Os que non falamos a lingua do imperio e a intolerancia
22 de outubro de 2010 (00:01 h.)
Roda de prensa antes dun partido da seleccin española de fútbol. O xornalista, exercendo os seus dereitos, fai a pregunta en español, pero pídelle ao futbolista que lle dea a resposta tamén en catalán, éste comeza a falar pero un seu "compañeiro" marmuria "...en andalú, que eztá muy bien cuando te cuezta entendé el caztellano", e o xogador dubida e azórase de tal xeito que xa non fala mais catalán. O andaluz explica despois que foi todo unha brincadeira
Eis o mecanismo do imperio, pola vía da brincadeira "inocente" impoñen seu criterio.
O catalán, pertencente a unha cultura na que, segundo din os españois de pro dominan sobre o español, a un país que adoita ser dominador no imaxinario dos castelán falantes, no que, segundo eles, prohiben e multan por falar ou rotular nos establecementos comerciais en español... remata abducido polo español gracioso e cañí que fai unha brincadeira dos dereitos constitucionais.
Sei que nun día coma este, cunha gran remodelación do goberno Zapatero recente e os orzamentos do estado dando voltas en toda a prensa, temas como a defensa dos dereitos lingüísticos son temas menores, pero, que lle vou facer, cantos máis anos teño mais intolerante me volvo cos que pretenden confundir, e máis me farto de vivir inmersa nunha cultura de falsa democracia e de progresía de pastel na que o peixe grande di que é pequeno e de victimismo estúpido "¡como tu sabes español y yo no sé gallego...!
Pois que aprendan, non? Ou logo non aprendín eu as dúas linguas a pesar de ser unha paleta periférica!!
No río revolto o español-falante sae limpo e esplendoroso, o periférico é pechado, intolerante e até pueblerino e paleto que non quere saír da cuncha. O español é aberto ao mundo, o que fala galego, catalán ou euskera está pechado no seu curruncho. Escoitaches falacia maior que esta está algún dia? U-la apertura de alguén que renega de tal xeito do outro que non é capaz tan só de escoitalo falar á súa beira?
Na miña vida diaria teño milleiros de anécdotas de madrileños preguntándome "Qué te pasa en la boca? Cada vez que me escoitan respostar ao telefone en galego... pero a intolerante son eu, e a que se toma todo pola tremenda, porque eles "están de brincadeira".
Na realidade o que sucede é que se agocha un profundo rexeite ao multilingüismo do estado español e un desexo de aniquilar as diferencias veñan de onde veñan. A xenreira que mostran só por escoitar a calqueira que o seu fillo se chama Gorka ou que ten sotaque catalán é digna de grabar. Cos galegos a cousa é diferente, semella que non somos tan "separatistas", e ademais amoldámonos mellor; pero ai de ti se non renegas de falar cos teus en galego cando teñas diante un castelán!! entón convírteste nun maleducado, porque el non entende o que dis e ti non tes consideración... e por moito que protestes de que non estabas a falar con el, e que, por tanto, non lle importa o que estás a dicir élles igual, eles teñen que dominar.
Pois si, deben ser os anos que me volven menos progre, pero, si me chaman intolerante por exercer os meus dereitos, son, e penso seguir sendo, unha intolerante.