A quen lle importan os transportes públicos?

O desprestixio de todo o que soe a público é condición necesaria para reforzar o negocio das compañías privadas.

O desprestixio de todo o que soe a público é condición necesaria para reforzar o negocio das compañías privadas.

Nos anos 80 o reaganismo e o thatcherismo relanzaron o ideoloxema liberal, poñendo en marcha unha serie de medidas privatizadoras nos EUA e Reino Unido que serviron de modelo a moitos outros países con posterioridade. Espallouse con forza a supremacía do privado fronte ao público, a desregulación dos mercados, o conservadorismo e a pretensa non intervención na economía para que unha man invisíbel fora o único actor que asignaría eficientemente os recursos e cubriría todas as necesidades da poboación. Era o antecedente dun modo de facer política e de entender a economía que hoxe con moita maior fondura padecemos as clases populares de todo o mundo.

Esas falacias seguen a estar moi vixentes na nosa sociedade. Logo de varias décadas están asumidas por grandes capas da poboación. Así ocorre tanto en moitos aspectos das nosas vidas como en calquera dos sectores económicos onde os chamados bens públicos requirían antes a presenza do Estado. Seica a súa xestión pública non é eficaz e provoca perdas. O caso dos servizos públicos no eido do transporte é dos máis sintomáticos. Por unha banda porque para a globalización o sector do transporte é central xa que satisfacer o grande aumento de desprazamentos de persoas e mercadorías, por máis que estes sexan antieconómicos, non eficientes a nivel enerxético e xeradoras de altos custos ambientais e sociais. Porén, xa se sabe do enorme impacto que ten a industria automobilística, por exemplo, e a grande dependencia dos combustíbeis fósiles do actual modelo económico. E por outra porque se veu padecendo unha privatización xeralizada na xestión deste tipo de servizo.

Por iso a desvalorización do transporte público a ollos da sociedade é un elemento estratéxico para a nosa educación como consumidores. O coche é o símbolo máximo de poder e status social, de exacerbación do individualismo, de trunfo; e é portador de valores virís. Óllese pola contra a imaxe creada do transporte público, poñamos por caso o autobús urbano, como transporte de pobres, de mulleres, de vellos e vellas, de inmigrantes, daqueles que non teñen máis remedio que collelo mal que lles pese. É por esta vía que o negocio privado se vai lexitimando. Uns a producir coches, disque eléctricos agora, e outros a asumir a explotación dos privatizados servizos públicos de transporte. A nula esixencia social duns servizos de transporte público de calidade, fomentada tamén polos medios de comunicación, é o caldo de cultivo para que se forme unha espiral moi negativa. Os malos servizos que se prestan no transporte público implica unha menor demanda do seu uso (ou imposibilidade de usalo por falla de traxectos, horarios, paradas, etc.) o que pola súa vez implica menores recursos para o servizo e empeoramento da calidade do mesmo, co cal está xa montado o círculo vicioso.

Existe unha evidente necesidade de desprazarse as persoas e os bens. Mais vivimos para nos mover. Foméntase un xeito de vida en moitos casos irracional, no que a mobilidade motorizada privada xeralizada é o máximo benestar, a fin en si mesma, para o que hai que poñer todos os medios, arrasando o que faga falla en nome da "liberdade de desprazamento". Na realidade esta tipo de mobilidade nin é universal, nin equitativa, nin sustentábel nin realizábel. Pero é útil para as grandes corporacións do automóbil que contan con grande peso nas decisións económicas dos gobernos. E máis unha vez os intereses das maiorías, o dereito do pobo a ver cubertas as necesidades de desprazamento sucumben baixo a mercantilización do transporte. Deste xeito ou directamente se eliminan por completo os servizos públicos universais ou ben se privatizan. Pero incluso neste último caso o negocio privado se blinda con cláusulas de garantía onde as administracións aseguran uns mínimos beneficios ás concesionarias do transporte público. Con cartos de todos, sexa a través de transferencias e subvencións sexa por medio das tarifas, temos que pagar o custo de transporte e o "déficit do servizo", que traducido vén a ser o beneficio privado da empresa. Por non falar da inxente cantidade de recursos públicos que se mobilizan para efectuar enormes investimentos nas redes de transportes que en última instancia implican beneficios privados e dubidosa utilidade social. Claro que estas infraestruturas preséntanse como un ben en si mesmo, un síntoma de modernización e progreso.

En Galiza a situación dos transportes públicos agudiza todas as contradicións que vimos de ver. Para alén dese contexto xeral de someter os intereses públicos aos privados, nada se ten feito para dotar un sistema de transporte moderno, integrado, variado e que dea resposta ás nosas particulares necesidades derivadas do espazo que habitamos. Tres aeroportos competindo entre si, residualización dos transportes de ría por barco (pero hai que ampliar a ponte de Rande), desmantelamento das liñas do tren convencional, falla de conexión entre tipos de transporte, nula planificación e medidas no transporte metropolitano. En canto á mobilidade peonil ou en bicicleta dentro das cidades é salientábel comprobar que foi o nacionalismo o seu impulsor inicial, mesmo contra as críticas e incomprensións. Co paso do tempo conseguiuse un troco de mentalidade social cara a estas iniciativas, que ao cabo é un dos xeitos de rachar coa irracionalidade dun modelo económico inxusto, ineficiente e non sustentábel.

Hai moitos anos mantíñase como axioma que sería fisicamente imposíbel que China seguise o exemplo occidental de basear a súa economía sobre o transporte privado e o consumo de derivados do petróleo; simplemente unha poboación tan inmensa non podería desprazarse masivamente en coche por falla de espazo. Non precisabamos máis que traer á fronte a imaxe dunha rúa atestada de bicicletas para que o désemos por bo. O recente atasco cortazariano na autoestrada do noroeste, que non do sul, devólvenos unha visión que amosa que no camiño da evolución humana tamén se vai ás veces de arrecú.