A valorización do monte, necesaria máis que nunca

A nosa tradición, cultura e historia está fortemente impregnada e enmarcada no monte, sendo a peza clave para entender a situación actual de moitos lugares

A situación de partida

A nosa tradición, cultura e historia está fortemente impregnada e enmarcada no monte, sendo a peza clave para entender a situación actual de moitos lugares. As distintas civilizacións que pasaron polas nosas terras tiveron nos montes e montañas a cuberta necesaria para desenvolverse adecuadamente. A cultura megalítica, a cultura castrexa, a cultura romana, a cultura do medievo; integraron o monte no seu acervo e na súa actividade cotiá.

O mapa non é o territorio, xa que non hai unha foto fixa permanente da paisaxe. Todo evoluciona, cambia e muda de aspecto e non se pode entender o que somos sen antes ver os pasos que demos para chegar aquí. Nos nosos montes atópanse innumerables capítulos da nosa historia, e tan só é precisa unha ollada sosegada para acadar o grado de comprensión do presente.

Que é a valorización do monte?

Castros, mámoas, foxos, sequeiros . . . son elementos integrados no monte que igual que as árbores, as rochas, os animais e os camiños forman parte del. Moitas das veces falamos da multifuncionalidade do monte que non é outra cousa que a multitude de produtos e servízos que ofrecen os nosos montes.

O uso monofuncional do monte para o aproveitamento madeireiro, baseado na plantación forestal con especies de crecemento rápido en quendas curtas, non é unha alternativa económica, ecolóxica nin socialmente viable para a maior parte das amplas e variadas extensións do monte en Galiza. A xestión integral e o manexo do monte baseado na súa multifuncionalidade, pola contra, ofrece múltiples posibilidades para o desenvolvemento do medio rural, garantindo ademais a conservación de especies e procesos claves para os ecosistemas.

Poñer en valor non é outra cousa que dar a coñecer á sociedade a existencia de un elemento que pasara desapercibido e polo tanto dar luces a algo que xa estaba ahí.

En definitiva, trátase de recuperar a cultura do monte e de converter o monte en cultura. Con esta idea; integrar pasado, presente e futuro é posible, e ademais a súa suma é sensiblemente superior ás partes illadas. Temos, e cada día máis, que traballar en conxunto, de forma transversal, integrando nas distintas actuacións as sensibilidades dos distintos colectivos e institucións, para sacar adiante proxectos co nexo de unión no monte.

A necesiade da valorización fronte a crise

O monte, fonte de riqueza e futuro do noso territorio. Con esta premisa na pasada lexislatura desde a consellaría nacionalista do Medio Rural impulsouse unha política a prol da valorización do monte que puxo en marcha distintos proxectos para a súa materialización no territorio: servizo de valorización do monte, orde de axudas de valorización (anos 2007 e 2008), congreso internacional de valorización do monte (2008), Foresgal, diversos proxectos de valorización integral dos montes en xestión pública, xornadas internacionais do castiñeiro.

Coa chegada do PP ao goberno, todo o traballo iniciado, desde a óptica da multifuncionalidade e a valorización do monte, é rexeitado e aparcado para dar paso a unha liña clásica e conservadora na xestión dos montes que tan só persegue o fomento forestal para a obtención de madeira.

Esta visión monofocal e teimudo estase a demostrar coma un erro estratéxico nunha situación de crise coma a actual. A aposta por obter unha reducida gama de protutos do monte, madeira de piñeiro e eucalipto -para trituración principalmente-, ten como resultado unha especialización en produtos de pouco valor engadido, moi dependentes das inercias dos mercados internacionais. Esta situación ten como consecuencia directa a baixada continuada dos prezos de venda dos produtores e a desinterese dos propietarios/as polo monte.

Fronte a esta situación é mester facer unha política que prime a diversidade de produtos e servizos no monte para romper coa dependencia nos mercados e recuperar un espazo que nos pertence. Polo tanto, a valorización do monte é máis que nunca unha ferramenta para superar a crise e vertebrar o noso país.

A modo de conclusión activa

Sumidos na cultura do rápido, do inmediato e sen esforzo, é difícil chegar a cuestionarse o que temos; polo que debemos evitar vivir a costas do monte e reencontrarnos co enorme tesouro que contén. Temos posibilidade de cambiar as cousas e debemos actuar na nosa contorna para sementar a ilusión do presente que nos de a esperanza do futuro, coñecedores do noso pasado.

O primeiro que temos que saber é que coma consumidores/as temos a chave da silenciosa revolución económica: cando merquemos produtos para a nosa vida cotiá elixamos aqueles que procedan do monte e preferentemente os que sexan do noso monte (madeira, castañas, cogomelos, meles, carnes . . .). Como persoas temos a capacidade de elixir e ao elixir podemos favorecer positivamente aquilo que nos interese potenciar, apostando pola nosa contorna. Cada vez máis, nun mundo globalizado, faise necesaria a agrupación da xente para facer cousas en común e reivindicar a importancia do local.

Se descoñecemos o que temos próximo, será moi difícil chegar a estimalo; e así moi doado deixar de preocuparse por el. Achegémonos ao monte para escoitalo, sentilo, vivilo; e sobre todo para estimar o que temos: un monte do que se pode vivir, convivir e gozar. Agardemos que non teñamos que perdelo para comezar a valoralo.