Vacas na beiramar
13 de maio de 2011 (00:00 h.)
Aínda non hai moito tempo, mais ben pouco, os carros do pais eran os donos da estrada. Transitaban turrados polas vacas a un ritmo cansiño, sen moita presa, e cada un deles, tiña no eixo un son característico, cecas un laido, ese mesmo laio facía saber quen se ía achegando polas corredoiras. Manoel cos zocos e o pantalón de maón por dentro dos calcetíns, a camisa aberta ensinando o peito, na cabeza a boina botada contra atrás e o celtas pendurado do beizo, agasallando sorrisos a quen topaba no camiño.
Coa corda na man, uns pasos por diante, márcalle o camiño o gando. Daquela moi de cando en vez transitaba o coche do vapor ou dalgún dos poucos automóbiles de turismo que ían cara a Santiago de Compostela, e cando se achegaban escoitábase unha fala, ou mais ben, unha orde, "arreda xuvenca " " arreda gallarda" apártanse un pouco contra a beirada, mentres continuaban o seu percorrido coa mirada posta no infindo, alleas a todo acontecemento..
Eu agora sinto admiración por Manoel, polo traballo que facía, e mais pola súa sabedoría, xa que contaba co coñecemento herdado dos antergos. Sabia traballar a terra cos apeiros que facían falta para cada labor, comprendía o gando e tamén coñecía moi ben as estacións e os cambeos de tempo.
Verán e inverno, santo e solto, erguíase da cama arredor das cinco da maña e o primeiro paso era encararse cara as cortes, ese día coma tódolos que viñan o mundo o chegar doulle volta o tarabelo e empurra a porta, bótalle a man a unha gadaña e ponse a sacar o estrume para fora, deixa o chan de terra a vista e o sudre saíndo por un furado na parede, despois volta cunha brazadas de xestas mesturado coa palla do millo, cisca por riba deixando un bo leito, e despois vai quecer unha pota de auga con fariña, trae do palleiro uns monllos de herba, xa acomeradas as vacas, botou man dun banquiño e sentase mentres as vai muxindo, o liquido branco e quente paseniñamente vai enchendo o balde.
O rematar a faena cubriu o pequeno treito que o separaba da cociña e sentase a almorzar unha cunca de leite fervido con pan de boroa, aínda encomeza a alborexar o día cando se dirixe o alboio do carro co teitume a vista, polas paredes penduraban os apeiros da labranza correspondentes os distintos labores: canizos de varias clases o pe do arado de pau, un pouco mais adiante o de ferro e na outra banda, en liña as grades, gadañas, legóns, aixadas, fouciños, fouce, e os machados.
Puxo as vacas a cabezalla, xa acomodadas sacou a chavella da fura, bota o arado de pau enriba, xa lle sacara as canizas e ía amarrado os fungueiros cun rello, os sacos coa semente espallados polos costados para evitar caer e as rodas ferradas do carro brincando por riba das pedras da corredoira do ribeiro remolcando o arado de ferro.
En chegando a leira agarra o arado cunha man na retrua e a outra na painela, póusao na testeira, ben a carón do marco. Pon as vacas a lara e agarra a rabela con forza, fincando o mais que pode para que a palmela de ferro abra un rego seco e polvorento, separa un pouco mais as orelleiras para facelo de mais amplitude. A metade do treito bota man dunha pedra para asentalas cuñas, bate con ela no penadoiro mentres a " xuvenca "e a " gallarda "entretéñense trincando unhas herbas do balo.
Vai ciscando a semente con xesto distraído mentres coa punta do pe pecha os sucos, enterra os grans con gran devoción e coidado, os animais moi guiadas, ían todo o treito moi dereitas e no remate, elas mesmas daban a volta, e mentres viraban Andrés dáballe a volteaba o arado.
O acabar o traballo deixa o arado contra uns loureiros e cingue o canizo, monta nel, e asemella un gladiador na súa cuadriga dando a volta de honra nun circo romano, a leira queda dereita, dereita, coma si lle botaran por riba unha peza de tea, o rematar bate con forza o canizo contras unhas pedras para sacarlle os pedrugallos que quedaran atrapados entre as corres.
A media mañas hai que ir levantar unha leira de balocas, tira cara aló leva sometes a carga do arado de ferro o de pau xa o collera a volta, bota outra caniza o carro por si as caso a colleita de moita fartura.
Engancha as vacas o arado de ferro e por algunha vez ten que parar o quedar algunha roda atrancada na terra, as mulleres con baldes van apallando as patacas mentres rin diante das ocorrencias do único home que alí esta, van enchendo os cestos antes de emborcalos nos sacos, cando botan por fora amárranos cun cordellos, o chegar a testeira Andrés acciona a panca que cambiaba o rosto de lado, virao para encarar un novo rego no outro sentido de traballo.
Despois de xantar, coa comida na boca ten que ir buscar unha carrexa de ladrillo e unhas bolsas de porlan, enriba do carro vai estibando a carga, a medida que lla veñen traendo, sendo a caniza o limite do peso a soportar pola estrutura do carro e mais polos animais.
Ala pola noitiña aínda ten que ir os barrancos a palear un caro de area. Fincaba a pala a un ritmo constante e vai cargando a medida que se fai noite e as vacas aburridas ollan como se non viran nada, alleas, alleas o mundo.Xa de volta pola estrada vai deixando un camiñiño da area que perde polas fendas das táboas da mesa.
Sempre o acordo traballando, agás os días de feira, que se ía todo o día pola volta e se facía falla, dous días.
Agora as súas leiras están a campo. Cousas da modernidade, como diría el coa súa retranca, o que non podemos colleitar témolo que mercar. Sabias falas, Manoel.