Da situación económica e dos concellos

Da situación económica e dos concellos
Teremos que apoiar ó tecido económico que se comprometa coas nosas realidades

Das eleccións municipais anteriores ás do momento presente, a situación mudou extraordinariamente. Nada facía pensar que o "aterraxe suave" ía ser de tal violencia.

Tal é así, que os concellos, como parte da administración ven os seus orzamentos recortados, xa sexan vía transferencias doutros organismos ou ingresos proprios.

E cando primeiro teñamos claro que isto vai a seguir así perante toda a vindeira lexislatura (como mínimo) mellor nos irá. Isto fará que ós concellos se lles vai a esixir, ademais de xestionar ben, que creen riqueza.

E, poida que sexa ese cambio de rumbo necesario o que faga que os cidadáns vexan o futuro un pouco máis claro ou máis escuro. Pero é certo que isto non se vai a facer dun dia para outro, nin se percibe en moitos programas, sensibilidade para a creación de emprego "produtivo".

Xa abondou de xogar a especuladores, recualificando terreos e metendo diñeiro no peto consistorial (no mellor dos casos), para gastalo en competir co concello veciño cando se trataba de amarrar as festas patronais, ou en ter  a fonte con máis canos, ou a pegada do último gran gurú da escultura pos-máis que pos-pseudomodernou sei qué.

Os últimos anos están cheos de exemplos. Xa o vivimos, xa fomos modernos, ultramodernos e megaricos. A crise puxo á sociedade, a toda a sociedade, a un paso do abismo. E seguimos aí, en permanente equilibrio. E xa pasa de dous anos.

Pero xa non é tempo de mirar para atrás. A situación esixe no momento presente, e vai a seguir esixindo nos vindeiros anos, que tódolos poderes públicos poñan o máximo esforzo en loitar contra o desemprego e en promover, apoiar e tutelar os emprendementos que axuden a crear emprego e riqueza. Primeiro o primeiro e de segundo o segundo.

Non se trata de substituír á iniciativa privada, senón de informar, promover, axudar, formar,.... a todas as persoas e empresas que vexan nos nosos pobos o sitio para emprender ou ampliar as súas capacidades produtivas e de emprego.

Ollo co que estou a escribir. Non son partidario do modelo que fai xurdir centros comerciais nos perímetros exteriores das cidades, que atrae grandes compañías transnacionais que "crean" X empregos e destrúen 4X empregos, nin levan por diante a riqueza natural. Non falo de iso. Non se trata de fichar empresas galácticas que teñen os seus intereses moi lonxe dos nosos pobos. Estou falando de poñer en valor os recursos ociosos dos que dispoñen os nosos municipios, que son extraordinarios en tódolos ordes (forestal, gandeiro, pesqueiro, industrial, científico,  humano,..).

Dispoñemos de bos centros universitarios e de xente moi preparada que quere unha oportunidade para poñer en valor os seus coñecementos e capacidades, que terán que ser, xunto cos xestores públicos e as empresas privadas de primeiro nivel, as que fagan de locomotoras da noso rexurdimento económico. Xa non valen posturas individuais para saír de onde estamos. É de xeito colectivo, como podemos mellorar a nosa realidade laboral i económica.

Noutro artigo, xa me preguntaba qué plan tiña a Xunta para que Galiza loite exitosamente contra a crise. Sigo sen ver nin ler nada por parte do goberno actual, empeñado en facer recortes, xogando á defensiva e sen propoñer unha estratexia para mudar esta situación plana e empantanada.

Terán que ser os concellos galegos, os que poñan na mesa esa necesidade. É preciso crear riqueza, para repartila. E para iso teremos que apoiar ó tecido económico que se comprometa coas nosas realidades. E si fixera falta, os concellos terán que acometer a creación de empresas de tipo mixto, para acadar ese fin, tendo en conta, tamén, as graves restrición aos cretos por parte das entidades financeiras.

Veñen tempos de compromiso, de seriedade na execución das actividades que cada quen ten que desenvolver, e nesta trincheira non van a estar os que empurraron á sociedade a este ponto. Eses elementos que entenden a actividade empresarial como un xogo de ventaxa con cartas marcadas e onde sempre gaña o capital, non van a tirar do carro. Máis aínda, tratan de facer crer á sociedade que a culpa foi dos políticos, dos "bipartitos", dos de enfronte, dos que traballaban tódolos días por un salario,... de nos.

Temos que tentar vencer a esta negra realidade económica coa que convivimos, e cando consigamos saír adiante, será a nosa obriga, a obriga de todos, explicarlle ben aos que veñan detrás qué foi o que se fixo tan mal, para que tarde en voltar a pasar algo semellante, e para que se instrumenten controis para que unha "economía tramposa" non se leve por diante o estado de benestar, recen chegado, aos nosos pobos.

Xa temos onde gastar os cartos, agora falta onde gañalos. Parecera que comezamos a casa polo tellado, pero agora iso é o de menos. E é un reto de todos. Tamén dos nosos responsables nos concellos.

Debatan, acorden, pacten, pero teñen que facer que esta máquina camiñe.

Os concellos que non sexan suxeitos activos da realidade laboral-económica dos seus cidadáns, verán como se apagan e como a xente xoven marcha para non voltar.