Sant@s


Velaí se vai o mes Novembro, o beatificado "Mes do Santos" e do San Martiño de Tours, padroeiro de Ourense e máis do noso Outono. Tempo pagán das lumeiradas dos Magostos. Arredor do día 11 aquecía o que corresponde por tradición o "pequeno verao do San Martiño", para que a paisanaxe entre na paisaxe e celebre con lume e castañas ao santo cabaleiro. Tempo que era das primeiras matanzas, de abrir os pipotes co viño novo, que aínda non fala por si mesmo. Tempo da castañeira, no que o sol asoma e ouridourea á paisaxe facendo dela retablo barroco: soutos e carballeiras, amieirais, vimbios, emparrados de ouro, mazás de outono, cabazas, ourizos,... cosmogonías.

Tempo de cavilacións, sobre como empatar os dous enigmáticos cabos, o da Vida co da Morte. E velaí encetamos o mes celebrando feira de "Todos os Santos" seguida da festa dos "Defuntos". Compañas de lembranzas en procesión, ás que nos sumaremos en calquera incerto día. "Santos e Defuntos", espíritos puros entre os anxos, celebrados no almanaque dun plumazo burocrático, en concentración parcelaría de dúas xornadas. Pois os 365 días do ano xa non da para tanto santo canonizado, nin moito menos pros nosos santiños espurios, os que entraron na Corte Celestial pola porta faxeira, enxalzados tradicionalmente polas xentes do pobo, ás que non fixo caso a oficial Igrexa "Una, Santa, Católica, Apostólica e Romana," a que no medievo, denantes da "castra e doma" chegou a competir e amedrentarse coa nosa particular igrexa "Católica, Apostólica e Compostelá". Entón Aquitania, a Borgoña, a Provenza, a Europa culta miraba cara este extremo occidente.

Dicía Cioran, que "a santidade é unha perversión inigualable, un vicio do ceo". E así se representan os santos, entoleirados, ebrios dun enigmático deus. Espíritos puros que se senten prisioneiros do corpo, da vida e do terreal: posuídos dun sentimento de culpa... delirio, sacrificio, dor, sangue, tentación, profecía, Os partidarios dos espazos protexidos e os defensores da poboación local, aínda con posturas diverxentes, están no fondo a falar do mesmo; a defensa da nosa terra. Desde logo a participación pública é un dos primeiros pasos para retomar o diálogo e a comunicación entre a comunidade local e administración., milagre... neuroses, esquizofrenia, paranoia... analizaría Freud. Por outra banda cousas tan de santos como de teimudos estudosos.

Imaxinario de santiños nosos, esquecidos nas escorregadizas letanías do "ora pro novís", ensombrecidos por outros santos, polos "de libro". Namentres, por exemplo os santiños cataláns, atopan tronos áureos, altares relucentes e cánticos no seu idioma, antes, "en" ou despois de calquera visita papal: Santa Eulalia, San Cugat, San Eulogi, Pacíano, Calaf, Roger... Xa quixeramos traer a cánticos en idioma galego aos noutrora venerados santiños dos devanceiros, identificados co lugar do seu nacemento, da súa vida, martirio, morte ou onde pousaron finalmente as súas cinzas: a Santa Mariña de Augas Santas, a Santa Eufemia, a Santa Trahamunda de Poio... ao San Wintila de Punxín, ó San Guillerme de Fisterra, ó San Trocado de Bande, a Martiño de Dume, a Ero de Armenteira, ao San Froilán de Lugo, a San Rosendo de Celanova, a Santa Minia de Brión, a San Campio de Entíns, a Condes e Bispos Santos e tantas imaxes de Virxes, do Corpiño, da Franqueira, do Cristal, da Lanzada, Peregrina, dos Milagres, dos Remedios de aquí e de acolá... Igrexa desagradecida a nosa, a que esquece, non venera, nin propaga o seu, aos mitos e ás tradicións, arredor das que se construíron tantos templos, naceron campos de romaría e vilas que deron de comer. Santiños nosos que poden seguir a dar nome propio. Imaxes pacíficas, acompañadas dos seus símbolos, xeralmente dun animaliño, como un don compartido da natureza, e aos que nos empeñamos en contaxiar coas nosas limitacións: como beatos nugalláns, a rosmar oracións, a petar no peito meas culpas...cando non eran máis que milmañas, traballadores que daban remendos para construír, curar, sementar...coidar e vendimar do viñedo, apañar as castañas dos soutos das nosas ribeiras sacras ou vales de silencio.

Moito teñen entretido, divertido e inspirado as historias de santos. Formaban parte do repertorio de contos para dicir entre o lume e as sombras da lareira, dos altisonante sermóns metemedos , competindo con novelas cabaleirescas, coas que tamén se confunde a fabula do Santiago que, nun sitio ou noutro, de aquí ou das Américas, se fai "matamouros" ou "mataindios"; ou o San Martiño cabaleiro, xeneroso que reparte a capa, co San Xurxo que lancea ó dragón...cabaleiros que arremedan a Arturo, esperanzando sonos de líderes noutrora enaltecidos en cantos bárdicos.

Libros con "páxinas que derraman sangue", Haxiografía, moitas delas reconversión de historias ou contos orientais, ás que sumámonos á invención propia: as "Actas dos Mártires", escritas nos primeiros anos da nosa era, como no século XII a "Lenda Dourada" do bispo de Xénova, Xacobe de la Voragine; o "Martiroloxio Romano" do 1589 , obra do Cardeal Baronio, os variados "Flos Sanctorum" do século XVI, de Gonzalo de Ocaña, o de Pedro de Vega ou o do oriúndo de Galiza, o trotamundos xesuíta Pedro de Ribadeneyra, seguido do de Alonso de Villegas...Obras colectivas que uns tomaban dos outros e ampliaban con aportes e fantasías. Cotizados libros nas librerías de vello, provindes de rectorais ou de pazos espoliados. Hoxe en día Francisco Antonio Vidal, de Arteixo, na serie "Meu Santo, miña Santiña" ou en "Dos fastos ós festexos", recolle aspectos destes vellos contos de lareira e púlpito.

Dogma contra ciencia: compre reinterpretar o "signo dos tempos" para unha verdadeira "Pacem in Terris" que dicía Xoán XXIII. Doutores ten a Santa Madre Igrexa, e xa hai quen fala do que xa propuña o filósofo Comte no seu "Catecismo Positivista" do 1852, e non está descamiñado: actualizar un almanaque cun santoral cívico, dedicado ós "santos" da contemporaneidade. Novos mitos, novos ritos. Homenaxe ós inventores de todos os tempos, ós que contribuíron a iso tan cantado do benestar, á harmonía social, á paz: Pitágoras, Copernico, Leonardo, Gutemberg, Darwin , Fleming, Edison, Einstein, Bill Gates... entre os que tamén habería inventores galegos, por exemplo o da computadora que era da Estrada, Ramón Verea e moitos santiños anónimos que morreron construíndo rañaceos, pontes, portos ou estradas polo mundo adiante... Imaxes que se acompañarían dos seus atributos da ciencia, como facían os grecos-romanos - os que neso das crenzas eran moi democráticos e non se reducían a un dictatorial deus . Estes novos santos de hoxe levarían nas mans o compás, telescopios, probetas, teléfonos, computadoras....Pois a verdade é que xa resulta dramático e pouco pedagóxico ver a imaxe de Santa Lucia cos ollos no prato, a de Santa Ágata coas tetas noutro, a Santa Catarina esfolada por rodas, ou ó San Estevo co corpo acribillado por frechas, a San Paio degolándose cun coitelo... e aquela historia da mártir que arranca a lingua e lla bota ó Xuíz, santos na fogueira, crucificados....santiños famélicos, espidos e tísicos, extasiados entre as sombras das covas.