As pesqueiras transatlánticas e a coroa española na historia

As pesqueiras transatlánticas e a coroa española na historia
Cantas veces máis repetiremos a letanía que xa nos deixou escrita metaforicamente Castelao, volverían as sardiñas as rías se os políticos quixeran

O tratamento da historia que sempre fan os vencedores traslada unha realidade distorsionada que é obriga tratar de enfocar para ver de que xeito chegan ata a actualidade uns feitos acontecidos hai moito tempo. Sobre todo por saber cal pode ser a perspectiva de futuro en base ao acontecido no pasado.        

Descubrimentos e expansión imperialista do século XV
         

O século XV é considerado o último século da Idade Media e o primeiro da Idade Moderna, abre a era da navegación dos descubrimentos, que representa a expansión imperialista dos reinos-estados portugués e español, e remata a reconquista do territorio andaluz a finais do século. As viaxes marítimas de longo percorrido daquela eran xa un feito, dirixidas cara as augas do norte de Europa para abastecer de peixe aos portos Peninsulares atlánticos e mesmo meditrerraneas. A conformación dos estados na época medieval e as loitas de poder para expandirse e controlar territorios alleos, as colonias, levou a unha proliferación de campañas marítimas transoceánicas, coa desculpa oficial de atopar o paso para Asia, as Indias, debido ao bloqueo do paso terrestre por Oriente Medio.          

Este salto no oceánico Atlántico deuse logo da grande experiencia nas navegacións pesqueiras e comerciais europeas, sobre todo as pesqueiras en Irlanda ou Islandia, e logo do descubrimento e ocupación das illas Macaronésicas (Illas Canarias, Os Açores e Madeira) e da costa Africana, nunha pugna continua que iniciaron as coroas española e portuguesa, maias estes plans expansionistas non foron só obsesión dos imperios español e portugués, tamén outros países trataban de poder acceder ás riquezas do comercio coa India, así Inglaterra tentaba poñer en marcha expedicións transoceánicas na percura do paso do norte, á que continuaron franceses e holandeses.          

A mención do descubrimiento de Terranova sinálase na bibliografía das navegacións cen anos antes da chegada de Colón a América, transformándose en tópico mais esta, e outras navegacións oceánicas precolombinas, seguen sen poder comprobarse documentalmente dun xeito rigoroso e rotundo. As rotas transoceánicas da descuberta de novas terras nas costas de alén mar, cheas de recursos pesqueiros, non chegaron aos oídos dos navegantes máis arriscados, e dos potentados da época, ata principios do século XVI. A necesidade de cubrir as necesidades de alimentación e combustible da época, levou a que pescadores vascos de Iparralde primeiro, portugueses e galegos despois, sobre 1510, e vascos de Hegoalde, a partir de mediados do século XVI, estableceran instalacións costeiras temporais para a pesca e salgazón de bacallao primeiro, e para a pesca da balea despois. Os recursos pesqueiros de Terranova foron una das máis importantes mostras de explotación económica do Novo Mundo e significou un dos motivos de penetración europeos na América do norte e o primeiro comercio regular entre Europa e América. Foi a primeira mostra de expansión dun capitalismo incipiente.          

O bacallao, moeda de cambio
       

O bacallao, á par da caza da balea, era un forte baluarte na economía medieval e moderna. É por iso que as flotas portuguesas, galegas e vascas e cobizasen ese prezado produto para facerse coa primacía do seu comercio no sur de Europa. Nin os barcos nin as técnicas de pesca foron algo novidoso nas pesqueiras trasatlánticas, senón una maior capacidade organizativa. A armazón de pesqueiras lonxanas coincide no tempo cunha bonanza e una expansión social que permitiría abordar empresas cun maior esforzo. Daquela, mentres as actividades pesqueiras do norte da costa galega estaban centradas na pesca de baixura e na caza da balea, as do sur foron quen de poñer en marcha empresas trasatlánticas de carácter bacalloeiro.          

Mais, a corte inglesa marcouse como obxectivo de estado o control da rota do bacallao, reclamando para si mesma a primacía da descuberta de Terranova polo mariñeiro Caboto, a pesar de non ter a máis mínima proba da súa chegada. Así, a partir de 1578 o número de barcos ingleses en Terranova aumentou considerablemente e comezaron as liortas e a competencia polos recursos pesqueiros da illa. Os franceses e os ingleses fanse cos territorios continentais americanos e impidindo a pesca e o comercio das frotas portuguesa e cántabra.          

Mais, os cambios na configuración do poder político de finais do século XVI anularon a posibilidade de utilización do caladoiro dos bacallaos. A falta de apoio político da monarquía aos representantes españois na corte inglesa, puxeron a puntilla da actividade galega abandonando mesmo o dereito consuetudinario. A principios do século XVII, entre 1613 e 1622, D. Diego Sarmiento de Acuña, conde de Gondomar, era o embaixador da corte española en Inglaterra, polo que informa dos conflitos nos caladoiros internacionais e intercede polos pescadores peninsulares diante da coroa española. España, deslumbrada polas riquezas das súas Indias, en proceso de espoliación, non se interesou das riquezas naturais das costas setentrionais.        

Ca sinatura do tratado de Utrecht, de 1713, ponse fin a un longo conflicto bélico internacional en Europa, mais tamén aos dereitos de pesca nas augas de Terranova, conseguindo a coroa inglesa o seu obxectivo tras anos de presión e rapina, iniciada dende 1560 e intensificada coa guerra anglo-española de 1585-1604, expulsando escalonadamente aos barcos Peninsulares a causa da inseguridade da piratería e das perdas naquelas augas. En realidade, co tratado a coroa española non perdeu dominio algún, pois nunca se preocupara de establecer instalacións, ou poboación, estables na illa, mais, irremediablemente perde os dereitos de pesca dos que gozaban os mariñeiros peninsulares. Isto significa que a pesar de que os pescadores, traballadores do mar, buscaron recursos alén mar, nunca tiveron unha vocación imperialista de anexión do territorio.        

Esta situación de abandono político dunha actividade fundamental para as economías litorais e nacionais de Galiza e Euskadi, dos séculos XIV a XVII, tráenos á mente as contemporáneas expulsións da flota do fletán de Terranova, outra vez, do banco Canario-saharaui ou de Mauritania... Cantas veces máis repetiremos a letanía que xa nos deixou escrita metaforicamente Castelao, volverían as sardiñas as rías se os políticos quixeran. A historia non fai máis que confirmarnos a necesidade de xestionar e negociar nós os nosos propios intereses e recursos.