Un ano máis, subir ao Pico Sacro.

Un ano máis, subir ao Pico Sacro.
Como cada ano, a A.C. O Galo e a A.C. Vagalume organizaron a subida ao Pico Sacro para conmemorar a realizada por Castelao no ano 1924. Trátase dun acto de lembranza en que tamén se le o discurso Alba de Gloria e se realizan outras actividades destinadas a afondar no coñecemento deste lugar emblemático desde o punto de vista do patrimonio material e inmaterial.

É un privilexio contarmos con entidades culturais que teñen a fortaleza de continuar a traballar ano tras ano. Grazas a elas mantemos en pé a nosa memoria colectiva e podemos afondar no coñecemento da nosa identidade. Por iso é unha honra acudir ao seu convite e ser parte deste acto necesario.

Velaquí as palabras que pronunciei ao pé do Pico:

Entidades organizadoras que me convidastes. Amigas e amigos

Saúdovos cando acadades á cima deste lugar, monte e cume que foron obxecto de culto do pobo que por dereito habitaba estas terras antes da cristianización forzosa que quixo ocultar a súa existencia. Como sucede adoito, non puideron apagar as lendas que no seu formato fantástico conservan para nós a historia esixíndonos que saibamos pór luz na súa mesta rede de relatos converxentes. Estamos no altar da Terra Nai, como dixo Daniel, a quen hoxe lembramos e homenaxeamos.

Da subida que hoxe conmemoramos fálannos as imaxes de Pedro Brey e o relato de Ken Keirades, que eu releo citado por Xoán Carlos Garrido (“90 aniversario da viaxe de Castelao ao Pico Sacro”, Faro de Vigo, 16-07-2014). Paga a pena ler a descrición do comportamento de Castelao cando se deitou no chan para ver o bordo do barranco. Retrátanos o mesmo home que vemos nos seus deseños: un ser único, mestura de sinxeleza, inocencia, curiosidade e intelixencia. Ese xesto de deixar a un lado aquel sombreiro que o cobre en todas as imaxes, ese arrastrarse polo chan para ir até onde ninguén ía, esa satisfacción de cumprir os desexos propios e avanzar, ratifican o que vemos na súa obra, unha persoa única que é, con razón, unha das estrelas que ilumina a nosa noite. Outra “luciña” máis dese “substractum insobornable da nosa Patria” (Castelao, Alba de Gloria, Xunta de Galicia, Vigo, 2008, páx. 19).

Aqueles homes estaban pescudando a terra que alimenta as nosas raíces, facéndose fortes nelas. Algo que nós debemos manter e seguir a practicar: coñecer e sentir orgullo do que somos. Sacar á luz, visibilizar as abas da nosa historia como realmente foron, para así sabermos se acadamos o cume ou aínda temos que percorrer un traxecto necesario e convocar o noso pobo para que comprobe de que elementos estamos feitos.

E se, coma este monte, estamos feitos de cuarzo, somos duros e transparentes, como Castelao foi. Cuarzo, o duro mineral desgastado en millóns de anos de chuvia até se converter en pía e facer do natural algo extraordinario, confundindo ao propio López Ferreiro quen, onde traballara a natureza, identificou a man dun pobo prehistórico: “Esta pena é de cuarzo medio cristalizado como as demais daquel sitio; está naturalmente adherida ao chan; polos seus contornos parece que andou a man do home; e polo que toca á cavidade superior é difícil explicala como un efecto das frecuente choivas, pois a súa áspera superficie non revela a acción da auga.” (Groba González, X. e Vaqueiro Rodríguez, M., A Cova do Pico, Concello de Boqueixón, 2004, páx. 118)

Os científicos fálannos da antigüidade do Pico, uns 400 millóns de anos, orixinado na primeira etapa da formación xeolóxica de Galiza, fálannos tamén da súa singularidade por ser unha montaña de cuarzo en terra de granito. Dinnos que é un inselberg de 553 metros erixido sobre o punto en que se soldaron dúas placas tectónicas. Mais esta descrición xeolóxica, resultado da investigación e do método científico, que dá resposta racional ás nosas preguntas, é xustamente a que me fai a min dicir aquí as palabras de Alfredo Vicenti na súa novela A orillas del Ulla (1875-1880): “Non hai dúbida; a orixinal montaña garda un secreto. Esfinxe de pedra, pon en tortura a imaxinación de cantos a interrogan (...)”(op. cit. páx. 25)

A imaxinación, ese elemento imprescindíbel para recoñecérmonos. Como di Castelao no Alba de Gloria: “evocar algo irreal, algo puramente imaxinario, que co seu simbolismo nos deixe ver o pasado para proveito do futuro” (Castelao, 2008, páx. 11). A imaxinación é hoxe o fío co que corcosemos os anacos de nós que imos recuperando, coma se fósemos nós as espeleólogas que baixamos por ese “pozo vertical que no negro e pavoroso parece chegar ao centro da terra” (Groba e Vaqueiro, 2004, páx. 25)

A miña imaxinación pregúntase por Lupa. Os silencios que se estenden entre os retallos que nacen abeirados aos topónimos que gardan a súa memoria, poñen en marcha a engrenaxe que acaba por se traducir en palabra poética, versos que non esquecen a imaxe da escultura que retratou o seu sometemento á igrexa, case a única imaxe que chega a nós.

A lenda, a historia de Lupa foi sempre utilizada como elemento negativo na construción do relato da vinculación do apóstolo Santiago con Compostela. Retallos á sombra da historia que outros nos dixeron real: a xangada de pedra portadora de ósos sagrados na loita pola construción dun pasado cristián que dese poder e riqueza ás terras recuperadas. Un relato que se repite en diferentes latitudes e que, se o lemos ben, fala de loitas de poder. Lendas de poder que aínda hoxe prevalecen e nos impoñen unha forma de mirar á historia.

Así sometida a Santiago, xa como relato secundario, é como, talvez, non chega a esa Santa Compaña que Castelao creou no seu discurso Alba de Gloria, pronunciado o 25 de xullo de 1948 no Centro Galego de Bos Aires. Santa Compaña encabezada por Prisciliano, seguido por Teodosio, San Dámaso, Eteria, Paulo Orosio, en quen me quero deter hoxe. Eu cheguei a Paulo Orosio pescudando na orixe do que Carvalho Calero dixera que podía ser o lema de todas as galegas e galegos: “esperar contra toda esperanza”. Carvalho engadía naquela entrevista que lle fixera Francisco Salinas para a AS-PG: “mentres non decidamos suicidarnos como povo temos que confiar na posibilidade de rectificar a historia e a historia, por suposto, ten que ser rectificada” (Salinas Portugal, F., Voz e silencio (Entrevista con Ricardo Carballo Calero), Edicións do Cumio, Vilaboa, 1991, citado a través do vídeo publicado en 2002 por eDixgal na www.bvg.udc.es)

Nós estamos aquí xustamente para rectificar a historia, comezando por esclarecer como sucederon os feitos para logo colocalos no lugar que lles corresponde. Visibilizalos e difundilos.

Ás veces será sacando á luz pergameos, inscricións, pinturas e gravados que permaneceron ocultos baixo a maleza real e metafórica. Outras veces, botando man do “puramente imaxinario”, como cemento necesario para edificar a casa de noso. Nese lugar creamos, ás veces, as poetas, procurando construír a rede que nos sosteña, o cobertor que nos abrigue.

Como galega, é dicir, muller nacida nesta terra, consciente da miña identidade, do meu xénero, da miña clase e de que esta sociedade precisa ser transformada, poño ao dispor de cantos me acompañades o pouco que sei facer, enfiar palabras coas que nomear emocións.

Con esa vontade, deixeime levar un día polo galopar das eguas entre a néboa e corporeicei a raíña pagá que foi sepultada baixa as palabras oficiais, para que das súas cinzas nacese a nosa vida. É o meu particular xeito de “ver o pasado para proveito do futuro”