O circo céltico
De que hai similitudes entre a Galiza e a Irlanda ou a Bretaña non cabe dúbida. Dada a súa situación como nacións asoballadas esencialmente rurais situadas na periferia occidental da Europa mirando cara ao Atlántico, sería sorprendente non atopar similitudes de todo tipo coas nacións celtas, desde o natural, o cultural e o político.
Tamén é indiscutíbel que a antiga Galiza fose colonizada por antigos pobos celtas, falantes dunha variedade hispanocéltica das hoxe desaparecidas linguas celtas continentais, aparentadas indirectamente coas goidélicas (antigo irlandés, gaélico moderno de Irlanda, Escocia e a Illa de Man).
No entanto, unha cousa fica clara: pese a quen pesar, o galego non é unha lingua celta senón románica, derivado do latín implantado na Galiza a partir da súa romanización séculos atrás. Así, o galego-portugués é aparentado de xeito directo co catalá, francés, romeno, italiano, español, etc., mais non co irlandés, escocés, manés, bretón, galés ou córnico. Iso é un facto lingüístico irrefutábel, tan certeiro como que a Terra xira ao redor do Sol.
Sumado á enorme influencia do latín sobre as linguas celtas, a inmensa maioría das linguas faladas na Europa, as actuais linguas románicas e celtas forman parte da mesma familia das linguas indoeuropeas, de aí que tamén demostren similitudes entre elas.
Agora ben, existe unha serie de trazos característicos comúns ás linguas celtas que as distinguen das outras linguas indoeuropeas, incluído o galego, entre os cales destacan os seguintes:
- mutacións consonánticas: mudan certas consoantes iniciais en diferentes contextos morfosintácticos segundo padróns estabelecidos, p.e.: ir. bean → an bhean; br. maouez → ar vaouez (‘muller’ → ‘a muller’) - preposicións flexionadas, p.e. mn. lesh (‘con’) → lhiam (‘comigo’), lhiat (‘contigo’), lesh (‘con el’), lhee (‘con ela’), lhien (‘connosco’), lhiu (‘convosco’), lhieu (‘con eles’). Estes padróns repítense con todas as preposicións de xeito sistemático, polo que a suposta similitude coas formas galegas ‘comigo, contigo, connosco’, non é máis que superficial, ao proviren das formas latinas cum mecum, cum tecum, cum no(bi)scum, que tamén coinciden, en certa medida, coas formas españolas correspondentes. Nada teñen a ver, como é obvio, coas contraccións do tipo ‘en + a’ → ‘na’, ‘de + os’ → ‘dos’, etc.
- tipoloxía lingüística canónica verbo-suxeito-obxecto (VSO), p.e. ir. labhraíonn Peadar Gaeilge (‘fala Pedro gaélico’), fonte á orde predominante romance do galego SVO, p.e. ‘Pedro fala galego’.
- sistemas de numeración tradicionais complexos baseados en sistemas vixesimais, p.e. sc. deich air fhichead (30 = 10 + 20), a miúdo coa anteposición das unidades a respecto das decenas e a colocación dos elementos contados entre ambos, p.e. gl. pewdar ar bymtheg ar hugain (39 = [(4 + 15) + 20]), br. tric’hwec’h plac’h ha pevar-ugent (98 raparigas =([3x6] rapariga (sing.) + [4x20]). Fíxense tamén que os elementos contados fican no singular. Todos estes son trazos alleos ao galego, que segue un sistema decimal derivado do latín.
- formas verbais impersoais cun valor similar á voz pasiva sen axente conxugadas en todos os tempos/modos verbais, p.e. br. komzer (‘fálase’, ‘é/está falado’), komzed (‘falábase’), komzjod (‘falouse’), komzor (‘falarase’), komzfed (‘falaríase’), komzjed (teríase falado’).
- formación de plurais mediante mudanzas vocálicas xunto con sufixos variados, p.e. sc. each (‘cabalo’) → eich; ugh (‘ovo’) → uighean. Existencia ademais de duais, p.e. br. lagad (‘ollo’) → daoulagad (‘dous/ollo’ = ‘ollos’) e o binomio colectivo/singulativo, p.e. br. gwez (colectivo/xenérico, ‘árbores’) → gwezenn (un exemplar da especie, ‘árbore’) → gwezennoù (pl. varios exemplares diferentes, ‘árbores’).
- ausencia dun verbo para expresar a posesión (‘ter’), recorrendo a perífrases preposicionais, p.e. cr. yma lyver dhymm (‘hai a un libro a min’), gl. mae geni lyfr (‘hai comigo libro’), ir. tá leabhar agam (‘hai libro a min’)
- ausencia dun artigo indefinido e un artigo definido non marcado nin por número, nin por xénero, p.e. gl. y fuwch (‘a vaca’), y buchod (‘as vacas’); y ci (‘o can’), y cŵn (‘os cans’).
- unha estrutura similar ao status constructus das linguas semíticas para expresar a relación xenitiva, p.e. sc. cean an duine (‘Ø cabeza o home’ = ‘a cabeza do home’); br. ti breur an amezeg (‘Ø casa Ø irmán o veciño’ = ‘a casa do irmán do veciño’).
- Falta de distinción tradicional entre as cores ‘azul’ e verde’, ambas reunidas baixo o termo glas.
- Ao contrario do que pretenden certas persoas, a típica diferenza que existe nas linguas celtas entre os dous tipos de verbo ‘ser’ (substantivo e copulativo) non corresponde coa distinción que existe en galego (e español e catalán) entre ‘ser’ e ‘estar’ (derivados directamente do latín esse e stāre), aínda que partillan as mesmas orixes etimolóxicas protoindoeuropeas que o resto das modernas linguas indoeuropeas (*h1es- / *bhūH- e *stā-/*sed-; cfr. inglés is/be e stand/sit).
,Se ben algúns destes trazos descoñecidos das linguas románicas como o galego son propios das linguas chamadas ‘insulares’ (as únicas aínda vivas) e non partillados previsibelmente polas linguas ‘continentais’, incluído o extinto galaico, seguen a ser os trazos que identifican e distinguen as modernas linguas celtas do resto das linguas europeas e que conforman a súa identidade propiamente céltica. Ningún destes trazos existe en galego, por moito que algúns se empeñen en facer encaixar as cousas máis inverosímiles, recorrendo ás veces aos argumentos máis irrisorios como, por exemplo, explicar unha suposta equivalencia entre o son [x] (‘jota’ española) do gaélico escocés a un [ɾ] galego (‘erre simple’) no caso de easach > ‘Ézaro’ (?) a partir da (tamén suposta) similitude coa pronuncia do erre forte ([ʁ]) nalgunhas variedades urbanas do portugués europeo que data do século XIX (véxanse comentarios ao pé deste artigo).
Este tipo de defensa delirante do celtismo galego non fai máis que deslexitimar a necesaria investigación neste ámbito. Digo ‘necesaria’, pois, como nacionalista que son, non podo menos que defender o dereito a reivindicar a singularidade da nación galega e escribirmos a nosa propia historia, libre das ataduras da historia españolista oficial. Agora ben, para que se tomaren a serio, estas pescudas non se poden realizar de costas á metodoloxía científica estabelecida, neste caso a lingüística histórica comparativa.
Mesmo hai quen pretende reconstruír a lingua galaica. Mais confeso que, para alén de calquera consideración de rigor científico, tamén como nacionalista de esquerdas que son, non consigo entender a necesidade dunha tal ‘reconstrución’. Pois, para min a identidade nacional galega xa existe, diferente da española, coa súa lingua como peza central que non precisa de ser inventada como se dun país ficticio se tratase. Abóndame loitar pola lingua viva do pobo que xa temos e que nos queren quitar.