O Ilustrísimo Alcalde de Vilaleria

O Alcalde de Vilaleria, líder da industria chacineira local "Chouriza S.A", é quen ordena e manda, e sabeo ben. Xa se encarga el de repetilo no seu grandilocuente castrapo, adornado de acenos propios, sacados da Telecinco. O que complementa coa destra linguaxe dixital: dirixe apuntando co dedo índice, o anular ensortixado cun solitario diamantino que reloce e da reflexos arredor de todo o salón municipal de plenos. Cando non lle convén interrompe as sesións e fai un corte de mangas ou apunta ós ceos co mesmo índice, deixando ó descuberto a pulseira iónica de cores charramangueiras, deseño "geek", antiestres, antidepresión e para a boa sorte. Por un xesto coñecerémolo, aínda que o seu retrato delátao mellor, á forza nos fai cavilar, se non nun capo, en tipos das pinturas de Sucasas e neses monstros dos canícelos medievais e das gárgola: cabelo tinxido en negro charol, engomenado, cubrindo a suorosa fronte, queixaludo de sorriso leonardesco, loce indumentaria que escolle ante o espello "a según" a ocasión, pero xeralmente viste de traxes de feitura palermitana, de raias, chaqueta cruzada, ampla e angulosa solapa. Esgana ó seu pescozo o colar acartonado dunha camisa tamén de raias do medio do que ribosa unha garabata de brillante raso estampado e potente nó no que converxen as miradas presentes. Nos tempos dos mitins viste de caza, con zamarra de ante e pantalón vaqueiro con todos os complementos. O seu despacho está feito a súa medida, anovado en cada lexislaturam, gañadas democraticamente dende os mesmos tempos do "Finado" (como lle chama ó xeral ditador). Baixo a luz de neon, máis propia dos tanatorio, entre os terciopelos roxos das cortinas e as tapicerías, que conxugan coas purpurinas dos enmarques e as carpinterías, ordenou e mandou colocar os cadros das súas devocións políticas, cinexéticas, familiares, relixiosas e deportivas, enmarcados senón en prata, en purpurinas e fíxoo neste orde: a foto oficial das súas maxestades no centro e sobre a cadeira (asento merecedor de detalles aparte), en simetría coas bandeiras; sobre a mesa, estilo Luís XIV, a foto do Rei dándolle a man naquel Ano Santo en Compostela...despois a foto panorámica de todo o partido provincial, presidido polo líder español.... logo a do seu querido can de caza, seguida da súa muller cos seus fillos, media tapada por moreas desordenadas de catálogos de empresas de mobiliario urbano, de bancos, farois austrohungaros, marquesiñas.... tamén sobre a parede unha pintura da padroa, a Santa Rita, avogada dos imposibles e do copatrón, o San Antón co seu porquiño; na banda dereita está a foto do club merengue, en formación e asinada por cada un dos xogadores, coa que se fixo polas boas amizades que ten nos ires e vires ós partidos do Bernabeu e a súa lealdade ó clube e ós "colegas", como el di, do palco de autoridades. No medio da parede do carón reloce, feito en bronce, o escudo da vila, deseñado despois de anos de debates nos plenarios, de desacordos e asesoramento de heraldistas e sabios locais, que non podía ser doutro xeito: representa a un cocho campante en campo de grelos, rodeado de restra de chourizos alternando con botelos. Todo en honra do porco, o animal rei da industria local e da anual "Festa do Chourizo de Boche". Os mobles dese despacho son de importación, encargóunos persoalmente no multicentro, asesorado pola súa muller: andeis chapeados en raíz, sempre baleiros, si acaso con algún agasallo en alpaca ou barro con placa incluída, os tres tomos da guía telefónica e algún libro publicado pola Deputación : "El análises fitosanitario en la cabaña porcina de la provincia en el año de 1977", "Anales de la parroquia de Santa Rita de Vilaleria" ... sofá, butacas de coiro negro cuarteado , nas que cada vez que se sentan e se escorrega un, emite sospeitosos sons. Entre todo o devandito sobresae a xa referida histórica cadeira do Alcalde: respaldo labrado en caoba, coroado por unha cuncha de vieira que remata na espada-cruz de Santiago matamouros e que cando se aposenta o Ilustrísimo señor sómella improvisar sobre a súa voluminosa cabeza i entre as dúas apuntadas orellas, a mais enxebre peineta galaica. Ambiente que á forza nos fai cavilar no Negus etíope, descendente de Salomón e da Raíña de Saba. As xanelas ábrense ó balcón que da á praza no que ondean as tres bandeiras e sempre algunha pancarta anunciando festas entre macetas de xeranios de plástico descoloridos. Corredor con xerarquía de despachos, secretario, interventor... e o mostrador xeral. Arrecendo a unha mestura de pachulí e de toner, paredes cubertas por retrincos de periódicos coas fotos de George Cluni, un chiste de Forges, ordenador, teléfono e a radio posta... montóns de arquivadores de cartón en equilibrio. Manda a luz pálida de neon e sempre de tanatorio.
Pétreo e sólido edificio do Concello dos anos da Ilustración, remodelado recentemente cos fondos europeos, en ladrillo e carpintería de aluminio , presidindo a praza maior, na que o alcalde , a modelo da Coruña, ordenou e mandou plantar nas catro esquinas unhas palmeiras reais, seguidas dunha ringleira de metrosideiros australianos, árbores xigantes que duran e medran centos e miles de anos. Os farois austrohúngaros amarrados ás paredes de pallabarro dalgunha casa vella, no medio a fonte, con pía de formigón, recuberta con retallos de mármores chinos, mesturados con lousa e pedra serrada , coroada pola labra en granito gris da silueta heráldica do porco rampante. Fonte sempre sen auga e tema dos últimos plenos....cabina telefónica, pérgola sobre os bancos de madeira rusa de importación e a unha e outra banda os novos i ecolóxicos vertedoiros de lixo, subclasificados segundo ostentosos rótulos... e detrás... o parque infantil , novidade feita en madeira nórdica, arrodeado dun museo de sinais de tráfico. Nunha banda da beirarrúa, na parada dos táxis , os "mupis", tecnoloxía dixital para información turística, que entre a chuvia e os vándalos acabaron destripados na mesma noite da súa estrea; tamén un gran cartelón reproduce o escudo de Vilaleria e o seu slogan turístico, tan debatido no pleno: ""Vilalería capital del chorizo y la feria" . Tanto é así , con tanto mostrario do saber municipal exposto sobre a praza, que os días de feira e festa xa non hai sitio para facer unha fogueira do San Xoán, dos magostos, onde poñer os palcos, as tómbolas, os tiovivos... e teñen que irse para o "polígono" onde tamén están as naves, as chacineiras, as poqueiras , o Colexio público e o multicentro comercial.... A rúa maior e toda Vilalería, pese a tanto adorno e "complementos para o benestar" ofrécense sen xente e mesmo sen nenos, os baixos comerciais co rótulo de "se vende", "se alquila" e o de "Se compra oro". No vello " Novo Café Imperial", que abre á praza, anunciase o seu vindeiro peche, de momento, sobre as mesas de mármore seguen xogando ó dominó o boticario e o Manolo das "Confeccións Modernas"... no mostrador o Luís do taller mecánico e o Manolo o carpinteiro falan da crise e din que nas Canarias tampouco...que un curmán foise para Australia e alí vaille mellor. O ilustrísimo Sr. Alcalde entra e sae do concello a golpe de tacón e saúdo dos dous guardias municipais que flanquean a entrada, abren paso e porta do coche oficial.