O final da Historia
14 de abril de 2010 (00:01 h.)
Desde a perspectiva do poder a Historia é útil sempre que cumpra a función de xustificar o estado de cousas vixente. Para iso, o fío da narración histórica constrúese proxectando cara o pasado a situación actual, dándolle un enfoque finalista, coma se todo o precedente tivese forzosamente que desembocar nisto (por exemplo: o actual Estado Español existe porque xa os visigodos puxeran mans á obra). Entón, os ideoloxemas pretendidamente históricos expóñense profusamente, grazas ao control dos programas escolares e dos medios (pintura académica, novelas e películas "históricas", programas televisivos, etc).
Polo contrario, en canto a Historia saca á luz as inxustizas sociais e a opresión, procurándolle argumentos ás identidades colectivas (clases sociais ou nacións) e razón de ser aos combates emancipadores en prol da dignidade humana, entón faise insoportable para ese mesmo poder.
Durante moito tempo (mentres a esquerda foi quen de manter unha argumentación teórica sólida) aos sectores dominantes non lles quedou outra que tolerar a existencia dunha Historia alternativa; iso si, procurando coutala en espazos reducidos, apartándoa dos instrumentos de transmisión masiva, que eles se reservaron en monopolio por medio da chamada "liberdade de expresión", ou sexa, a liberdade practicada entre eles mesmos, exclusivos propietarios do capital.
Mais en canto a esquerda, exhausta, renunciou ao exercicio intelectual fronte ás teses da posmodernidade (e se fixo progre), o poder, liberado de calquera necesidade de compromiso, optou primeiro por borrar a incómoda vertente alternativa da Historia (naceu a historia en migallas), e axiña polo máis resolutivo expediente de acabar de vez con toda Historia. A esta atrevida decisión chamóuselle directamente (e sen moita orixinalidade) o final da Historia.
Pouco orixinal, en efecto, porque o certificado de defunción da Historia (asinado por un funcionario norteamericano do Departamento de Estado, Francis Fukuyama, nun informe desde logo moi ben traballado) non é nada novo: ao longo da Historia foi cousa común que os poderes constituídos (e mesmo por constituír) declarasen o final da mesma cando o coidaban conveniente. No século V (por non nos remontar ao diluvio universal e outras miudezas) san Agostiño, ao percibir que o Imperio Romano se derrubaba, sentenciou que a historia humana tocaba a fin e comezaba a divina, administrada pola Igrexa (da que el por certo era bispo).
Logo os poderosos acolléronse ao costume de anunciaren de vez en cando o final da Historia (e do mundo enteiro), para que os posibles disconformes captasen a relatividade da sufrida existencia humana, se conformasen co incerto presente e tivesen esperanza nun futuro eterno, é dicir, a-histórico.
No século XIX, cando en Occidente emerxía o Estado Liberal da burguesía, Hegel estaba convencido de terse acadado un cumio insuperable, vista a perfección da nova maquinaria estatal (particularmente a prusiana). Pola mesma época Marx pensaba practicamente o mesmo, e malia ser o fundamentador da historia científica, tamén cría que a Historia propiamente dita remataría, pero algo máis tarde, cando se impuxese a inminente sociedade comunista.
Pero a intensa pugna social vivida ao longo dos séculos XIX e XX entre as dúas concepcións do poder enfrontadas (a capitalista e a socialista) animaron tan dramaticamente a Historia que polo momento se esqueceu toda esperanza dunha rápida conclusión. Foron para ela anos gloriosos e fértiles, de renovación metodolóxica e consolidación científica.
Sen embargo, a remontada neo-capitalista da derradeiras décadas do s. XX reafirmou aos beneficiarios do sistema na ilusión de que a Historia efectivamente rematase, coa imposición planetaria da feliz sociedade de consumo e o parlamentarismo patriótico-constitucional. Fukuyama botou man do vello certificado e púxoo ao día.
Deslumbrados pola crise e a sorprendente caída do "bloque comunista", pasouse por alto displicentemente a ostensible realidade de que a integración do proletariado en condicións de vida máis aceptables e o conseguinte funcionamento do parlamentarismo só adquirían relativa aparencia de validez nun territorio limitado, a costa da crecente pauperización de gran parte do Planeta e do descarnado dominio neo-imperialista. Así, o final da Historia era un espellismo limitado ao centro do sistema. No entanto, a maior parte da Humanidade ficaba condenada a condicións de vida deplorables ou permanecía allea ao modelo. Asegurábase -hipocritamente- que isto era algo transitorio e que proximamente todo o mundo sería ahistoricamente rico, libre e feliz.
Concordante con isto, o pensamento feble posmoderno argumentaba que os "grandes discursos" estaban pasados (agora só valía o discurso total). O razoable é saber aceptar o que existe, que por outra parte non é tan malo (ben entendido, en Occidente e para uns poucos bastante mellor que para os outros moitos)... e a fin de contas non hai forma de cambialo. Unha frase nosa exprésao moi ben: «éche o que hai!».
Xa non é que a Historia rematase; é que non hai Historia. Non era máis que un espellismo produto do pensamento ancestral. Non hai nada que explicar nin que entender: non hai Humanidade, nin nacións, nin clases, nin explotación, nin ideoloxías; inútiles universais!. Cada un ao seu, conforme o rancio liberalismo (capitalismo) salvaxe.
... O malo foi que, inesperadamente, a crise cabalga de novo. E outra vez hai que pensar.