Ominosas omisións
Hai poucos días, sentín falar, transmitido pola Radio Galega, ao presidente da Xunta de Galiza nunha homenaxe tributada a D. Gerardo Fernández Albor, na Póvoa do Caramiñal. No mesmo programa, nunha exposición de fotografía, onde nos ilustrou de que a boa idem, para alén da imaxe en si, transmite moito máis, información que agradecemos fondamente, aínda que xa tiñamos unha lixeira idea de que era así en calquer caso. Igualmente, tiven ocasión de escoitar as consabidas e previsíbeis declaracións anti-goberno español, que xa son todo un clásico, absolutamente inevitábel, da programación xuntística e, nomeadamente, presidencial, isto é, o prólogo imprescindíbel de calquer outra declaración. Quero indicar con isto que estamos afeitas e afeitos a unha macrolocuacidade presidencial que se manifesta partout e de forma omnívora, quer dicer, sobre todos os temas, en calquer lugar, verbo de calquer asunto proprio sectorialmente das consellarías respectivas. Debe de ser que, en vista da conseguida, anunciada, pagadísima e próxima visita do Papa a Santiago de Compostela, o Presidente da Xunta de Galiza séntese investido e contaxiado do espírito pontifical, en virtude do cal poda falar ex cathedra, aínda que non urbi et orbi, e, por tanto, opinar de todo o opinábel desde a súa condición de actor protagonista inapelábel.
Mais estariamos ben enganados se pensásemos que de todo fala e sobre todo intervén. Para nada. A Xunta de Galiza -o seu Presidente, os seus conselleiros e demais cargos- gardou silencio culpábel sobre temas fundamentais para a Galiza, no momento político en que se xestaron decisións lesivas para a nosa economía, para o noso futuro. Léase o anuncio, no verán pasado, do decreto sobre o carbón ou léase a nula presenza previa a unha votación congresual como a que negou a transferencia sobre as competencias do tránsito á Comunidade Autónoma galega. Mais, aquí e agora, ímonos referir a outros asuntos culposos, de grande relevo histórico e cultural.
O sábado pasado, día 30 de outubro, celebramos o centenario do nacemento de D. Ricardo Carvalho Calero, o maior investigador, científico da lingua e da literatura, polígrafo e ensaísta, do século XX. Acostumados como estamos ao uso e abuso do ditirambo, non estará de máis recordarmos que el si que é un nome indispensábel na nosa construción e historia cultural: por 75 anos continuados -guerra civil española por medio- de escrita en galego, en todos os xéneros literarios; por autor da máis útil no seu tempo e utilizada gramática do galego; por escritor da magna Historia da Literatura Galega Contemporánea, fonte imprescindíbel de información e de consulta; por centos e centos de páxinas dedicadas á lingüística, á sociolingüística, á crítica literaria, ao coñecemento e divulgación de grandes ou pequenos vultos da nosa literatura... E todo este inxente labor -para alén da súa literatura poética, narrativa, dramática- realizado cunha erudición, un rigor, unha independencia de criterio, unha cárrega cultural e unha honestidade intelectual como aínda non volveron existir nas nosas letras.
Escrebín no parágrafo anterior "celebramos", e debo aclarar quen somos o suxeito gramatical desta oración. Fomos o BNG, AS-PG, Fundación Meendinho, AGAL, CIG, Concellalía de Cultura do Concello da Coruña... Seremos a área de Filoloxías Galega e Portuguesa da Universidade da Coruña, Galiza Nova... e, por suposto, de aquí a fin de ano, cantos e cantas organizaren aínda actividades de recordación, homenaxe e estudo da obra do profesor e escritor Carvalho Calero. 20 anos do seu pasamento; 100 do seu nacemento; 125 anos do falecemento de nada menos que Rosalía de Castro, tamén neste 2010, escritora á que aquel dedicou páxinas memorábeis... Nada disto existiu para unha Xunta de Galiza, unha Consellaría de Cultura, unha idem de Educación..., concentradas, iso si, nunha teimuda e suicida campaña de erradicación do pouco galego público que hai, nomeadamente no ensino, o único lugar onde o idioma proprio da Galiza podería ter unha megafonía masiva.
A ominosa década na historia española (1823-1833) reférese, como é ben sabido, á restauración do absolutismo na persoa de Fernando VII. Esta lexislatura, polos feitos descritos, leva camiño de se converter no ominoso período da feble historia autonómica galega. Teñan por certo, señores Núñez Feixoo, Varela, Vázquez..., que ou a Galiza desaparece definitivamente como tal ou, na historia futura, os nomes de Rosalía de Castro ou de Ricardo Carvalho Calero serán debidamente estimados e lembrados. Os nomes de vostedes dubídoo moito, non sendo que se dispoñan a corrixiren e rectificaren exclusións tan graves como as que neste artigo nomeei. Ricardo Carvalho Calero sempre realizou un traballo silencioso. É indigno que sexa silenciado por quen tanto lle debe.