Economía e política para unha vida enteira

Economía e política para unha vida enteira
Goethe afirmou nunha ocasión que quen non sabe levar a contabilidade por espazo de tres mil anos, fica como un ignorante na escuridade e só vive ao día

Levamos xa case unha década onde as cuestións económicas ocupan un posto relevante na formación da opinión pública. Porén, os asuntos económicos despáchanse con titulares efémeros, análises fugaces e imos transitando dun episodio económico a outro sen reparar nas fondas transformacións e as importantes consecuencias económicas, sociais e políticas que conlevan.

Goethe afirmou nunha ocasión que quen non sabe levar a contabilidade por espazo de tres mil anos, fica como un ignorante na escuridade e só vive ao día. Sen dúbida, estamos a vivir ao día, inmersos da información cotiá sen ter unha mínima conexión cun relato de fondo que engarce as fondas decisións económicas actuais coas repercusións políticas e sociais que traerán consigo.  

Na Galiza, asistimos a un debate sobre a situación das caixas de aforro, a principal ferramenta financeira do país e ao servizo da economía do país, como se fora unha mudanza de xestores, de marca e un lavado de cara das oficinas. Mesmo cando volve a reavivarse o debate por mor da entrada en prisión dos antigos directivos de Caixanova, as páxinas de información, os debates dos analistas e xornalistas, encetan de novo cara unha visión personalista e superficial do asunto. A maiores, reforzado coa actitude do Presidente do Goberno galego, que se cingue a procuran unha exculpación propia e situar as decisións en mans doutros, como se a reestruturación da principal entidade financeira galega fora un asunto de menor calado, onde podemos opinar mais en todo caso o lóxico é que se decida finalmente en Madrid. Abonda con expresar un “até aquí  chego” sen sequera tentar erguer a voz e dicir “até aquí quero chegar”, que é determinar claramente que ha de acontecer coas caixas de aforro, acordar desde Galiza o seu futuro.

Se enxergamos procesos paralelos, noutras entidades en situación máis calamitosa, que precisaron de máis axudas públicas para sobrevivir e sanear os seus deteriorados balances, e cuxos fondos tamén viñeron de fóra, o Goberno español non foi tan parsimonioso e agardou a que tomaran decisións. Deu un paso, e acordou o que lle interesaba. Así, no caso de Bankia, malia as presións para recibir un rescate que multiplicaba o das caixas galegas a cambio dunha posterior privatización, a solución adoptada foi considerala sistémica e con iso mantela como un alicerce máis do sistema financeiro. Nese caso, a visión económica que sustentou a decisión baseouse na “contabilidade milenial” a que se refería Goethe. Os resultados están á vista: en Galiza foise minguando a relación de aforro e créditos desde o fin das caixas de aforro. Temos máis depósitos que en 2010 (60.588 millóns de euros en setembro de 2016, Banco de España) e un volume de créditos en mínimos (44.697 millóns de euros na mesma data). Como resultado, estanse a expatriar 15.891 millóns de euros de aforro galego para fornecer crédito noutras partes do Estado, mentres as empresas e familias galegas padecen restricións á hora de poder financiar novos investimentos e necesidades económicas. Galiza pasou de contar con 132 euros en créditos por cada 100 en depósitos no ano 2009 a ter na actualidade 74 sobre 100, o que representa un descenso do 44 por 100, o máis acusado no Estado. Pola contra, no caso de Madrid, sede de Bankia, a antiga caixa madrileña que causou o principal estrago no sistema financeiro español, a evolución de crédito xa nestes momentos é  menos negativa. 

No que atinxe ao sistema de financiamento público, esculcamos de novo o pan de cada día no canto de crear semente para ter a despensa chea un inverno tras outro. De novo Núñez Feijoo amosa a súas galas de xestor cortesán, disposto seguir a estratexia que máis lle interesa ao seu partido e aos intereses das elites políticas e económicas radicadas na capital do Estado español, coa intención de salvar agora un debate onde quede máis asentado un sistema de control fiscal desde Madrid dos distintos territorios e sen posibilidade de apertura cara outro modelo onde sexa en cada territorio, no noso caso Galiza, onde resida a capacidade de recadar os impostos que conforman o seu propio sistema tributario.

Desde o comezo deste debate, o Goberno galego afanouse en centralo nunha cuestión de conseguir máis fondos para atender os servizos públicos. De novo unha cuestión puntual, do momento, como imos tendo algo máis de diñeiro co que engordar o orzamento anual da Xunta de Galiza. Aínda se avanzou un chanzo máis para afianzar o carácter conxuntural do asunto: a principal cuestión a decidir era nomear un “experto” para discutir as follas de cálculo que se van a examinar no Ministerio de Facenda. Iso si os marcos xerais, as regras básicas non se moverán, só irá a verificar a corrección das operacións dentro no esquema deseñado. Un disparate maiúsculo, que pasa inadvertido polo arroupe mediático e a subordinación aos criterios impostos desde o centralismo. De novo, imos a defender  o día a día, cando tocaba erguer a perspectiva, fuxir da rutineira discusión dun reparto multilateral, que dá por sentado que sobre a política fiscal, sobre os tributos a pagar as galegas e galegos decide sempre en primeira instancia o Ministerio de Facenda (co Sr. Montoro de turno á fronte) e distribúe segundo lle convén, e as periferias así habemos de aceptar.

Seguirmos aceptando esas regras, supón conformármonos cun eiva básica, non expurgarmos o pecado orixinal. Na realidade, temos sistema fiscal propio galego ou é necesariamente unha porción do sistema fiscal natural ao que pertencemos, que é o español no seu conxunto? Da resposta a esta cuestión deriva unha decisión que ben pode manternos no statu quo actual, coas consecuencias de infrafinanciamento de moitas das políticas necesarias para o país, ou ben pode abrirnos as portas a explorar realmente o que Galiza dá de si mesma.

O cerne da discusión ha de ser ese. Certamente aspectos menores tamén poden estar presentes: que pesa a poboación, a dispersión, entre outros. Mais no esencial, hai que reparar en que de case 175 mil millóns que recada o Estado (datos de 2014, da Axencia Tributaria) só entran no sistema de financiamento común pouco máis de 106 mil millóns de euros (Las Haciendas Autonómicas en cifras 2014, AEAT). Hai unha ilusión, non unha realidade, que contamina logo a argumentación do debate encol do sistema de financiamento. A ilusión é que o Estado ao  destinar arredor de dous terzos da capacidade tributaria ás Comunidades Autónomas conclúe que esa é a capacidade fiscal máxima á que poden aspirar, e co terzo restante reforza a idea de que só se pode facer solidariedade desde Madrid capital. A alternativa que se propugna desde Galiza para ter un concerto económico é máis racional e máis xusta: se temos unha capacidade tributaria que se pode medir en Galiza realmente, partindo das liquidacións tributarias, se somos quen de recontar realmente (non ficcionadamente) o noso sistema tributario galego, invertamos a lóxica, calculemos o que realmente é noso e logo compensemos ao Estado das competencias e servizos, polo seu custe real, que presta en Galiza. Aplicando a lóxica do concerto, tamén podemos recontar realmente até 11.231 millóns de euros (datos segundo a liquidación tributaria de 2014, AEAT, sumando os 9.188.80 millóns de impostos incluídos no sistema de financiamento máis 1.942,47 millóns de euros estimados de impostos centralizados, entre eles o de Sociedades), fronte aos 7.043,07 millóns de euros que nos achegou o sistema de financiamento calculado (Las Haciendas Autonómicas en cifras 2014, AEAT).

Galiza, nesta etapa histórica, está a definir, tanto no seu modelo de financiamento privado como no público, regras e modelos que trazaran o futuro, senón por milenios, cando menos secularmente. O termo é o de menos, a expresión concreta tamén, por moito que na forma expresada por Goethe sexa xa insuperábel. O que ha de permanecer é a idea, que temos que discutir os marcos que nos sinalan uns límites de capacidade a Galiza, porque iso é tamén falar do futuro, non para vindeiras xornadas, senón para unha vida enteira, a nosa e tamén das galegas e galegos que aínda permanecerán aquí  por milenios.


-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén
.