Santo Amaro dos Mortos: Historia “viva” do nacionalismo


O barrio de Monte Alto, referencia coruñesa por excelencia, onde ademais podemos atopar o campo da leña, o conxunto escultórico que inclúe estatuas de Breogán, Hércules na nave dos Argonautas, a Caracola, Caronte, o monumento aos fusilados na guerra civil, o cemiterio británico e mesmo a cárcere onde moitos represaliados foron privados de liberdade e moitos “paseados” no campo da rata, é tamén berce dunha das asociacións de veciños máis carismática do movemento veciñal. Nese punto o activo grupo de barrio do BNG organiza cada ano en setembro unha homenaxe a Pedro Galán Calvete, aquel mozo que sempre saudaba estreitando a man esquerda porque, segundo dicía, é a que sae do corazón e chega ao corazón da outra persoa, e que sendo secretario de organización das Mocidades Galeguistas na cidade foi asasinado con 19 anos polos franquistas ao pouco da sublevación.

Este ano o acto serviu para homenaxear a algúns dos persoeiros distinguidos polo seu amor a Galiza que alí repousan, non puideron ser todas e todos pola falta de tempo non por esquecemento, e así se fixo un percorrido iluminado polos comentarios, entre outras persoas, de María Xosé Bravo e Pilar García Negro. O Concello de A Coruña, cando era concelleira de cultura a propia María Xosé Bravo editou un pequeno caderno onde podedes atopar un plano guía e unha relación de homes e mulleres destacados alí enterrados e que podedes ver en:

http://www.culturagalega.org/imaxes/docs/Cemiterio%20de%20San%20Amaro.pdf

,Repasemos as persoas que foron protagonistas desta última homenaxe:

-Elvira Bao Maceiras.- Activa militante galeguista (naquel tempo o termo nacionalista evitábase pola súa coincidencia co de nacional-socialista dos nazis) militou tamén nas Irmandades da Fala, sendo secretaria da súa Xunta Directiva en 1918. Mestra, foi represaliada polos franquistas pasando uns meses na cárcere e retirada posteriormente do ensino público.

-Jenaro Marinhas del Valle.- Integrante das Irmandades da Fala, membro fundador das Mocidades Galeguistas, participante na creación da editorial Galaxia e da revista Grial e poeta formou parte da RAG, coa que rompeu ao radicalizar a súa posición reintegracionista.

-Amparo López Jean.- Tivo un papel moi destacado na Agrupación Republicana Feminina, da que chegou a ser presidenta, uniuse no 1935 ao Partido Galeguista. De fortes conviccións feministas sufriu un interminable periplo despois do 36, mesmo incluso cárcere.

-Antón Vilar Ponte.- Un dos fundadores das Irmandades da Fala e de ORGA. Como membro desta última foi elixido deputado no 31 e no 34 incorporouse ao Partido Galeguista saíndo novamente elixido en febreiro do 36, morrendo en marzo, sen tomar posesión, dunha perforación gástrica. De enorme obra de contido nacional ingresou na RAG no 34 cun discurso “O sentimento liberal na Galiza” de referencia sendo respostado e recibido por Ramón Otero Pedraio.

-Álvaro Cebreiro.- Debuxante, ilustrador, caricaturista e membro das Irmandades da Fala. Membro da Real Academia Galega de Belas Artes ten unha ampla obra sempre relacionada con Galiza. O 1 de decembro de 2015 a rúa Xeneral Mola da Coruña pasou a chamarse Alvaro Cebreiro.

-Xosé Castro González (Chané).- Un dos máis importantes músicos galegos, musicou moita da obra de Curros Enríquez, sendo as de máis sona “Unha noite na eira do trigo” e “Un adeus a Mariquiña”

-Anxel Casal.- Membro das Irmandades da Fala foi promotor e primeiro mestre da Escola do ensino galego (galeguista e laica). Activista galeguista militou dende a súa creación no Partido Galeguista e foi elexido alcalde de Santiago en febreiro do 1936 e “paseado” o 19 de agosto sendo atopado o seu corpo en Cacheiras onde poderemos ver un pequeno monumento.

-Ramón Vilar Ponte.- Ensaísta e membro das Irmandades da Fala, alcalde de Viveiro de abril a outubro de 1931, ingresou na RAG no 51 cun discurso ditulado “A Xeración do 16”.

-Manuel Curros Enríquez.- Poeta e xornalista foi un dos tres principais representantes do Rexurdimento da literatura galega xunto a Rosalía de Castro e Eduardo Pondal. “Do mar pola orela mireina pasar, na frente unha estrela, no bico un cantar” verso adicado a Rosalía (A Rosalía) e Airiños da miña terra forman parte da súa obra. Na Coruña, obra de Asorey, ten un enorme monumento nos xardíns de Méndez Núñez, e o seu enterro foi unha expresión multitudinaria de afecto popular sen antecedentes na historia de Galiza.

-Manuel Murguía.- Historiador e impulsor así mesmo do Rexurdimento, expresou a necesidade de crear un diccionario da lingua galega e unha academia da lingua que finalmente foi aprobada como RAG (1906), da que foi o primeiro presidente até a súa morte. Home de Rosalía de Castro, no seu enterro foi interpretada “Negra Sombra”.

-Manuel Lugrís.- Escritor e membro da RAG, da que foi presidente, das Irmandades da Fala e do Partido Galeguista. Morreu ao ano de finalizar a guerra civil no medio da persecución pola súa actividade galeguista. Emotiva foi na homenaxe a intervención do seu neto Manuel Lugrís, presidente actual doutro dos referentes de Monte Alto, o Club do Mar de Santo Amaro nas Durmideiras.

-Leandro e Uxío Carré.- Escritores e membros da RAG.

-Eduardo Pondal.- Médico, aínda que apenas exerceu, e o celebrado autor de Queixumes dos pinos. Pascual Veiga pediulle unha letra para unha obra que pretendía presentar a un certame na Coruña e Pondal achegoulle “Os Pinos”. Non chegou a estrearse na Coruña pero si na Habana en 1907 considerándose dende entón Himno de Galiza. A súa obra inspirouse moito no Lebor Gabála Érenn irlandés escrita en gaélico que é de onde ven todo o seu simbolismo do mundo celta e a comparación da súa oposición aos romanos coa dos galegos aos casteláns. O seu enterro en Santo Amaro foi un grande acontecemento cun cortexo acompañado por toda a corporación municipal, pois naquel primeiro terzo do século XX a cidade da Coruña era galeguista e simpatizante da cultura en idioma galego.

Para rematar non podemos deixar de citar a columna trenzada en lembranza da folga xeral de 1901 erixida por subscrición popular ás vítimas dos sucesos do 30 e 31 de maio de 1901, primeira grande folga xeral da historia do movemento obreiro galego.

-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.