Seoane: Arte e compromiso non prescriben
Todo canto se faga é pouco para revitalizar a teoría e a praxe deixada en herdo por Luís Seoane. E no ritmo que impón a cultura-espectáculo valían para algo os actos do centenario. Esas liturxias que facemos sempre que hai cabosdano: simposios, exposicións, publicacións, para furar por unha obra imperecedoira, que abre a moitas posibilidades de futuro. Pois compre circunscribir a obra de Luís Seoane na súa pragmática teima: no diálogo arte-industria, tradición-contemporaneidade, identidade e globalización. Nel a teoría faise praxe, realidade, compartindo saberes e acción, en colaboración solidaria con algúns compañeiros, co tándem formado con Isaac Díaz Pardo, con Galiza e co mundo. Así naceron as chamadas "Industrias da Memoria", "Sargadelos" e " O Castro", onde era tan importante o xeito de facer, o "Modus Operandi" como os resultados que agora, descontextualizados, sacralizamos e revalorizamos en museos e exposicións. É tan importante o xeito de andar, mesmo o camiño andado, como as metas que neste caso nunca deberan ter barreiras de fin, máis ben abren a outras encrucilladas e retos. E velaí parte dunha lección que non pode esquecerse, nin meterse en formol ou atufarse en incensos. Somos o que facemos e o cómo o facemos, e tamén somos o que destruímos. Sentímolo así: os produtos de aquelas empresas eran parte de nós, feitos con querenza e así os recibimos e así os regalamos.
No tempo deste centenario choca de fronte o que acontece a carón, nesas que foron industrias renovadoras: perden as formas dos "bos e xenerosos", o respecto e o agradecemento ós que tiveron as ideas, ós que deron todo e un traballo constante, as que agora se afunden en ERES, despiden e mesmo desbotan o seu patrimonio creativo con exotismos importados, onde se esvae a identidade, onde falla a distinción que movía o mercado. Cando elas foron empresas que dinamizaron momentos de peores crises e censuras, os da ditadura . Á vista está agora que o que foi reconstrución ameaza destrución. Teorías de porvir para Galiza, demasiado grandes para os que tentan coutar, encadear a cultura á súa particular visión de corrala, a "casas " ou "cidades" ou seguir embardelados no esperpento.
Tampouco se pode reducir o legado dun Luís Seoane que recrea sobre o popular a unha mostra "de arte pola arte", nin tan sequera limitala á actividade dunha Fundación presidida polo alcalde da Coruña, sometelo a burocracias, a unhas xornadas, a unhas exposicións, a contextos doutros textos... cando toda a traxectoria deste xenial renovador da arte está en función do popular, da NORMALIZACIÓN DUNHA ÉTICA E DUNHA ESTÉTICA , na industria, no deseño, na moda, na arquitectura, na comunicación e nas súas novas tecnoloxías... Seoane, fabricante de ideas, motor de infindos cabalos, capaces de aventurar en novas vangardas a quen saiba cabalgalos. Por que é certo que a arte nunca morre, os que morren son artistas, pero quedan como leccións as súas obras, as súas ideas para seguilas a reinterpretar, a recrear. Compre remasterizar esas mensaxes que foron de vangarda. A obra de Luís Seoane faise inseparable dos seus textos: As "Comunicacións mesturadas", os textos para a radio "Galicia Emigrante", os innumerables traballos sobre Arte Galega, Castelao... Coherencia, arte e compromiso, Teoría da Arte para abrir camiños de futuro, para contribuír a crear e a mellorar a sociedade fronte á deshumanización. Afán didáctico por seducir e atraer fronte ó tópico, ó esperpento e ó folclorismo.
E velaí como naceu o "Laboratorio de Formas", vinculado ás "Industrias da memoria", para producir cultura... algo que non caduca, nin prescribe, algo que toda colectividade debe ter agora e sempre, para reflexionar sobre as formas, sobre a súa orixe, a súa evolución, en función das necesidades e dos retos. Velaí o deseño, un gran capital para unha nova imaxe de país, o saber de onde vimos para saber cara onde imos. Recobrar e partir da Historia dun pobo que abriu camiños, encrucilladas, portos, faros, un pobo aberto ó mundo, pero tamén negado, "O Honor de Galicia", o que enxalza no poema ós "Outros", os galegos esquecidos que loitaron pola dignidade dos humanos, da liberdade dos pobos nun e noutro continente, os que substituíron ós escravos pretos, os que fundaron pobos, os que morreron na construción da ponte de Brooklyn...
Luís Seoane, pese a que naceu en Bos Aires no 1910, fillo de emigrantes galegos, volta cos seus pais no 1916 e vive na Coruña; no 1920 pasa a Compostela, onde estuda e se licenza en Directo, milita no Partido Galeguista, sobranceiro xa como creador. No 1936 colle camiño da Arxentina, co "Fardel do exiliado" ás costas: a saudade, a luz da Coruña, a pedra de Compostela, da Arzúa , o queixo con marmelo...a inmensidade labiríntica de Galiza, a identidade, os sinais de procedencia, o que enriquecía con pescudas e conversas nos camiños andados: buscando o que quedaba de galeguidade no Picasso que pasa pola Coruña, adentrándose nos misterios dos petroglifos, nos Castros, no románico, en Compostela, en Fisterra... Memoria e permanente homenaxe os grandes mestres do seu tempo, entre eles a Castelao... ós que deron todo por Galiza: Bóveda, Anxo Casal, Víctor Casas, Huici, Francisco de Miguel... Non podía, nin pode aínda deixarse tripar ese herdo polo cabalo de Atila, algo había que facer, na Galiza do Alén mar e aquí mesmo...e velaí como nacen solidariamente as "Industrias da Memoria"... para dignificar e "levar Galiza tamén ós bazares". O remedio funcionou en difíciles tempos de emigración, cando soamente se cavilaba en Galiza como paraíso para industrias contaminantes, celulosa, aluminas, unha central nuclear en Xove... Un derrame cerebral acaba con Seoane pouco despois de reencontrarse con Galiza, un 5 de abril do 1979. Seoane sabía, sabemos ben, que Díaz Pardo, pola súa constancia e saber, ten claves para seguir nesas fábricas de dignificación dun país, que é historia, xente e porvir.
O legado de Seoane ten un valor intemporal, asociado á industria... é arte para evoluír, someter a procesos de produción: cerámica, vidro, tapiz, gravado, serigrafía, múltiples, ó moble... a creatividade forma parte da vida. E velaí esas fábricas, como aldeas contemporáneas para a cultura, para producir ideas, talento... as que dignificaron a todos canto alí traballaron, que levaron polo mundo unha nova imaxe de Galiza a través dos produtos e de cursos internacionais, atraendo a creadores, formando un gran patrimonio ó seu redor...vencendo riscos, até que se perderon as rendas. Hoxe semellan proféticos os versos de Seoane:
"Dende fai séculos loitan en Galiza
os homes cas ratas.
Vencendo sempre as ratas.
Ate que toda ela fique,
coma ises castelos roiñentos
e os mosteiros sin altares
nin lembranzas de ritos,
sendo soio rondada de morcegos
e pantasmas"