Construír a alternativa loitando contra da alternancia
Só o prexuízo ideolóxico pode levar a concluír que a financierización é un parasito dentro dun organismo san
O consenso xeneralizado sobre a magnitude da actual crise económica non se corresponde coa resposta, que tanto no plano doutrinal como no plano político, se lle está a dar por parte dos economistas máis reputados ou da maioría da dirixencia política. A medida que se suceden os acontecementos observamos como se deixa en maos de "opinadores" a elaboración do discurso hexemónico sobre as causas da mesma ou vemos como as forzas sociais e políticas preocúpanse máis de utilizala como arma con que agredir ao adversario que como ocasión para poñer a súa alternativa enriba da mesa. Son varias as razóns que explican estes feitos, desde o monopolio ideolóxico e doutrinal do neoliberalismo até a ausencia de diferenzas prácticas entre a dereita e a esquerda de orientación non anticapitalista, sen esquecer as responsabilidades que uns e outros teñen na situación criada. No fondo esta "miseria da economía" ou esta "política da miseria", evidencia que a única preocupación, duns e doutros, é lexitimar o sistema vixente, nun momento particularmente crítico do mesmo, en base a presentárnolo como a opción menos mala ou o única posíbel.
A financierización é a resposta do capital ás dificultades de crecemento do capitalismo avanzado, alimentado pola creación permanente de "capitais libres" na busca do que Marx chamaba plusvalía extra. Xa na década dos anos 30, alguén tan pouco sospeitoso como o propio Keynes, afirmaba que o predominio do capital financeiro ameazaba en converter as sociedades capitalistas "unha burbulla nun remuíño de especulación", e recomendou a "eutanasia do rendista". Sen embargo, a financierización é tan esencial para o monopolio e o capital financeiro que dita "eutanasia do rendista" non pode lograrse -contravindo o soño de Keynes dun capitalismo máis racional- nos lindeiros do sistema. A razón de fondo é, como explicaron a case totalidade dos economistas marxistas, que as finanzas están emparelladas coa produción polo que na etapa monopolista do capitalismo, en sentido estrito, non é posíbel distinguir entre "capital produtivo" e "capital financeiro". Isto ten haber cos dous xeitos de fixar os prezos na economía capitalista asociados nun caso a produción e noutro aos activos. O capital diante da imposibilidade de poder darlle saídas aos excedentes na produción, vérteos nas finanzas. Non é polo tanto a financierización das economías capitalistas o que explica o lento crecemento das últimas décadas, senón que é o crecemento lento e a falla de oportunidades de inversión para o capital o que explica a financierización. Só o prexuízo ideolóxico pode levar a concluír que a financierización é un parasito dentro dun organismo san.
A análise da realidade concreta, a necesidade de axir no día a día, non nos pode desorientar sobre o camiño a seguir. A crise é a tendencia natural do capitalismo, isto é, o virus que segundo Marx asinaba a súa acta de defunción, polo que a terapia que podemos aplicar é de eficacia limitada. Agora ben, a ausencia de medicación, aos danos que esta xera, incapacítanos para verificar a nosa alternativa na práctica, pero fundamentalmente inviabiliza a nosa capacidade de acumular forzas. Nin ideoloxismo, nin asimilación, outra vez toca transitar pola liña vermella que garanta a utilidade da nosa alternativa. Exemplificando, a política crediticia, a drenaxe do aforro dos galegos e galegas, o poder corporativo, o modelo de xestión, a exposición a produtos de risco, o alimento de burbullas especulativas non é consecuencia da maldade ou da incompetencia dos directivos das nosas caixas. A incompetencia será dos responsábeis públicos, que actuaron como capataces do capital e renunciaron a controlar as entidades, e a maldade será dun sistema que busca como único obxectivo maximizar o beneficio ou se quer ampliar a taxa da ganancia. Prescribindo; as forzas políticas terán que poñer alternativas riba da mesa, forzando ao límite o marco legal, que signifiquen avances na dirección programática, confrontando, non gastando orelleiras, mudando de piñón pero non de rumbo, sen buscar o atallo e apoiándose nos suxeitos sobre os que se articula o proxecto. O central dunha crise é sempre a súa xestión e esta depende da correlación de forzas. A política debe ser a arte do necesario nunca do posíbel, a práctica militante ten que ter como punto de encontro o realismo non o posibilismo. O noso obxectivo, aínda que enredemos coa árbore, ten que seguir sendo o bosque.
A resposta popular á crise até agora só insinuou a politización da vida económica. Sen embargo, convida a articulación de perspectivas e tácticas para a transformación social que non se teñen visto nunha xeración. Sen dúbida, resaltar a oportunidade para un cambio real non debe levarnos a esaxerar as nosas forzas. Nas últimas tres décadas mudou a vida da xente e tamén as súas capacidades políticas. A crecente dependencia do crédito para manter o poder adquisitivo como consecuencia da perda de peso dos salarios así como a estratificación, conduciron a unha atrofia das clases traballadoras sobre as súas capacidades colectivas. É máis, a propia evolución do proceso até hoxe só serviu para apuntalar o poder do bloque hexemónico, rescatar vellas receitas, modular outras que viñan funcionando e formular "novas narracións" que, por oposición, lle dan osíxeno ao capitalismo.
A urxencia do momento require non só contar cun marco teórico que permita analizar e confrontar o tempo presente, senón o que é máis importante, armarnos da vontade e pericia política debida para ser quen de actuar con eficacia socialmente. Neste contexto volve ocupar un plano central a cuestión do poder, ou se queremos doutro xeito, entender a natureza do aparello estatal para poñelo ao disposición das maiorías sociais, na lóxica de que o mesmo non é máis que o instrumento ao servizo dunha clase. Iniciativas que xurdan no seo da nosa sociedade por máis meritorias e ben intencionadas que sexan, non pasaran da categoría de anécdota, se non teñen clara esa referencia como xa veu acontecendo coas organizacións non gobernamentais ou o groso do que é o movemento altermundista. É tempo logo de aproveitar ese potencial, compartir experiencias que xorden de tradicións distintas, participar das mesmas aportando as perspectivas propias, buscar puntos en común para acumular forzas, isto é, construír a alternativa loitando contra da alternancia.