Os maios en Mondoñedo. ano 1936

Os maios en Mondoñedo. ano 1936

Este ano correu a organización dos “Maios” a cargo da Rondalla “El Eco” dirixida polo popular perruqueiro da Fonte Vella, Manuel Ledo, “O Pallarego”.

A carroza deste ano foi construída polo carpinteiro Ricardo Otero, coñecido na comarca de Mondoñedo polo nome de “O Pinto” e ía adornada con mirto, ramas de Pravia, copos de neve e outras flores, en un “chasis”.

Esta representaba unha gran Margarita, en cuxo centro aparecía o Maio, en traxe de Rei e ós lados e diante víanse dez nenas co antigo traxe deste val, levando na man dereita un fermoso ramo de flores.

Diante da carroza víase un escudo pintado cos principais elementos do escudo de Mondoñedo, o seu cáliz coa hostia encima e tres cruces a cada lado.

Fixo de Maio o neno Antoniño Castro e as nenas que o acompañaban eran: Vilma Leivas, Carmencita Salgueiro, Aurorita Redruello, Esther Otero, Ileana Otero, Lourdes Paz, Priscila Castro, Carmencita Sandamil e Esperancita Seco.

Coa carroza ían corenta nenos que formaban o coro infantil da rondalla, tocados con monteiras, despois o resto dos nenos do povo e numerosas persoas maiores.
A comparsa organizouse no patio da casa de Luaces, nunha de cuxas dependencias se construíu a carroza.

A comparsa saíu as catro da tarde, precedida do gaiteiro das Casas Novas, percorrendo todas as rúas e prazas da cidade, chegando o barrio de San Lázaro.
Neste maio colaboraron os mozos poetas, Álvaro Cunqueiro e Xosé Díaz Xácome con unas fermosas composicións.

De Álvaro Cunqueiro son: “Romanciño de Don Mayo” e “Regueifa de todo o tempo”. A de Xácome titulase: “Cantiga de Don Mayo”.

“Cantiga de Don Mayo” e “Romanciño de Don Mayo” foron cantadas polo coro de nenos.

A “Cantiga de Don Mayo” dí:
No tambor de lúa
tocan as estrelas
Anuncian gozosas
visperas de festa.
Por ledos camiños o
Adianta Don Mayo
Trai nos verdes ollos
Brincos de páxaros.
Verbas de namoro
lle dicen as fontes
aromas e soños
lle ofrecen as froles.
No bico do vento
ven chegar aviña
Don Abril prestoulle
Azas de anduriña.

E “ Regueifa de todo o tempo”.
“En feira de mil colores
a gaita andaba a brincar
Maio bailaba con todas
garrido do bon bailar”.

Todos os meses do ano
envexa lle teñen ben
Iles nin bailan nen ríen
Que a palma Don Maio a tén.

O Maio anunciouse por medio de grandes carteis orixinais, colocados en distintos escaparates, e feitos pola man do mozo Ramón Prieto, membro da Rondalla. Tamén se imprimiron unhas follas, nas cales se publicaron varias poesías entre elas as que se cantaron.

Ademais do Maio do “Eco” houbo o Maio tradicional, organizado e dirixido por nenos. Vestíronse no Río do Sixto, ó lado do bosque de Silva, con ramas de Pravia e flores e como premio recolleron moitas castañas, noces e algunhas “perras”.

Este Maio para animar os veciños a darlles agasallos, cantaban as seguintes coplas:

“ Dianos as mayolas
Señor Capitán
Dianos as mayolas
D’a hucha d’o pan
Levántate, Mayo
Que tanto dormiche;
Xa pasou o burro.
E ti non-o viches.