inclusive brillante e do bo, á marxe de PXOM adaptados. Menos mal!!