A Europa dos cidadans á Europa dos rescatados

A Europa dos cidadans á Europa dos rescatados
Teremos que estar alerta cara a onde nos levan, porque non todo vale

Levamos falando moito tempo da posibilidade dun rescate, pero claro, como nos cremos especiais o noso ten que ser, vai ser, un rescate “suave, con condicións”, nada que ver co que fixeron os parviños gregos, portugueses ou irlandeses (con perdón, eu non penso así).                  
España no seu conxunto é un grande país, cunha grande economía, nada que ver cos parentes pobres da Europa dos cidadáns, e dende logo nada que ver con ningún pais africano, como dicía fai pouco o presidente do goberno de España (eu tampouco penso iso). Isto sona como sempre. Tamén recordo que íamos ter unha aterraxe “suave” da burbulla inmobiliaria, e que a nosos bancos eran pouco menos que invencibles por ningunha crise.            
Xa basta de enganar, ou pretender enganar aos cidadáns por parte dos mesmos de sempre.              
Non resolveremos ningún problema tratando de roubarlle a visión da realidade ao pobo; buscando sempre a maneira de convencer do que o dano que se provoca -que noutro momento podería ser considerado como irrenunciable- pasa a ser algo que é  necesario para un futuro mellor.                

Isto de que o mercado é sabio, e que temos que pregarnos aos seus requerimentos non deixa de ser un atropelo antidemocrático. Ou onde estaba ese mercado cando se permitían dar cretos aos bancos por máis cartos do valor que tiña unha propiedade inmobiliaria, e que aínda no máis idílico futuro sería incumprible, parte da actual crise económica. Onde estaba Merkel, ou os finlandeses, e todos eses que agora din que ese non é o camiño.                

Onde estaban esas presidentas de comunidades autónomas que agora queren recortar os gastos dos seus parlamentos, convertendo o digno traballo de representante político do pobo en actividade amateur, que queren ser as campionas do aforro. Acaso non teñen nada que ver co que pasa no mundo, o una súa casa, ou entre outras ca ruína das concesionarias das autopistas de Madrid (habería que mirar de quén eran os terreos expropiados (multiplicaron por dez os custes previstos para eses fins). Por non falar dos milleiros de obras espallados pola península e que soamente dinamizaron as arcas dos amigos do poder metidos á obra civil.              

Estamos nun novo momento histórico, onde a información corre a unha grande velocidade e a manipulación que se fai de esa información tamén é constante polos diferentes xogadores desta partida que estamos (están) a xogar en Europa.                    

A miña  particular maneira de entender o/os problema/s que estamos a vivir como cidadáns é que fagamos o que fagamos sempre seremos os culpables. Os de abaixo somos o problema. Non entendemos que xa se acabou iso de “vivir por riba das nosas posibilidades”, que somos neopobres e temos que vivir con dificultades diarias e constantes e, ademais, como temos cachola e “ideas raras” imos a ser máis infelices do que teriamos que ser si fixeramos caso a eses “intérpretes” do Poder, eses elixidos que, habitualmente adoitan vestir con garabata e traxe, viven en Madrid ou en Bruxelas ou van moito por alí. Se os avós ían ó traballo nos anos 60 e 70 do século pasado (e antes tamén claro está) coa tarteira de aluminio onde levaban a comida, o normal “din eles” é que os netos aprendan esas “boas prácticas” dos seus avós e leven no “tupper” a comida do mediodía. Iso si, nalgúns sitios eses “políticos” pensan establecer taxas para cobrar o uso das instalacións escolares por “estar” comendo a sua propia comida nun espazo da administración?!. Iso vai a facer máis forte a esa xeración. Nada que ver coa de seus pais, uns soñadores que un dia creron que Europa era un espazo de respecto ao cidadán.                

Xa fai tempo que parece que deixamos de ser cidadáns, para pasar a ser “rescatados”.                
Xa non conta o que pensemos e digamos, que non estamos de acordo co que se está a facer, que non se pode enganar nun programa electoral á cidadanía para despois con esa maioría facer todo o contrario do que se dicía (e o que non se dicía tamén). Iso o que indica é que xa mudamos de categoría. Xa non somos cidadáns, somos rescatados e como nos rescates no mar (esa é a imaxe que me ven á cabeza), dependemos da tripulación do barco no que estamos, de “gracia”.                  
Estamos en Europa en calidade de rescatados e temos que ir e facer o que nos diga o capitán, sexa Mer…kel ou Mer…cado, so pena de que se non aceptamos esas condicións teremos que enfrontarnos na nosa nave á aventura de esa singladura que aventuran imposible polos nosos medios.              

O problema aparece, para eses intermediarios de garabata,  cando eses “rescatados” terminan sendo tantos ou máis que os rescatadores. O sistema de escravitude  morreu en Estados Unidos, entre outras cousas, coa chegada da industrialización e porque era moi caro vixiar aos escravos nos procesos industrias, máis susceptibles do boicot.                  

E o sistema actual terminará sendo vencido polos rescatados/consumidores.                  
Cando entendamos que o papel activo do individuo maniféstase no acto do consumo, teremos o principio dunha batalla gañada.            

A estratexia do Poder é a que é. Todo o que sexa creación social (partidos políticos, sindicatos, asociacións,…) son perigosas para a sociedade futura. O individuo é o rei (o individualismo) segundo ese manual da refundación europea/mundial.                          

Temos que enfrontar ese novo ataque ao conxunto da sociedade tal e como a entendemos en Europa.            

E esa batalla non a podemos perder. O que custou séculos conquerir non pode ser que o prentendan substituír por “non se sabe qué, pero que seguro que será mellor”. Ese canto á irresponsabilidade si que é un fenómeno dos dirixentes europeos que, a verdade non é novo. Nada máis recordar que no século pasado meteron aos pobos europeos en dúas grandes guerras e noutras máis pequenas.                    

Teremos que estar alerta cara a onde nos levan, porque non todo vale.                    

E destruír enseguida se destrúe.