Pesca do cordel
13 de agosto de 2010 (00:01 h.)
Non só a sardiña era a súa ocupación principal, dependendo da tempada: o badeixo e o congro tamén eran dos oficios salientábeis no mar de Arousa. É unha pesca máis sinxela, había que contar cun bo coñecemento das marcas para arriar a poutada enriba da pedra, saber da relación entre a lúa e as correntes, para deste xeito poder calcular a súa intensidade e rompente nos cantís. Ámbalas dúas forzas teñen tanto que ver cos costumes dos peixes, e estar aló no abrente que é cando saen da laño a comer.
Neste, a tripulación voltaba a medrar, estaba conformada polo patrón máis tres mariñeiros e o rapaz, dous arriando liña polos costados e o máis novo pola proa ou a popa.
Uns días antes da saída había que preparar e ter listos tódolos habilitos. As garadellas de pau de piñeiro, as chumbadas fundindo a cantidade precisa para darlle a feitura e o peso axeitado a cada pesca, logo facer unhas lascas de fíos da lus para amarrar a liña que xiraban co xeito dun carrapito, as bicas de paletilla coa cana recta ou torta. Empatábanse cun nó no liñón de socalina que viña a ser unha fibra de liño moi seleccionada.
Bicas normais do numero catro e 20 de abertura, dous saíntes e a anela dobrada cara dentro.
Saían cara a abadeixeira onde se tomaba máis peixe, as marcas nos miolos: Noro e as Gralleiras de Sálvora. Altas de Noro: a laxe de Noro e a Forcadiña a unha casa branca de Couso.
Os bos fondeaban xusto no medio e medio, xa aló cumpría desenvolver o liñón e iscar o pateiro femia, aínda que algúns gostaban do bolo vivo, agochando a mordente da bica para enganar ó peixe e á sensibilidade nos dedos, para sentilos nas fonduras do mar, saber se é pequeno ó sentir pequeniñas trincadas na carnada, e se é grande percibir que o peixe queda atragoado pola bica, e nesas darlle a lacada no instante axeitado.
Cada mariñeiro tiña o seu xeito de traballar, xa que estes peixes cando pasan dos catro kilos cabecean moito, e por iso mesmo había que lascar moita liña e ó mesmo tempo halar segundo fora a dirección de fuxida.
Cando ían ó congro poñían rumbo ós Cascos de Canteiros: marcaba o Petón grande de Fóra co Cón Cajado tamén de fora de Pragueiros.
Outra congreira onde se tomaba moito peixe e Forcadiña polo sur do firme de Sagres.
A mellor carnada para o congro é a sardiña iscada polo ollo. O congro matábase arriándolle un pauaso no embigo, xa que era perigoso telo vivo abordo polas fieiras de dentes xa que onde os chantaban non arriaban polas boas.
O peixe era vendido fresco, outro gardábase para a invernía, había que preparalo e conservalo o meirande tempo posíbel, a técnica empregada era o secado, as mulleres lañaban o peixe ó longo para saca-las tripas, escamado e limpo, pendurábase dunha liña entre chantóns de pedra ou de madeira espetados na terra, o ventiño do nordés e a salseira do mar facía o resto durante dez ou vinte días.