O caso de Vilanova DAS Infantes


Os preconceitos e a ignorancia aleivosa encol da común língua de Galiza e Portugal levan a erros de interpretación e mesmo ao acientifismo.

Na abondosa documentación medieval a lor da dita vila celanovense, SEMPRE aparece o seu nome escrito en feminino, polo tanto: VILANOVA DAS INFANTES. Diante deste feito chaman a atención dúas actitudes contrarias:

1º) O nome oficial da vila é interpretado como masculino e así locen os cartaces oficiais, supoñemos que bendicidos pola Comisión de Toponimia de Galicia:

VILANOVA DOS INFANTES.

2º) É ben chocante que cando un veterano profesor da universidade compostelá, especialista no galego medieval, nun traballo relativo á documentación da vila (que está toda en feminino), teima con titular o opúsculo en masculino, contradicindo o obxecto do estudo que a berros e desde o fundo do tempo lle está indicando o verdadeiro nome da vila!

Diante de tanta porfía ante a evidencia, só nos cabe entender que na súa mente está a idea que aqueles documentos onde aparece clamorosamente "AS INFANTES " deben estar errados e deberían escreber o que el pensa correcto de "OS INFANTES".

Non saberá que a palabra INFANTE, tanto se pode usar en masculino como en feminino, do mesmo xeito que se pode falar indistintamente de: a/o axente, a/o presidente, a/o representante, a/o contable, etc...?

Supoñemos que entenderá que OS INFANTES que dan o nome á vila só poden ser uns hipotéticos descendentes de algún monarca medieval cuxa identidade habería que pescudar. Levado por esa idea, algún ilustrado ourensán aventura a deducir fillos de que rei serían os tais infantes...

Todo podería ser resolvido facilmente se se tivesen dignado a revisar a común formación social galego-portuguesa e consultado os tan semellantes documentos producidos na época, aquén e alén da raia.

Velaí que nos antigos escritos portugueses chaman INFANTES nin máis nin menos que aos NOVICIOS/AS que se preparaban para profesar nos mosteiros da época! Este feito aqueceríalle ben a Vilanova se reparamos que alí funcionou o mosteiro feminino de Santa Mariña, parello ao veciño das "Donas" ou "Onas de Ramirás".

Daría para pensar se o mosteiro de Santa Mariña estaría especializado na formación de novicias ou se esta educación se realizaba nalgunha das antigas casas da vila que cumprían a función de albergar as meninas antes de pasar a profesar no mosteiro principal de Santa Mariña... Cousa a estudar!

Ficaría así resolto ese renxer que hai entre a clara escrita dos notarios medievais e as equívocas interpretacións que nos fornecen as "eruditas" mentes universitarias ateigadas de preconceitos antilusistas.