O dano irreparábel da política lingüística do PP na Galiza
25 de abril de 2010 (00:01 h.)
Estes últimos días asistín a tres feitos, polo demais cotiáns, que me fixeron reflectir nos usos e na percepción existente na realidade do noso contorno sobre a lingua galega.
O primeiro deles foi durante unha charla cunha amiga sudamericana, que falando sobre o decreto do galego no ensino, comentaba que entendía os postulados de Galicia Bilingüe e do PP no sentido de querer impartir o 50 % das materias en cada un dos idiomas oficiais. Alén dos esforzos por explicarlle cal é realmente a situación actual na Galiza, a situación de diglosia existente entre as linguas e a necesidade de primar a adquisición das competencias linguísticas en galego, porque en castelán estaban garantidas, a miña preocupación non minguou no sentido de que os esforzos realizados desde o contorno do nacionalismo para transmitir á sociedad a situación linguística no país non chegou a entenderse completamente, e que no entanto, si callou o discurso lacerante contra o galego, sobretodo entre aquelas persoas que menos acceso poden ter aos ámbitos de debate público.
A utilización perversa e manipulada da realidade social por parte dos poderes de control da opinión pública favorecida por grupos de presión españolistas e no ámbito da política polo PP está a facer un dano ao noso país e á nosa língua que vai custar moito tempo e esforzo recuperar para o seu uso normal.
Sen dúbida o comportamento destes grupos de presión non é anecdótico nin responde exclusivamente a un feito conxuntural, derivado tan só dunha situación circunstancial onde se valore o rendemento eleitoral por riba de calquera outra consideración social, cultural ou nacional. Responde a un intento por desnaturalizar o facto nacional galego, valeirar de contido o simboloxismo de construción nacional que pode representar a lingua como eixo vertebrador da consciencia común.
O segundo dos feitos tivo lugar comentando cunha moza galega que ten un neno pequeno e que anda á procura dunha gardería, que hai tres galescolas dependentes da Xunta de Galiza en Ourense, ela manifestou o seu rexeitamento a envialo a estas galescolas "porque eran escolarizados exclusivamente en galego". Podemos pensar que hai moitas persoas con preconceitos creados sobre o coñecemento e uso do galego, que este limita, como manifestou o Conselleiro de Cultura DE GALIZA!!!! e polo tanto este home algo ten que saber da cousa, e que só vale para entendérmonos desde o Padornelo cara a costa. Mais subxace neste razoamento un preconceito máis perigoso mesmo para as pesoas que o sustentan. Por primeira vez existe unha concepción de que os idiomas limitan, de que saber máis e peor que saber menos, de que ter coñecemento de outras linguas impide o normal desenvolvemento das nenas e nenos e a obtención dos coñecementos precisos en castelán.
Isto, loxicamente, só sucede cando falamos do galego, porque son en moitos casos esas mesmas nais e pais as que gaban as bondades dos colexios que publicitan as súas aulas "bilingües" en castelán e inglés.
A percepción de que a aprendizaxe e uso do galego impede a obtención de coñecementos en outras linguas ou mesmo que son un impedimento para o posterior desenvolvemento na adquisición de novos conceptos e habilidades coloca ao galego como un atranco no desenvolvemento educativo e cognoscitivo das persoas, producindo unha desvalorización social do galego que o coloca como un elemento dispensábel do saber.
O último dos feitos que me levaron a reflectir sobre o uso da lingua foi observar o uso que se lle reserva nos medios de comunicación. Na radio pública do pais ou en calquera outra das cadeas de emisión galegas cando se trata de dar unha nova sobre un acontecemento rutineiro, ou cando se trata de ter a opinión dunha testemuña dun acontecemento, o habitual é que esta, ou este, fale en galego, a non ser que a circunstacia que deu lugar á noticia tivese sucedido no centro dunha cidade. Mais cando se trata de ter a opinión dunha persoa esperimentada con coñecementos relacionados co tema, a situación muda. Os medios reflicten como unha realidade o feito de que o galego é usado polas capas sociais mais baixas da sociedade, ficando o castelán como lingua de relación entre as máis altas.
Así poñamos por caso que nunha radio galega precisan falar cun vulcanólogo. Pois ben, semella que non hai ningún vulcanólogo no noso país e que polo tanto hai que acudir a persoas doutras partes do estado para coñecer os pormenores dos volcáns e nubes tóxicas. Nese intre éntrame unha dúbida: ou ben non somos capaces de formar a vulcanólogos/as no noso país, e polo tanto fai falla acudir ao asesoramento de experientes de fóra, ou se por outra banda, sí somos quen de formar a persoas con avanzados coñecementos en áreas da tecnoloxía, ciencia, etc, mais no proceso de adquisición dos coñecementos sufriron, sufrimos, un proceso de desgaleguización que nos impide no desenvolvemento das actividades profesionais o uso da lingua da nosa terra.
É certo que existe un grave proceso de desgaleguización na universidade galega, recollido en variados e amplos estudos publicados sobre os usos da lingua na universidade. Na actualidade, e salvo excepcións, na maioría das facultades galegas o castelán é a lingua vehicular maioritaria nas aulas. O galego respétase, incluso se contempla con amabilidade, mais non constitúe nin ferramenta nin oportunidade. No proceso de elección do Decano da Facultade de Turismo e Empresariais de Ourense, cando foi eleito o actual Conselleiro de Educación Jesús Vázquez, presentáronse dúas candidaturas que elaboraron os seus proxectos para concorrir ás eleccións. En ningún dos dous proxectos, escritos os dous en castelán, se facía mención, nin unha sóa vez á lingua galega, á cultura galega, á nosa historia, nin ao noso país. Ben poderían apresentarse nas facultades do ramo en calquera outra universidade do Estado, que non ía facer diferenza.
Por fin entendín todo e fiquei moi tranquilo, despexando calquera dúbida que me poidese asaltar sobre a utilidade do galego, cando escoitei a Mariano Rajoy, galego de nascemento, intervir en castelán durante o acto de celebración do primeiro ano de goberno Feijoo en Galiza e celebrado no noso país.
Nun congreso nacional da CIG, no turno de intervencións das delegacións estranxeiras convidadas, un sindicalista galego emigrado en Suiza comezaba a súa intervención dicindo: "Galiza é un gran país, lástima que non sexa normal". Amén.