De 1000 millóns a 70

Novagalicia Banco está quebrado e Castellanos executa a súa entrega a Bankia

O desembarco de Xosé María Castellanos como responsábel da entidade resultante da fusión das caixas galegas,operación que contou co apoio dos populares na Xunta e do PSOE no Goberno do estado, veu precedido do compromiso do executivo coruñés de aportar arredor de 1000 millóns de Euros, procedentes das achegas de inversores privados, antes de final de 2011. As informacións, das que se fixeron eco a principios de Agosto diversos medios de comunicación e que foron confirmadas polo Presidente da Xunta e do Banco de España, anunciaban que con eses 1000 millóns de Euros procederíase a recomprar neste último trimestre de 2011 arredor do 30% do diñeiro aportado polo FROB que ascendía a 2600 millóns de Euros. Se ben no mes de Outubro a nova equipa xestora de Novagalicia Banco rebaixou as previsións iniciais, aproveitándose da cortina de fume criada co escándalo das indemizacións millonarias aos antigos dirixentes de Caixa Galicia e Caixanova, até situalas en 400 millóns de Euros, a resultante final, tal como puidemos saber na pasada semana, cifra a contía do conseguido a través da iniciativa privada en en 70,4 millóns de Euros.

A contía achegada pola iniciativa privada, un 2,6% do total do capital accionarial da entidade de crédito, á marxe dalgunha matización merece a nosa atención posto que informa sobre a situación real do banco, das razóns que trouxeron até aquí ao noso sistema financeiro, dos intereses dos grupos empresariais galegos pero sobre todo dos planos de futuro que a Xunta e o Banco de España teñen para Novagalicia Banco. A este respecto debemos considerar que dos 70,4 millóns de Euros, 25 correspóndense coa achega de Xosé María Añon, principal accionista privado da Corporación Caixa Galica, a quen Castellanos obrigou a facer esta aportación a fin de recuperar os 100 millóns de Euros que tiña investidos no brazo empresarial da antiga Caixa Galica; non foi logo a vontade, senón a necesidade, o que levou ao empresario da Laracha, a participar dun proxecto do que é o máximo accionista particular, noutro caso a recuperación do diñeiro depositado na Corporación converteríase nun calvario xudicial de anos. Atendendo que o 35% dos 70,4 millóns son propiedade dun particular, resulta evidente que o resto das achegas dos outros dezaseis grupos empresariais é ridícula, destacando as ausencias daquelas fraccións do capital galego máis transnacionalizadas así como dos fundos de inversión, o que demostra o escaso marxe de negocio, en definitiva na "Operación Castellanos" non están nin máis nin menos que aqueles sectores empresariais con máis dependencia da Xunta a quen Feijoo saíu a cobrar pexe. Isto é Novagalicia Banco está quebrado, como quebradas estaban Caixanova e Caixa Galicia e Castellanos e a súa equipa son uns administradores concursais encargados de liquidar de xeito ordenado a entidade.

A situación ao que chegou o sistema financeiro galego, algo do que vimos advertindo desde 2007, non é só, que tamén,  o resultado dun catalogo de malas prácticas por parte das equipas directivas das entidades, nin da falla de control das autoridades competentes (Consellaría de Facenda e Banco de España). A lóxica que nos levou a este punto, ao igual que acontece con boa parte do sistema financeiro internacional, esta vinculado basicamente a tres factores: a financierización como resposta á tendencia ao estancamento do capitalismo maduro e como vía exclusiva  para garantir a taxa da ganancia; a propia natureza do capitalismo monopolista que empoleirou como única economía real a que se dá no plano financeiro, tornado en imaxinarias outras formas de acumulación e desenvolvemento das forzas produtivas no marco dunha economía de mercado; e a falla de poder político de Galiza, entendido como ausencia de instrumentos institucionais que nos permitan preservar espazos de soberanía que sirvan de freo ao capital. Aínda así hai marxe de manobra para darlle a volta a folla de ruta deseñada polo PP e o PSOE e que está a executar Castellanos, para entregarlle a Bankia os activos bos da entidade, que non son outros que o 42% da cota de mercado que mantén en Galiza, un territorio que segue a xerar aforro neto, máis nun momento que a pelexa entre as entidades é pola captación de depósitos.Unha vez dimensionado o Popular, coa absorción do Pastor, o Sabadell, co regalo da CAM, e descartado o BBVA, centrado na súa expansión no continente americano, a entidade Presidida por Rato aparece con todas as cartas para facerse con Novagalicia Banco na próxima reestruturación do sector a realizar no primeiro cuadrimestre de 2012. Este que era o deseño orixinal no inicio do proceso xa se está a concretar mesmo no plano organizativo, até o punto de que o Banco Gallego e o intervido Banco de Valencia xa operan en rede en certos niveis como saben os empregados destas entidades.

Galiza precisa dunha entidade de crédito de seu de carácter maioritariamente público. Non nos equivocabamos os nacionalistas cando denunciamos que a "Operación Castellanos" era unha operación trampa que pretendía entregar/drenar o noso aforro e segar a posibilidade de contar con instrumentos financeiros. Tampouco fallaba a nosa análise cando valorabamos a falla de vontade pero tamén a incapacidade das fortunas autóctonas para sacar o proxecto adiante, nuns casos polo seu carácter "comprador ou intermediario" noutros polo seu carácter "transnacional". Non estaría de máis ter en conta e volver a pensar isto, a hora de definir os suxeitos políticos sobre os que construír unha alternativa política que opere en clave de País. Demostrouse correcta a alternativa de que se queríamos garantir a pervivencia dunha entidade crediticia  en Galiza era necesario que a Xunta tomase un participación de referencia na entidade. A realidade que é teimuda deunos a razón, razón que temos que converter en feitos senón queremos que nos escreban o derradeiro capítulo da historia do noso sistema financeiro. É unha batalla que hai que dar, non outras,  esta é das batallas que merecen a pena.