Unhas outras prosas marabillosas de Álvaro Cunqueiro
O libro, editado en tapa dura e con sobrecuberta, con magníficas fotografías de Raimon Camprubí, é, no seu conxunto, unha auténtica xoia, tanto para o gozo da lectura como para o pracer da contemplación visual. Escrito como só Cunqueiro era quen de escribir, cunha prosa que se bebe, este traballo é un relato histórico, xeográfico, humano e espiritual do noso país, con parágrafos dunha enorme beleza.
Lembro perfectamente que foi a través dun artigo de Carlos Rojas, publicado en “El País” aló polo outono de 1981, como eu souben que Álvaro Cunqueiro rematara pouco antes de morrer o que sería o seu último traballo de maior esforzo físico e intelectual e o seu primeiro libro póstumo, Ollar Galicia, un título hoxe inexplicabelmente moi difícil de atopar nas librarías e, o que resulta máis incomprensíbel, mesmo ignorado nos estudos sobre o grande escritor mindoniense. Moitos anos despois da súa publicación, cando xa tiñamos esquecido este título, un día nuns grandes almacéns da Coruña, creo incluso que de oferta, tivemos a inmensa fortuna de atopar un exemplar desta obra, que agora ten o seu lugar nun dos andeis da nosa biblioteca á beira de dous libros de don Ramón Otero Pedrayo tamén moi amados por nós, a Guía de Galicia, na edición de Galaxia de 1991, con fotos de José Suárez e Víctor Vaqueiro, e Galicia, una cultura de Occidente, na primeira edición de Everest, que vira a luz pouco antes de morrer don Ramón, en 1975, e que chegou ás miñas mans grazas a un agasallo de meu padriño cando eu tiña quince anos. Mais foi aínda nos últimos tempos, lendo un texto de Luís Cochón sobre Cunqueiro, como chegamos a coñecer o proceso de escritura de Ollar Galicia, cun Álvaro Cunqueiro xa ferido de morte, escribindo estas prosas para a editorial Destino: “Conmovía o traballo afanoso daquel home mermado pola enfermidade, pouco menos que cego, tecleando na máquina, soamente co índice dereito, mentras que coa man esquerda sostiña unha lupa tamaña para ver o que escribía…”.
O libro, editado en tapa dura e con sobrecuberta, con magníficas fotografías de Raimon Camprubí, é, no seu conxunto, unha auténtica xoia, tanto para o gozo da lectura como para o pracer da contemplación visual. Escrito como só Cunqueiro era quen de escribir, cunha prosa que se bebe, este traballo é un relato histórico, xeográfico, humano e espiritual do noso país, con parágrafos dunha enorme beleza. É como unha lección maxistral coa que Álvaro Cunqueiro clausura, xa ás portas da morte, toda a súa entrega intelectual e amorosa a Galiza. En certa maneira, Ollar Galicia é o seu testamento, xunto cos tres importantes discursos que pronuncia ese mesmo ano en Compostela e Vigo, dos que falamos nun anterior artigo. Elaborado talvez máis por un encargo editorial ben remunerado que por unha necesidade literaria e vital de escribir nese momento da súa vellez un texto entre o ensaio e o libro de viaxes, Cunqueiro entregouse, máis unha vez, en corpo e alma á literatura. Non realiza ese traballo para obter simplemente uns ingresos. Tanto o preocupa o resultado desas prosas que non o detén no seu propósito nin a fatiga física nin o sufrimento que lle causa escribir só cun dedo e case cego. Négase rotundamente a ditar a unha outra persoa as súas palabras, como si facía Gonzalo Torrente Ballester. “Éme preciso participar no acto mesmo da escritura, como quen acaricia palabras”, dille a Luís Cochón cando este lle suxire botar man doutra persoa para o exercicio de teclear.
,A primeira parte da obra é unha lección de historia contada non por un investigador, senón por un escritor que vive no no seu mundo máxico e soñador, mais que como intelectual galego e home de pensamento galeguista coñece moi ben as claves máis importantes da historia de Galiza, os momentos máis luminosos ou máis escuros da nosa historia como nación. A lectora ou o lector terá a impresión de estar escoitando a Álvaro Cunqueiro nunha das súas conferencias. As persoas que algunha vez ouvimos falar a Cunqueiro temos a sensación de sentir aínda a súa voz nos nosos ouvidos. É un texto vivo, con alma, no que está moi presente o creador, o contador de historias, e onde, de súpeto, Álvaro Cunqueiro nos confesa cousas como estas: “Eu tiven, emocionado, nas miñas mans, unhas vieiras comestas pola terra e os séculos, atopadas nun camposanto de Dinamarca”. Ou nos constrúe o relato con estas outras palabras: “Estaba o galego, xente xa dixen de dudoso orixe, nos seus vales, nos seus castros, adornado de ouro e velando plenilunios, arrodeado de deuses das augas e dos bosques, deuses dos cabalos e da guerra, cando chegaron os romanos”. E máis adiante, falando das tribos celtas que chegan a Galiza procedentes de Gales e de Cornubia, dinos Cunqueiro: “Pro o caso é que destes celtas verdadeiros queda muito menos que dos celtas imaxinarios. Perdéronse no medio das tribus galegas e son hoxe non máis que humus na almáciga da raza. Na costa cantábrica galega atópanse ás veces ollos craros, azúes, do color da violeta, e é todo o que resta dos britóns. Nin unha palabra da fala, nin unha soia pedra labrada”. Da man de Álvaro Cunqueiro viaxamos ao longo dos séculos por toda a nosa historia como quen escoita un conto. Non coñezo a ningunha outra persoa que nos achegara dese xeito á cultura castrexa, á romanización, ás invasións bárbaras, a Prisciliano, a Martiño de Dumio, a Xelmírez, aos séculos das grandes peregrinacións, do románico e dos trobadores galegos, á Galaecia que chegaba deica o Douro ou ás revoltas irmandiñas, e todo marabillosamente tecido, case sen pausa. É unha delicia seguir o relato histórico que nos ofrece Cunqueiro. Nas últimas páxinas desta primeira parte do libro non falta tampouco unha visión antropolóxica e sociolóxica da sociedade galega á altura de fins dos anos setenta do pasado século, cando aínda pervivían xeitos de vida tradicionais e estaba moito máis viva tamén a nosa lingua e a nosa cultura milenaria. Álvaro Cunqueiro remata a súa aproximación histórica a Galiza cunha conclusión fundamental: “Pese á mudanza dos tempos, con todo hai un núcleo resistente, do que se alimenta a vida individual e colectiva da nación”.
Tras esta sintética e ao mesmo tempo completísima visión do noso pasado histórico, Cunqueiro emprende unha viaxe polo país seguindo tres camiños: do Cebreiro a Compostela, de Fisterra á Terra Chá pasando pola Mariña luguesa, e, finalmente, de Noia a toda a Galiza sur. O viaxeiro utiliza os datos só cando resultan imprescindíbeis. Para el o importante é transmitirnos a súa mirada máis persoal e máis íntima destas terras e das súas xentes a través das súas propias vivencias, do seu saber e do que os seus ollos contemplaron algún día, e tamén, como non, de historias reais ou imaxinadas que só el coñece, logrando así fermosísimos textos, como podemos observar nos seguintes dous parágrafos:
“Desde os cumes do Cebreiro, o Camiño baixa de vagar aos vales que abriron os afluentes do Miño e o propio río pai. O Camiño entra ledo nun pequeno val, o de Triacastela. Aquí había un bó albergue. Unha eirexa moderna sustitúe á antiga de Santiago, románica. Aquí probouse que o Camiño ten o don de linguas. O poeta francés Germain Nouveau fixo a pelerinaxe de Santiago como antes fixera a de Roma e as dos santuarios marianos do seu país. Entre pelerinaxe e pelerinaxe, Nouveau mendicaba pan e olivas á porta das eirexas de Provenza, cos pes ao sol. En Triacastela atopou pousada nunha fría tarde de marzo. Sentado ao amor do lume, arrodeado da xente labrega do país, dixo os seus versos franceses, e os ouvintes, que somente coñecían o romance galego, entendérono…”.
………
“O visitante debe subir desde a Mariña ate o xardín de San Carlos. Pasará xunto ás pedras militares -din que alí embarcou Carlos V pra Alemania- que aínda defenden vellos cañóns, e despois de contemplar a gracia da badía, entrará naquel pechado recinto onde medran o alciprés e o buxo e florecen rosas. Alguén dixo del que estaba pechado como un patio de pazo ou de convento. Pequenas fiestras ábrense sobre a badía. No seu centro, sartego de granito e urna de branca pedra, está enterrado Sir John Moore, o xeneral británico que mandou en Elviña. Foi amante de Lady Stanhope, que o acompañou nas suas batallas e, cando o héroe morreu, refuxiouse coa dór romántica en Siria, en Hama a melodiosa, a ouvir correr a auga, aspirar perfumes, mercarlle soños aos cegos e devanar a madeixa da nostalxia. Por veces no xardín de San Carlos hai unha pequena neboíña esbrancuzada que vaga apegada aos carreiros areosos. É Lady Stanhope que volve. Non tripala. O viaxeiro atento e respeitoso pode asistir ao gran reencontro. É un xardín inesquecible, visitado polo vento e habitado pola melanconía…”.
………
Talvez todo isto non lle interese hoxe a ninguén e por iso este libro de Cunqueiro fica no máis absoluto esquecemento, mais eu tiña esta débeda persoal con Álvaro Cunqueiro desde que descubrín estas súas prosas escritas nos últimos días da súa vida. ¡Como non vai un estar agradecido de saber que os monxes do mosteiro de Monfero comían por recetas escritas, algunhas chegadas de Francia, das casas que aló tiña o Cister!, e que “Quezáis foi monxe de Monfero aquel troveiro de cantigas de fontes e cervas que se chamou Pero Meogo e cuio decir de amigo ven no Cancioneiro da Vaticana”. Que outro guía nos podería contar cousas tan belas!
-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.