Ramón Blanco Rey: Unha paixón teatral

Ramón Blanco Rey: Unha paixón teatral

No cemiterio novo de Santa Cristina de Barro (Noia), case ao pé da campa do que foi o seu amigo e inspirador, Xosé Agrelo Hermo, descansa para a eternidade Ramón Blanco Rey. Falecera o catro de setembro de 1986: tiña tan só 29 anos.

Soubera do que, co tempo, sería para min coma un irmán, unha década antes da súa morte, no chamado Centro Social, Cultural e Recreativo de Rutis (Culleredo), no que un día aparecera presentándose como o novo profesor de guitarra. Eu xa sabía tocar un pouco ese instrumento e inicialmente non tiña especial interese por asistir ás súas clases, aínda que decidín achegarme, máis que nada por coñecer mellor a aquel mozo, alto e encurvado que irrompía na borrallenta monotonía dunha sociedade popular.

Ramón estudaba guitarra e canto no Conservatorio da Coruña; eu tamén estaba matriculado nel. Contárame a sorpresa que experimentara a súa profesora de canto, María Luísa Nache, cando el lle comentara que quería cantar “como Amancio Prada”. Moitísimos anos despois descubrín, e anda o disco pola casa, que aquela señora coa que me cruzaba polo Conservatorio chegara a cantar en 1953, na Scala de Milán, nada menos que con María Callas e dirixida por Leonard Bernstein, a Medea de Luigi Cherubini.

Traballaba como repartidor nunha empresa de café e eu acompañábao en ocasións mentres realizaba o seu labor. Contárame que tiña escrita unha obra teatral e estaba interesado en formar un grupo. En Noia, onde nacera, tratara á xente de “Candea”, grupo que dirixía Pepe Agrelo, asistindo ás súas representacións. Faloume así mesmo dunhas compañeiras súas no Conservatorio que poderían estar interesadas. A min parecérame ben a idea; comprometémonos a buscarmos xente para o grupo e ao pouco tempo nacía “Maiolongo”. Foi o primeiro grupo nacido no concello que fixo teatro en galego dende a II República.

As personalidades dos que formamos o grupo eran do máis heteroxéneo. Ramón, dezanove anos, vivindo lonxe da súa terra, só, nunha pensión; as irmás Pilar (extraordinaria actriz) e Tareixa, coñecidas do Conservatorio; Ana, unha mociña nova que asistía ás súas clases de guitarra; Avelino, veciño meu que se encargaría, ademais de actuar, da parte técnica; Fernando, un neno que asistía tamén ás clases de guitarra e que sorprendería a todos pola súa madureza interpretativa; por último, quen isto relata, dezasete anos, atarefado nas primeiras tentativas de ser poeta.

Os ensaios desenvolvíanse no Salón Fina Sport, o popular “Carricho”, unha antiga sala de festas que, nestas alturas, só abría as portas en contadas ocasións.

En agosto de 1976, tras meses de aprendizaxe e irmos xuntando un rudimentario equipo técnico, estreamos no citado local, coa axuda de varios amigos de “Candea”, a nosa primeira obra, Camiñar a cegas, da que era autor Ramón. Acadamos, previo pagamento da vontade, encher a sala. Familiares, amigos..., acudían cunha mestura de curiosidade, simpatía e escepticismo; e a pesar dos nervos e da inexperiencia, a representación resultou aceptable. A obra chegara ao corazón do público e moitos dos asistentes non puideran evitar as bágoas. Aqueles aplausos que recibimos, os primeiros, déronnos folgos para continuarmos.

A esta, seguiríanlle outras representacións. Noia foi a segunda vila na que actuamos, na Sociedade Liceo. E realizaríamos máis representacións en Culleredo, unha delas na Universidade Laboral; na igrexa de Santa Mariña de Ferrol; na cidade da Coruña, nas Hermanitas de los Ancianos Desamparados da Coruña, na Sociedade Recreativa da Gaiteira, no colexio de Mestría Industrial e na igrexa de Pedralonga. Outras foron no Instituto Luís Vives de Pontedeume e na Aula Magna de Fonseca en Santiago de Compostela.

Camiñar a cegas
trataba o problema do alcoholismo. Co tempo, puiden comprobar o enorme influxo que de Noite de lobos, de Pepe Agrelo, había nela.,Estamos en 1977. Chegaría a nosa segunda e derradeira montaxe, O día que o sol alumeou pola noite, tamén da autoría de Ramón. Vímonos na necesidade de ter que ampliar o grupo, xa que precisabamos un elenco máis numeroso. Outro Ramón, mestre, de Vilaboa, e María, unha rapaza noiesa que estaba a traballar na Coruña, foron as novas incorporacións, colaborando en ocasións a miña irmá Isabel, Ana Pallares ou José Emilio.

O día..., literariamente inferior, ao meu xuízo, a Camiñar a cegas, en canto á escenografía era moi superior. Avelino chegou a fabricar un arado de pao, de tamaño natural, que se utilizaba nunha das pasaxes da obra acompañando cun canto de arada.

Estreámola tamén no Salón Fina Sport de Vilaboa. Foi a primeira, e derradeira, representación da mesma.

O día… trataba do problema dos emigrados que queren regresar, o caciquismo... Respírase nela o ambiente político do momento. Son tamén constatables as influencias doutra obra de Pepe Agrelo, Metá e metá.

Houbo un momento que valoramos a posibilidade de montar Laudamuco, señor de ningures, de Roberto Vidal Bolaño, pero quedou en nada. E pouco a pouco, por diversos motivos, o grupo esmoreceu. En 1978, case por razóns sentimentais, volvimos montar, con rapaces e rapazas moi novos cos que eu contactara para outro proxecto que non callaría, Camiñar a cegas. O teleclub “O Noso Lar” de Culleredo viu, na celebración do Festival das Letras Galegas dese ano, a derradeira representación realizada por “Maiolongo”, na que eu substituín a Ramón –naquela época atarefado noutras cousas- no papel protagonista, colaborando el entre bambolinas.

Desaparecido o grupo, traballou un tempo con “Candea” nas montaxes de O mestre, no papel do falanxista, e Noite de lobos, interpretando ao “Cortizo”.

Impactado pola lectura de Ionesco, escribiu logo o borrador dunha obra onde facía unha incursión polo teatro do absurdo, moi diferente ao seu traballo anterior. Co tempo, revisaríao e remataríao eu titulándoo A cinza. Quedou inédito.

Xa neste tempo a euforia polo teatro apagábase. Atrás quedaba aquela ilusión que sentira, -sentíramos-, ao asistirmos ao 1º curso de Expresión Dramática que organizara a recentemente fundada Escola Dramática Galega- declinaba. Tivo un pouco despois outra etapa creativa a raíz da súa descuberta, con Barriga Verde, do espectáculo dos monicreques, chegando mesmo a construír algúns.

Eran tempos nos que se pulaba por acadar a profesionalidade, nos que nacera a chamada “Plataforma do Teatro Galego”… Ramón comentaba que mesmo estaba avergonzado do teatro que fixéramos.

,Marchou ao servizo militar a Andalucía. En Sevilla afloroulle a doenza da tuberculose (que eu non sabía que padecera), coñeceu á súa futura esposa… Máis tarde operouse en Santander e semellaba ter quedado ben. Xa casado, e pai, botou varios anos residindo e traballando na zona de Viveiro. Asistiu á miña voda, visitámolo varias veces, encontrámonos noutras ocasións... Nada facía supoñer que recaera e que a doenza estábao devorando. Por iso, levei unha tristísima sorpresa cando en 1987, con motivo dun acto ao que asistín en Noia, souben da tráxica noticia do seu pasamento había uns meses.

A pesares da súa breve vida, Ramón deixou unha fonda pegada nas persoas que o coñecimos e quixemos. Algúns, ademais, tentamos que a súa memoria non se perdese.

O Concello de Culleredo puxo o seu nome en 1996 a unha pequena rúa en Vilaboa e incluíuno na publicación Persoas Ilustres de Culleredo, I.

O inolvidable Pepe Agrelo dedicoulle o seu libro Candea-70, citouno cariñosamente na publicación, promovida polo Liceo de Noia, que conmemoraba os aniversarios de “Candea” e da Coral Polifónica da vila e fíxolle un oco nas biografías que incluíu no seu libro sobre a parroquia de Santa Cristina de Barro.

Material del e do grupo, que eu gardaba no meu arquivo, serviría para varias publicacións: dúas delas, da autoría de Manuel Lourenzo e Francisco Pillado Mayor (O Teatro galego, Edicións do Castro, 1979, e Dicionário do teatro galego, Sotelo Blanco, 1987); a outra, no volume dirixido por Mar Nogueira Catálogo de dramaturgos galegos 1973-2004. De Abrente ata hoxe (Xunta de Galicia, 2005), que lle dedica unha entrada.

Preparei tamén a edición, introdución e notas de Camiñar a cegas, publicada, en abril de 1990, no nº 84 dos Cadernos da Escola Dramática Galega con portada de Calros Silvar, e lembrei a súa figura en artigos como “Ramón Blanco Rey e o teatro en Culleredo” (El Metropolitano de Culleredo, 2000) ou “Ramón Blanco Rey, in memoriam”, no nº 8, do ano 2002, da revista Alameda do Liceo de Noia. Foi tamén especialmente emotivo para min poder colaborar e asistir hai poucos anos a unha representación que, na súa homenaxe, fixo o grupo de teatro “Mutis” de Noia, no Coliseo Noela de Noia, de Camiñar a cegas.

A publicación do Caderno antes citado tamén foi comentada por David García Vidal na súa tese de doutoramento Teatro galego e construción nacional: os Cadernos da Escola Dramática Galega (1978-1994), presentada na Universidade de Birmingham en xullo de 2009.

As grandes catedrais construíronse colocando pedra a pedra. Unhas, as claves, sosteñen arcos e bóvedas; outras, finamente talladas, locen en pórticos e capiteis; as máis, ben escuadradas, sosteñen muros e columnas. Aínda que humilde, Ramón, as súas obras, o grupo “Maiolongo”, son unha pequena pedra na historia do teatro galego.

,-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo
: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.