Pseudociencia e mistificación lingüística

A linguaxe é un fenómeno ambiguo por ser a base ineludíbel da nosa comunicación e por encerrar, asemade, usos automatizados sobre os cales non se reflicte habitualmente, o que permite que vincule todo un elenco de valores e percepcións ideoloxizadas. Nunha palabra, se ben a linguaxe non moldea a realidade, si que determina até certo punto como a percibimos, expresamos e transmitimos.
Noutro artigo, xa falei do poder da linguaxe para perpetuar, normalmente de xeito inconsciente, estereotipos de xénero e sexualidade baseados en normas convencionais. Mais a manipulación lingüística non se limita, desde logo, a este ámbito.
Así, recentemente asistimos tamén á (habitual) deturpación semántica do termo ‘antisemitismo’ para descualificar calquera voz que se levante en contra da política de apartheid e xenocidio palestiniano practicada polo Estado Sionista, no caso do Premio Nobel de Literatura Günter Grass, declarado persoa non grata tras a publicación este mes da súa poesía Was gesagt werden muss (‘O que ten que ser dito’). Sen falarmos da tentativa permanente de usurpación de termos como ‘nacionalismo’ ou ‘identitarismo’ polo imperialismo e a reacción ultradereitista para lles restar o seu verdadeiro potencial emancipador.
Tamén de xeito insidioso, a linguaxe emprégase para explotar os nosos lexítimos medos fronte ao abuso de determinados produtos químicos, xogando coa nosa credulidade e a ignorancia científica, ao volver circular novamente pola rede o denominado ‘Panfleto de Villejuif’, que sinala o temíbel aditivo alimentar E330 como un dos máis tóxicos e canceríxenos, sendo como é en realidade nada máis perigoso que o código europeo para o ácido cítrico. Haberá que ter coidado co monóxido de dihidróxeno tamén…
Examinemos un outro exemplo. Certas marcas das denominadas ‘ecobolas’ para lavar a roupa denuncian os deterxentes habituais por conteren ‘ingredientes tóxicos’ como o ‘dodecilsulfato sódico’ e outros ‘produtos químicos nocivos’ aos que estamos expost@s acotío e que seica provocan varias doenzas, entre as cales destacan o eccema e –como non– o cáncer. Non digo que moitos destes engadidos químicos non sexan contaminantes, nin potencialmente irritantes, nin defendo a grande industria química que fai que pensemos que sexan necesarios encimas, branqueadores ópticos ou outros produtos para lavarmos a roupa. No entanto, ‘alternativas’ como as ecobolas non son, desde logo, a solución, pois, se ben é certo que non contaminan, tamén non funcionan, sendo denunciados como timo polo Instituto de Consumo. En realidade, trátase dunha estratexia publicitaria de venda agresiva, moitas veces mediante a dubidosa práctica da venda piramidal, como tamén no tristemente célebre escándalo das pulseiras Power Balance.
A linguaxe é, de facto, un dos elementos que caracteriza a pseudociencia. Contrariamente á linguaxe científica, que procura a claridade inequívoca, a linguaxe propia da pseudociencia toma prestadas palabras grandilocuentes da ciencia –canto máis complexas e incomprensíbeis para persoas leigas mellor– usadas como xerga máxica para agochar a falta de contidos ou fundamentos. Serve, en definitiva, para vender de maneira deshonesta produtos a alto custo que realmente valen moi pouco ou nada.
Un caso paradigmático achámolo na publicidade de certas cremas hidratantes antiidade e outros moitos produtos de cosmecéutica que combaten, entre outras cousas, o ‘xene da vellez’, barallando termos como: péptidos de ouro, tecnoloxía pro-xene, biolysat, renovación celular, adenosina, retinol, ácido linoleico, micropartículas, ácidos α-hidroxibutíricos (AHA), coencima Q10, etc. Pode que algúns funcionen, aínda que moitas veces non conteñen cantidades suficientes do principio activo (unha práctica coñecida como ‘angel dusting’ en inglés) e nalgúns se tivo que retirar a publicidade para determinados produtos ao non demostraren a súa suposta eficacia. Agora ben, o problema non radica na súa eficacia ou non, senón en nolos venderen mediante galimatías pseudocientíficos.
Por desgraza, este equivalente moderno do conxuro da queimada vai moito máis alá que os potingues de luxo. Así, por exemplo, o adiñeirado gurú Deeprak Chopra, que non teme en denunciar o custo elevado dos fármacos convencionais mentres cobra 75.000 dólares por conferencia, vende ‘medicina cuántica’. Iso si, recoñece explicitamente nunha entrevista con Richard Dawkins que o seu uso do termo ‘cuántico’, propio da física, nada ten a ver con esta, senón que “non é máis que unha metáfora”. Vaia, o único que ten de científico é o nome, e nin iso.
Máis cerca da casa temos quen ten sido cualificado de charlatán, o mediático Eduard Punset, quen, contrariamente ao que se podería crer, non ten ningunha cualificación académica como cientista, sendo licenciado en dereito e cun máster en económicas, o que pode explicar a súa proclividade por promulgar mitos como, entre outros, a suposta capacidade de Uri Geller de facer dobrar culleres coa forza da mente (para que?!).
,En definitiva, asistimos a un recruar da pseudociencia, outra consecuencia da desesperanza á que leva a actual crise do modelo neoliberal do capitalismo (pensemos en Dimitris Christoulas) que nos está a retrotraer décadas atrás até o escurantismo decimonónico no social e no económico. As dúas cousas van de par: canto menos se inviste en educación e investigación, máis ignorancia se xera e, á súa vez, esta ignorancia leva a recorrer a supersticións para aliviar a sensación de impotencia.
O coñecemento é político: saber é poder. Así, non hai nada mellor para controlar o pobo que privalo de coñecemento. Por iso, por exemplo, ás mulleres foilles vetado até ben recentemente o acceso a unha educación formal, sobre todo nas ciencias, para evitar que se desen conta da súa situación e se rebelasen.
Non é que sexa gran seguidor das ensinanzas da Biblia, crisol de crenzas supersticiosas dun primitivo pobo de Medio Oriente, porén, ás veces, contén aforismos acertados, sempre que se lles reste o seu aspecto relixioso, como aquel de “a verdade vos liberará” (Xoán 8.32), que eu interpreto así: o acceso ao coñecemento a través da educación científica universal é a garantía para que as masas populares entendan as razóns da súa explotación e se rebelen en contra da inxustiza. Esa foi a razón de fondo das campañas de alfabetización na Unión Soviética (1919-1939), na Albania Socialista (1945-1963), no Vietnam (1945-77), na China Popular (1950-58) ou en Cuba (1961), inspiradas nas inquedanzas expresadas por Lenin por educar as masas para lideraren a revolución e conseguiren a emancipación social.
O resto é escurantismo e escravitude.
----------------------------------------------------------------------------------------------
[NOTA EDITORIAL.- A responsábel editorial desta publicación dixital, Terra e Tempo, recorda que as valoracións e opinións contidas nos artigos das colaboradoras e colaboradores habituais recaen integramente no ámbito da responsabilidade delas e deles. A directiva non asume como propias máis que as afirmacións do "Editorial" ou de "Xunta Directiva da Fundación Bautista Álvarez" que, con este nome, se publica á cabeza dos artigos do día. Tendo comprobado como é moi elevado o número de lecturas e comentarios dalgúns artigos -cousa que nos honra, naturalmente-, asistimos igualmente a unha utilización espuria da opinión dalgúns colaboradores, facéndoa extensiva á Fundación Bautista Álvarez ou á Unión do Povo Galego, partido que non ten responsabilidade sobre este dixital que edita a Fundación. Insistimos, por isto, en como o dixital Terra e Tempo, respeitando a liberdade de expresión dos seus colaboradores, non fai súas en absoluto as aprezacións particulares, sobre calquera tema, dos mesmos. Reservámonos, claro está, como en calquer publicación similar, o dereito de inserimento dos comentarios que cada artigo merecer, pois non damos nin daremos cabida a aqueles que conteñan insultos ou resulten difamantes ou inxuriantes para persoas, institucións ou organizacións.]
----------------------------------------------------------------------------------------------