O día das letras galegas na patria de Gabriel Aresti

O día das letras galegas na patria de Gabriel Aresti

Agora que o noso idioma está a ser apartado dos nosos nenos nas escolas como si dun apestado se tratara, que a represión lingüística acada cotas tan elevadas coma noutros tempos da longa noite de pedra que críamos pasada, pero que volve porque chegaron a Xunta os herdeiros do franquismo facendo revivir eses tempos para maior gloria do imperio e maior desgracia nosa, compre mais que nunca a loita por unha sinal de identidade tan importante como é a nosa fala, xa que o pobo que a perde desaparece asimilado polo outro que lle impón a súa.

Afirmaba Manuel María que "un idioma e unha cultura non son soamente patrimonio dese pobo, senón que o son de toda a humanidade, de aí que a morte duna cultura supón unha perda para o mundo e non cabe dúbida de que cando algo fermoso morre o mundo queda moito mais pobre e nós quedamos tamén moito mais orfos e moito mais desamparados". Sábeno ven os poboadores desta Euskal Herria de Gabriel Aresti, que defende con unllas e dentes a súa cultura e os nenos aprenden o seu idioma nas "ikastolas"(1) non deixándose enganar por imposicións alleas adobadas de cultas, de falso progresismo e modernidade. Neste sentido, os galegos aquí emigrados estamos orgullosos da resposta que deu o noso pobo aos chamamentos de "Queremos Galego" ante o "Decretazo", pois dános mágoa que o español se este introducindo nas nosas aldeas ocupando o espacio que secularmente lle correspondeu a nosa lingua que, como dicía Novoneyra cando en 1993 o trouxemos a dar uns recitais por Euskal Herria: "Na Idade Media en español solo se escribían os cantares de xesta, os cantares de guerra contra os mouros, pero o amor había que cantalo en galego, o escarnio e o maldicir había que cantalo en galego porque era a lingua culta que se levaba nos castelos". Eu engadiría que o único rei sabio que tiveron os españois escribía en galego, pero os tempos aos que nos quere levar Feixóo non son eses, el quere que volvamos a aqueles menos lonxanos nos que a nosa cultura e o noso idioma estaban prohibidos, cando de nenos viamos aqueles carteis nos axuntamentos e outros organismos oficiais invitándonos a ser "patriotas", ser "caballeros y hablar en español", a "no hablar el lenguaje de las vacas" que aínda lembramos como condicionaban as nosas mentes de nenos facendo que nos sentíramos, na nosa ignorancia, seres inferiores por non saber falar o idioma que eles impoñían e seguen a impoñer impunemente.

Di un refrán que "o boi é de onde pace e non de onde nace", pero aquí sempre houbo emigrantes que seguiron a exercer de galegos e sentirse orgullosos da nosa cultura e da nosa fala, de aí que o Dia das Letras Galegas vense celebrando dende xa fai moitos anos, sobre todo no Centro Galego de Barakaldo que probablemente foi o que empezou a celebrar esta data. Quizás foi o vello galeguista e bibliotecario do Centro Galego, Manuel Fernández Llousas, o que fixo que ao seu redor se criara un grupo de mozos e mozas galeguistas, algúns dos cales fundaron mais tarde a Asociación Cultural "O Buxo" en Portugalete. Destes dous grupos saen os fundadores da primeira organización nacionalista, a ANPG, que deu pé ao nacemento do seu "Frente Cultural". Daquela, salvo o Centro Galego de Barakaldo e algún outro, os demais Centros galegos adicábanse mais ao folclore e a gastronomía; a celebrar a festa do Santiago e cousas así, que a promocionar e divulgar a nosa cultura. Nel paraba D. Ramón Cabanillas cando viña pasar as vacacións a casa da súa filla e tamén se achegaban a el outros personaxes importantes da cultura galega e das letras vascas como o gran poeta euscaldún Gabriel Aresti, que chegou alí da man do poeta alóctono galego Gregorio San Juan, aquel palentino que casou con unha galega porque estaba namorado de Rosalía e apréndeo o noso idioma para falar cara a cara co Dios de Curros, segundo el o único Dios verdadeiro, o Dios dos probes.

Despois desta etapa difícil dos anos setenta, na que había certas reticencias entre galegos e vascos, fomos os nacionalistas e outros paisanos con conciencia galega os que empezamos a traballar nos Centros galegos e nas Asociacións Culturais "Rosalía Castro" de Barakaldo e no Fato Cultural "Daniel Castelao" de Trintxerpe, dándolle un senso cultural a esta data, recuperando as nosas festas populares como o entroido e os magostos, a traer grupos e conferenciantes de Galiza e a facer exposicións de libro e cerámica galega. Por as nosas aulas e centros pasaron persoeiros da talla de Manuel María, Felipe Senén López, Anselmo López Carreira, Marcos Valcárcel, Francisco Rodríguez, María Pilar e María do Carme Garcia Negro, Xurxo Martínez Crespo, Marcial Gondar Portasany, Xosé Manuel Beiras, Xosé Estévez, Xosé Vázquez Pintor co seu grupo de mimo "Ancoradouro", moitos escritores vascos e, como xa dixen antes, o propio Uxío Novoneyra. Este interese por dignificar a nosa cultura deu resultado, facendo que os vascos nos viran con mais simpatía, achegándose a nós con afecto, compartindo estas datas e reivindicando conxuntamente o recoñecemento para as dúas culturas oprimidas. Esta solidariedade deu pé a que, incluso algúns anos, Dani Alvarez puidera facer en Radio Euskadi un programa especial sobre esta data. Temos moito que agradecerlles polo seu apoio desinteresado a nosa cultura a escritores e persoeiros da literatura vasca tan importantes como ao escritor Koldo Izagirre que traduciu varias obras galegas ao éuscaro, ao presidente de Euskaltzaindia Andrés Urrutia, ao escritor vasco e gaiteiro galego Pako Aristi, ao profesor Karmelo Landa e ao bo amigo Edorta Jiménez que traduciu varios libros ao éuscaro e quere que as institucións populares vascas conmemoren tamén o Día das Letras Galegas para darlle un senso solidario ao "Galeuzca" de escritores.

Nesta ocasión, na que homenaxeamos a un gran coñecido, e amigo noso, como era Uxío Novoneyra, o incansable compañeiro Xosé Estévez Rodríguez disertará sobre a súa figura e a súa obra en case todos os Centros. Outros farán intercambios culturais con grupos de Galiza como a "Casa de Galicia de Santurtzi" que contará no seu programa coa participación do grupo de "Baile e Música Tradicional da Terra de Melide", a charanga "Os Amigos de Visantoña" e recitais poéticos como o que dará Antonio Vázquez Tierra, no que lerá versos propios e de Uxío. O "Fato Cultural Daniel Castelao" de Trintxerpe organizou unha serie de actos entre os que destacan unha homenaxe a Castelao, unha proxección de vídeos culturais e unha conferencia sobre Novoneyra a cargo de Xosé Estévez. Nos outros centros os programas son bastante frouxos, pois neste día deberíamos limitarnos a espallar a nosa cultura e reivindicar o uso e o ensino do noso idioma sen dar cabida a outros actos que poden ter sentido durante o resto do ano pero que, penso, desvirtúan esta data. Non se trata de reivindicar este día senón o dereito a falar a nosa lingua para que o galego viva mil primaveras mais, que os nenos nacidos na nosa terra poidan estudala e sentirse orgullosos dun idioma que nos legaron os nosos devanceiros para que o transmitamos as xeracións futuras e que, mal que lles pese, foi oficial na corte de Castela cando o español aínda estaba en panos.

(1) - Parecido as Galescolas, pero costeadas polos pais dos alumnos.