O imperio do analfabetismo
Adoito engadir á distinción clásica entre analfabetos absolutos e funcionais unha terceira categoría, a dos analfabetos vocacionais. Son aqueles, por exemplo, que porfían en desprezaren a lingua propia deste país, o galego, ou son aqueles varóns que se chufan da súa ignorancia na realización de tarefas domésticas que consideran femininas e, por iso, inferiores. O Partido Popular da Coruña, co seu xefe á fronte, o sr. Negreira, volve reincidir nunha ilegalidade flagrante, a pretensión de impoñer o nome castelanizado, que non castellano, da cidade. Voume permitir recordar algunhas cuestións elementares:
1. "La Coruña" non é o nome castellano da cidade, senón o nome castelanizado a partir do único existente na historia, A Coruña. Tal desfiguración foi común e absoluta a toda a toponimia galega, e non será preciso lembrar os centos de barbaridades que se cometeron con ela e que se manteñen aínda nos nosos apelidos, na nosa onomástica. Vaiamos ao español: "Valladolid" é o nome correcto neste idioma, non "Valadolide", forma que existe en galego. "Raxoi" ou "Feixoo" -góstelles ou non aos seus portadores- son nomes galegos e só galegos, con esta ortofonía e esta ortografía. Que se siga escrebendo "Feijoo" e, en troca, se galeguice "Xetafe", por exemplo, é unha incoherencia plena.
2. Desde 1983, en que se promulgou a Lei de Normalización Lingüística, está clara a cuestión agás para o anterior alcalde da Coruña, actual embaixador no Vaticano e apetente de novos cargos no Estado, e agora, seica, para o aspirante do PP a selo, que se quer envolver nunha bandeira ilegal, ignorante e deformadora a mantenta, esquecendo, quizais, que nunca segundas partes foron boas e que toda a españolización forzada e forzosa imposta por Francisco Vázquez durante case 25 anos non vai volver, por moito que o sr. Negreira se considere herdeiro dinástico dunha monarquía estúpida e antigalega.
3. Ademais da Lei 3/1983, a 5/1988, a 3/1998 (do Estado) ou a Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias, lexislación superior asinada como tal polo Xefe do Estado en 2001, estabelecen claramente o que a lexislación ratifica, a partir, claro está, da realidade histórica. En concreto, a Lei 3/1998 determina que o nome oficial da provincia ‐en cumprimento da boa lóxica‐ é A Coruña, en congruencia co único lugar "real" fisicamente, a cidade que leva este nome. ¿Vai o sr. Negreira emprender unha batalla contra a Xunta, o Estado español, os tribunais de xustiza e a Unión Europea?
4. Galiza, sr. Negreira, é o nome orixinal da nación que vosté nega e eu afirmo. A maior abondamento, é, tamén, forma oficial. De nada. Deixe, por favor, de vestir a toga de fiscal ou de xuíz do que non entende mais condena de antemán.
5. A razón que vosté esgrime non ten nada de lingüística, claro está. Responde á teima por desnaturalizarnos como galegos e de querer converter os coruñeses nun híbrido apendicular do español. Olle para vosté mesmo e os seus apelidos: declaman galeguidade por todos os poros. ¿Non o move á reflexión recordar como, a pesar de centos de anos de asimilación e de españolización, seguimos sendo galegos? ¿Acaso considera válidos os votos, os cartos e as adhesións dos galegos mais non os seus nomes? ¿Qué dualismo patolóxico é ese? ¿É tan pobre a canteira crítica de que dispón ‐en materia de política municipal‐ como para ter que apelar ao máis rancio das desfiguracións e do máis reseso autoodio? Disuada do seu intento. Por moito que queira arrincar A Coruña da Galiza, ela seguirá sendo galega: por xeografía, por historia, por lingua tamén, a pesar dos intentos de a disolver na mistura ilegal.