Esmorece a era nuclear? (I)

Os intentos de rexurdimento fican esmagados pola realidade

Unha central nuclear das grandes xera aproximadamente a mesma cantidade de electricidade que unha de gas ou carbón, tipicamente mil millóns de vatios (1 GW). A d'As Pontes é a maior central térmica do estado español, con máis de 1,4 GW de potencia. No estado español hai oito reactores nucleares en funcionamento; o último en entrar en funcionamenton foi o de Trillo, en Guadalajara, en 1988.

Unha central nuclear é unha central térmica que emprega uranio (U) ou plutonio (Pu) como combustíbel en vez de combustíbeis fósiles como gas ou carbón (ou derivados do petroleo). Isto é, a desintegración dos núcleos radioactivos no reactor nuclear quece auga e produce vapor, que á súa vez fai xirar unha turbina que está conectada a un alternador que xera a electricidade. Os reactores nucleares funcionan co mesmo fundamento físico que as bombas nucleares: a fonte de enerxía é a radiación producida polas sucesivas desintegracións por fisión de núcleos de átomos de U-235 ou Pu-239 nunha reacción en cadea. Se a reacción é controlada -quer pola pureza do combustíbel, quer polo uso de moderadores- temos un reactor nuclear.

Logo do parón nuclear que se produciu a nivel mundial tras os gravísimos accidentes de Three Mile Island en Harrisburg (Estados Unidos) en 1979 e especialmente Chernobyl (antiga URSS, actualmente Ucraina) en 1986, nos últimos anos tíñase reavivado o debate sobre a necesidade de acudir á enerxía nuclear novamente para tratar de dar saída a chamada "crise enerxética" que existe a nivel mundial. Esta "necesidade" viña argumentada, segundo un informe do 2006 da Asociación para el Estudio de los Recursos Energéticos de España (AEREN), principalmente por:

·    Incremento continuado da demanda enerxética, alcanzando o dobre da actual en 2030.

·    Problemas de reservas, suministro e prezo dos combustíbeis fósiles.

·    Necesidade de limitar as emisións de dióxido de carbono e gases contaminantes.

·    Desenvolvemento de modernos reactores nucleares de terceira e cuarta xeración.

Este rexurdimento da enerxía nuclear consistiría fundamentalmente na prolongación da vida útil dos reactores actualmente en funcionamento -logo de superadas as pertinentes probas de seguridade- dos 40 ao 60 anos, e a construción de novas centrais nucleares, que como mínimo deben ir substituindo ás que haxa que pechar. Actualmente estanse a construír 44 plantas nucleares no mundo, a maior parte delas nos chamados paises emerxentes, como China (11) ou India (6).

A enerxía nuclear pretendía presentársenos como única alternativa aos combustíbeis fósiles no sentido de ser viábel economicamente, ser ecolóxica ao non emitir gases que contribúan ao efecto invernadoiro, e darlle aos paises independencia enerxética. Xa hai anos que o ex-presidente Felipe González teimaba coa necesidade de reabrir en Europa o debate nuclear. Uns días antes do desastre de Fukushima, o ex-presidente do goberno español José María Aznar reclamaba incentivar esta "enerxía limpa", asegurando que en outros paises este debate xa estaba superado e aquí levabamos 20 anos de retraso e que "España segue a ser o país máis dependente enerxeticamente das grandes economías da Unión Europea". Como medidas propón o informe das FAES, xunto coa industria nuclear española e Felipe González, representada polo Foro Nuclear, que se revocara o peche de Garoña, previsto para 2013, se prorrogara a vida até os 60 anos do resto e se iniciara un novo plan de selección de emprazamentos para novas centrais nucleares. E aí Galiza, ao igual que nos anos setenta en Xove, tería moitas papeletas para que lle tocara, ao precisaren grandes cantidades de auga.

(E por certo, casualmente tanto Felipe González como Aznar foron recentemente "fichados" polas dúas grandes empresas eléctricas do estado, Endesa e Gas Natural Fenosa para formar parte dos seus Consellos de Administración cunhas retribucións estimadas en 126.000 e 200.000 euros anuais respectivamente.)

Tamén propoñen as FAES a construción de almacéns nucleares para os residuos radioactivos, os coñecidos como ATC, os almacéns temporais centralizados. Logo do grave accidente da central de Vandellós I en 1989, decidiuse o seu desmantelamento con tan só 17 anos de funcionamento. O estado español non tiña -e segue sen ter a día de hoxe-capacidade para xestionar residuos de alta actividade, polo que desde entón a empresa pública que xestiona os residuos radioactivos, ENRESA, envíaos a Franza pagándolle 40.000 euros diarios; desde o 1 de xaneiro de 2011, págaselle 60.000 euros diarios, que saen das nosas facturas eléctricas. Por almacenar os residuos, que nalgún momento regresarán a territorio español. Porque os refugallos radioactivos duran miles de anos e polo de agora non se poden eliminar nin neutralizar. Sen dúbida ao tratamento dos residuos nucleares non se lle ten dado resposta satisfactoria. É un dos problemas máis intratábeis e irresolúbeis aos que se enfronta a industria nuclear. E en materia nuclear, cada decisión que se toma ten consecuencias de gran calado e a longo prazo. E agora lembremos a Foxa Atlántica, fronte as nosas costas, a algo menos de 700 km, na que foron depositadas 140.000 toneladas de residuos nucleares sen control, a 4.000 metros de profundidade por oito paises europeos até 1982, cando as mobilizacións en Galiza conseguiron paralizar as verqueduras. Pero aí están os refugallos xunto cos de outras 25 foxas no resto do planeta, metidos nuns recipientes supostamente herméticos e cunha actividade que durará miles de anos, sen control siquera para saber se o efecto corrosivo da auga salgada lles ten afectado. E a única opción actual son os ATC, temporais, como o seu nome indica, mentres se busca unha situación xeoloxicamente axeitada para sepultalos a centros de metros de profundidade onde permanecerán encerrados en recipientes herméticos. O plutonio, por exemplo, un dos combustíbeis máis perigosos, ten unha vida media de 24.000 anos e non hai outra proposta que deixar esa herdanza case eterna á humanidade.

E xa case estabamos medio convencidos de que para manter o noso benestar e o progreso da humanidade necesitabamos retomar o programa nuclear. Xa comezabamos a asumilo como inevitábel. Estaba por resolver o problema do que os anglosaxóns chaman "Not In My Back Yard", literalmente "non no meu xardín", ou máis libremente "Si, pero aquí non", do que trataremos no vindeiro artigo. Pero entón chegou o tsunami, e Fukushima nos devolveu á realidade atómica: non podemos controlar a enerxía nuclear.