Políticas de escarnio e maldicer: poder mediático e manipulación informativa
29 de agosto de 2010 (00:01 h.)
Sufrimos recentemente unha boa mostra, coa votación da proposta de reforma laboral do goberno do Estado, do xeito de actuaren os medios de comunicación cunha forza política como o BNG. Estamos no aire, vivimos nunha alerta permanente perante a manipulación descarada ou sibilina, a ocultación e o silencio, cando non son difamación e maledicencia. Prepárense, pois, candidatos e candidatas do BNG ás eleccións Municipais de 2011, porque o PP, co concurso activo dalgunhas formacións locais populistas, onde as houber, e a axuda doutras "máis progres", utilizará todos os medios ao seu dispor para o combate e desprestixio do noso proxecto, para ampliaren a "guerra suxa", que contará cos apoios mediáticos requeridos. Non se vivirá de igual xeito en todos os casos, mais si como fenómeno, digno de análise, que xa se experimentou nas Municipais de 2007 e se amplificou nas Autonómicas de 2009 (o que, neste mesmo foro, a semana pasada, un articulista chamou, atinadamente "campaña mediática golpista"). Deullles resultado e volverán!
Foi un xornalista de La Voz de Galicia -creo que non o soñei- quen na mañanciña da resaca electoral das Autonómicas de 1 de marzo de 2009, entre as conclusións e leccións que tiraba, se apurou a salientar que os resultados viñan a pór de relevo que o BNG era igual ás demais forzas políticas sobre a percepción "crítica" que o electorado fixera da nosa acción de goberno, así como dos "xestos e mensaxes" da mesma campaña. Remachábase así unha "brillante faena", con efectos precisos, onde o BNG se viu forzado a nadar contracorrente e -con toda lóxica- se viu tamén impotente para frear a enxurrada de "deméritos", algúns deles fundamentados en erros cometidos seguramente, mais moitos outros manipulacións orquestradas con especial saña. Creo que é conveniente avaliarmos que a tal "campaña mediática" perseguía algo máis que un retroceso electoral, a perda dun escano e dun goberno de coaligación; perseguía (e perseguirá) homologar o nacionalismo ás demais forzas políticas, restarlle credibilidade e, polo tanto, minimizar a súa influencia." O nacionalismo xa non é puro; foi corrompido polo poder!" A campaña seguirá; oxalá me equivoque!
Xa sei que nunca contamos co favor dos medios de comunicación de masas. Porén, ten habido ocasións en que este tipo de procesos discorreron de xeito máis tranquilo. Haberá quen pense e manifeste que foi debido a que, sen opcións de chegar ao poder, o BNG resulta menos molesto ou perigoso e non desata a ira dos deuses. Porque, unha forza nacionalista como o BNG, que leve adiante as transformacións nas que cre, resulta molesta a moitos poderes e é un obxectivo a combater. É moi ilustrativo comprobarmos como os xerifaltes da política española non se privan en público de mediren a forza e, máis concretamente, o "grao de perigosidade" dos nacionalismos catalán, vasco ou galego! Haberá quen poida pensar que as cousas se fixeron mellor noutros momentos e por iso non fomos tan atacados... Non faltarán razóns neste debate.
Indo do particular ao xeral, o que está cada día máis claro é que o poder mediático actúa como punta de lanza doutros poderes. Non é o terceiro ou cuarto poder, como lle chaman algúns; leva camiño de converterse en primeiro poder, mesmo con capacidade para cambiar gobernos. As campañas mediáticas fanse en función duns intereses moi determinados (políticos, económicos) e para uns obxectivos tamén moi determinados. Non debemos agardar polos parabéns; debemos, polo tanto, estar preparados e, a ser posíbel, inmunizados contra esta epidemia tan estendida nos tempos que corren; do contrario poñerase de manifesto a escasa firmeza e a vulnerabilidade da organización e electorado cos que contamos. E, tampouco digo nada novo se insisto en que debemos dispor dos nosos medios para facer chegar a toda a organización a información precisa en calquer momento que as circunstancias o requiran.
Concordamos moitos compañeiros de organización en que, neste novo escenario, un dos riscos maiores é sermos homologados aos demais, para máis paradoxo ou inri sendo como son as outras, forzas do sistema con formas e principios moi diferentes aos nosos. Curiosamente os efectos da crise e os efectos do pensamento globalizado parecen axudar á confusión, a que exista un devalo ideolóxico, máis dereitización, falta de coherencia e de rebeldía fronte aos desmáns dos gobernos e a dexeneracións das democracias. É moeda corrente escoitarmos perlas deste teor, que pretenden ademais presentárensenos como constatacións universais: "todos os políticos/partidos son iguais", "todos os sindicatos son iguais", "dá igual, todos fan o mesmo", "os políticos, os novos amos", "a clase política"... Xeneralización da impotencia, desmoralización, confusionismo; non hai, non pode haber diferenzas. As diferenzas obstaculizan os obxectivos de determinados poderes. É mellor propalar todo aquilo que incida en converter os individuos en greas submisas, todo aquilo que incida na deserción da política. E isto sucede, insistimos, cando se demostra que as "democracias" están entregadas en brazos do capitalismo oligárquico, cando se evidencian os efectos do mercado común, cando se demostra, en fin, que as democracias non son tal ou son incompatíbeis co capitalismo.
As campañas mediáticas non se fan para incitar os individuos a rebelárense fronte ao papel submiso dos presidentes e dos Estados cos poderes transnacionalizados: Banco Central Europeo, Banco Mundial, Organización Mundial do Comercio, Fondo Monetario Internacional... Tense repetido en varias ocasións: non manda o Estado, manda o mercado; cada vez máis, fundamentalismo de mercado. A xerarquización internacional obriga mesmo a un presidente de Goberno a xustificarse, e render contas, se for o caso, perante o Departamento de Estado dos EUA pola realidade lingüística e o "grao de liberdade" lingüística que hai no seu Estado. E así con moitos casos máis.
A globalización conlevou "a imposición de xerarquías" e a transformación sistemática das sociedades, producindo e difundindo ideas, fabricando imaxes de laboratorio engaiolantes, mitos, estereotipos... Os media, coa súa capacidade asombrosa,están abertos e fan un servizo inestimábel ao sistema, converténdose no principal soporte. As grandes fortunas do capitalismo, por medio de profesionais adoutrinadores, fundacións de nesgo moi conservador, en todo o mundo -bos exemplos hai tamén no Estado español!- levan a cabo unha cruzada ideolóxica moi taimada, un lavado de cerebro sistemático para chegaren a impor o pensamento único. Este "aprovisionamento de ideoloxía", con toda a parafernalia e todo o marketing, ten as concrecións que todos coñecemos por toda a parte: "o privado sempre supera o público" (en eficiencia, calidade...), "o individuo é libre e independente á hora de triunfar ou fracasar", "os mercados autorregúlanse, non necesitan ser regulados", "o nacionalismo é unha barreira, un obstáculo para o progreso", "os ricos son ricos por seren máis listos, máis traballadores, máis emprendedores; ademais crean riqueza e empregos", "a condición do individuo antes que tal, é a de consumidor"...
As campañas mediáticas funcionan a escala planetaria. As máis grandes campañas mediáticas -non se nos poden ir da cabeza!- fixéronse en nome da liberdade, da liberdade duradeira, da santa liberdade de invadir e espoliar. A invasión de Iraq foi precedida por unha "obra mestra" de propaganda mediática ao servizo dos poderes políticos e económicos do imperialismo. Un país que nunca agredira aos EUA, foi presentado ante a opinión pública americana e do resto do mundo como o compendio de todos os males habidos e por haber, como perigo inmediato e agresor; do seu mandatario, Sadam Hussein, proxectouse a imaxe dun ditador sanguinario, tal Hitler moderno, con capacidade de aniquilar o mundo co seu arsenal de armamento químico de destrución masiva. O mundo aínda había estar agradecido porque a guerra preventiva foi unha guerra de liberación! Alguén ten capacidade para enxuiciar -e reconducir- a ruindade dos medios de comunicación que "se deixaron" instrumentalizar?
Mais, ironicamente, a imaxe da impotencia, coa súa carga simbólica liberadora, tamén conseguiu dar a volta ao mundo e encher de razóns o pobo iraquí. Os zapatos voadores do xornalista Muntadar al-Zeidi, verdadeiro heroe para o mundo islámico, convertéronse en proxectil, en auténtica "arma de destrución masiva" cara o rostro diabólico de Bush que, aínda que con torpes reflexos, conseguiu fintalos. Xestos como este tamén deberan pasar á historia, porque simbolizan o papel dos débiles, aos que só lles queda a saída da desesperación e da autoinmolación.