Uso e abuso das praias galegas

Uso e abuso das praias galegas

Gavin McOwan é un trotamundos, periodista moi lido polos viaxeiros buscadores de paraísos aínda perdidos neste mundo tan traqueteado, sabe o que escribe e sabeo escribilo, mimado alí onde vai polo que el poida dicir no suplemento "Travel" do prestixioso periódico inglés "The Guardian". Dáse por bendito canto el diga para espallarse polo mapamundi dos consumidores de turismo. Como o artigo publicado en febreiro do 2007 sobre as selectísimas mellores praias do globo terráqueo, entre as que deixa o Mediterraneo e a vella Europa Atlántica, agás o areal de Rodas nas Illas Cíes. E non vai descamiñado o intrépido, cotizado, tamén polémico e envexado viaxeiro, que dis que moitas veces, nin tan sequera visita os sitios e até traballa de oídas...

A calidade, a pureza e a limpeza da area, das augas -a non ser esa temperatura que espreguiza- a beleza do contorno... todo conta, incluso tamén o debera facer o diferente ritmo e son das ondas de cada unha das praias, como un idioma ou identidade propia, en ocasións como un ballet en danza suave de encaixes, en outras espectáculo sobrecolledor, alporizadas, ameazantes, perigosas, noutras en ritmos malabares, exhibicionistas, trazando revirados croques transparentes para escachar en resonancias contra as areas que arrastran, ondas apropiadas para desafiar cunha táboa de surf. Valores que saben distinguir os espíritos refinados, os que atenden e se inspiran nestas regalías da natureza. Con este patrimonio todos os coidados deberan ser poucos. Nun caso como o referido das Illas Cíes, coa categoría de "Parque Nacional" dende 1980, debera querer dicir máis control, o que non se soluciona unicamente con carteis de prohibicións, senón coa educación e o exemplo administrativo: evitando a praga do intervencionismo, o gasto de afeamento, ó que por aquí somos tan propensos. Pola conta, inmediato ó porto, compre un centro receptor de visitantes, edificación reversible, transparente, integrada, feita en harmonía coa paisaxe para servir, regular as visitas, previr e atender ás necesidades da paisanaxe. Pero o chiringuitismo, entre outros feísmos é un mal endémico, efectos que teñen súa causa na crise de identidade, e que se estende, especialmente aos lugares por todos desexados. Dun xeito ou doutro o ser humano intúe e sabe onde está a calidade e a beleza. Os uns tiran polos outros e ao redor do ocio tamén se monta o negocio e veña festa e feira. Velaí a arma de dobre fío do turismo. E nesas esquécesece o da calidade, pureza e limpeza da area, das augas, a beleza do entorno, a súa ecoloxía, arqueoloxía, etnografía... A administración segue na roda da súa rutina, actúa coa burocracia dende os despachos , transpapela a realidade dos escenarios da vida, perde a sensibilidade, que é poñer todos os sentidos, máis os da intuición, detrás dos que está a formación cultural, o coñecemento do que se ten entre mans. E así vemos, como se nada fose, o continuo aporte de áridos, de caolín para contribuír ó volume de "area" de praias que sofren desgaste polo abuso... entón acontece a adulteración, un novo sacrilexio, ó non entender que se está actuando e alterando algo único, formado ó longo dos séculos e respectado por outras xeracións.

Areais de Historia e mitos...

Praias de área finísima, que no pasado foron de marisqueo, ribeiramar de puntillas feitas por determinadas conchiñas que as ondas entregan, provenientes de colonias mariñas de moluscos que habitan polo entorno, dándolle textura e cor diferente, xunto co arrecendo de variedade de algas, que noutrora servían de abono, riqueza tamén en días modernistas para baños precursores da talasoterapia, tradición da que por aquí non arrancamos cos motores da contemporaneidade para "desestacionalizar" da invasión estival. Conchiñas das lembranzas que servían como souvenir ou materia prima para xerar unha arte decorativa inxenuamente kitsch: colares, caixas, enmarques... Finísimas areas, traballadas constantemente polo bater ou muiñar do mar, fariña con brillo, recomendado masaxe para os pes, ergonomía natural.

Sábeno ben na Europa madura o que significa unha praia, e non esquezo a imaxe das coidadísimos areais dos balnearios normandos de Douville, Trouville, acicalados, agarimosamente peiteados, sombriñas iguales, en orde, casetas en raias azul e branco, con nomes de artistas... presumindo de legado natural e de historia, imaxe e fonte xeradora do souvenir. Algo que non se improvisa ou endominga, resultado dunha educación.

Do río Eo ao Miño, o perfil da Galiza con case 3.000 quilómetros de beiramar, variada e polícroma gama de orexenias, de paisaxes expostos ó Atlántico. Lección aberta de xeoloxía, farallóns, acantilados, fendeduras, furnas, praias, calas, amparadas ou abertas á auga, ao sol, ao vento, en irmandade con fontes, ríos, lagoas, dunas, xunqueiras, caneliñas, piñeirais, lameiros, hortas... escenarios de mitos, prehistorias e historias, da cultura do mar, da pesca, do marisco, dos santuarios... "Mar de Dentro" cantado polos trobeiros galaico-portugueses, que modernamente chamamos "rías" , a carón do "Mar Maior" , "Pozo" , ou "Mar de Fóra ", de nostalxias, o que se perde no horizonte, coas estrelas e un faro na noite .

Cada praia coa súa identidade

A un gustaríalle referirse a todas as praias deste noso principio-fin, pasearse por elas con todos os sentidos a través destas ringleiras, lembrar aos poetas, aos artistas que as interpretaron... pero coitadiño por pretensións tan inabarcables: na Mariña lucense a praia das Catedrais, areal aberto en arbotantes para recibir e despedir mareas; Arealonga no Vicedo, Morouzos de pinos, xunqueira e mar en Ortigueira; Vilarrube, en Cedeira, onde o mar baixa de vagar en espirais de tonalidades en devalar de grises; Patín en Valdoviño, escenario ideal para o surf; Cobas no Ferrol, poesía de auga e pedras, de ferro e lendas; o ritmo do mar na praia de Ares, os areais de Miño, o de Gandario en Sada, Bastiagueiro en Oleiros... Riazor na Coruña, en Bergantiños os de Baldaio, Balarés na Ponteceso; Soesto e Traba en Laxe, Nemiña en Touriñán... areais atlánticos, cantados por Pondal... Langosteira en Fisterra, Carnota, Louro en Muros, Baroña do Castro no Porto do Son, as Furnas de Xuño en Ribeira, coas lembranzas de Ramón Sampedro... Esteiro na Pobra, Tanxil en Rianxo, as Sinas en Vilagarcia, a Lanzada no istmo do Grove, con lendas de ondas fecundadoras, inspiradoras de versos de Cabanillas, de Antón Tovar... a Costa da Vela con Barra na península do Morrazo e os versos de Bernardino Graña..., Samil en Vigo, a Praia América de Nigrán...Camposancos na foz do Miño... as Illas Atlánticas... E entre unha e outra un colar de moitas máis.

Areais, templos abertos ao mar para despedir ao sol, na tradición tan respectados, os que obrigan a descalzarnos, asociados a baños fecundativos, á deusa Venus das vieiras, a sereas ou homes mariños, a tesouros de piratas... praias hoxe en perigo polo tumultuoso descontrol: ao faltar nas urbes as campas nas que convivir e expresarse, por terse convertido en metros cúbicos de especulación e mostrario da ilustración municipal (aparcadoiros, fontes, farolas, banquiños... ) a multitude acude ao espazo ceibe das praias para trepar e aldraxar o legado. Canto agora non cabe nun sitio, e como norma trasládase ás praias. Así tamén mudan , defórmanse e degrádanse as tradicións, manda a aculturación en escenarios de descontrol e contaminación en todos os ordes. Pese a ser un país no que advertimos dun "nunca máis", cando a beiramar se enchapapoteaba pola mercancía dun petroleiro co arrogante nome de "Prestige". O maltrato aos bens, aos herdos comúns ofrece xeitos moi diversos. A política é planificación e xestión.