Museo do Pobo Galego: un museo de nós
23 de marzo de 2011 (23:00 h.)
O Museo do Pobo Galego está de actualidade por mor dos recortes orzamentarios. Isto levou a tomar a decisión de cobrar entrada, algo que para algúns é ir contra os principios de servizo público. Pero, porque se chega a esta situación? É esta unha institución precisa para o país?
O museo, como institución cultural, foi creado no contexto occidental para preservar os obxectos e actividades que dan corpo aos procesos culturais que definen os pobos. Así os museos na modernidade non son simples almacéns, son centros para activar a memoria e fomentar a cohesión social. Esta faceta, política, nace no contexto da Ilustración e da revolución francesa, onde os bens confiscados á nobreza e clero foron "devoltos" simbolicamente aos cidadáns, pero agora como elementos educadores e xeradores de recursos de identificación nacional. O museo ten neste contexto tamén un papel de eficacia simbólica e de equipamento colectivo, pois xera imaxinarios dos que nos podemos sentir partícipes.
Pero o museo nace cunha vocación de acumular para preservar e educar cidadáns, no momento nos que estes reclamaban os seus dereitos políticos. Polo tanto nun museo non se gardan obxectos, digamos así sen máis. No museo gárdanse obxectos portadores dun valor ou significado, polo que son considerados testemuños históricos, son documentos da memoria dunha sociedade que, entende, serven para enlazar pasado e futuro, serven para que poidamos seguir existindo como sociedade. Se esa memoria racha, ese vínculo rompe e a sociedade corre o risco de perder estabilidade e os cidadáns poden volver ser súbditos, xa non terán que pensar libremente, alguén pensará e decidirá por eles.
Que o museo era algo preciso para construírmos país vírono pronto os galeguistas e os seus precursores. Manuel Amor Meilán xa falaba en 1887 da necesidade dun "Museo Galego" e pedía, case como un slogan publicitario agora de moda, que "sexamos galegos unha vez sequera". A idea do "Museo Galego" será retomada polas xentes das Irmandades da Fala. Vicente Risco fala, nun artigo na revista Céltiga, da "arela que hai moito tempo sinte a xente que traballa no estudo do Pobo galego", e esa arela é a constitución dun museo. Hai outras referencias, como hai certos antecedentes, podemos falar do museo instalado na granxa de Pías polos irmáns Peinador, os donos do balneario de Mondariz, ou da Exposición Rexional de 1909 celebrada en Compostela (por certo un centenario que non celebramos).
Pero non será até 1926 que tomará corpo grazas o labor e inquedanzas do Seminario de Estudos Galegos. A importancia desta primeira experiencia civil vén dada non pola calidade das obras de arte, que tamén as tiña, senón porque colocou nun primeiro plano pezas que até entón pertencían ao mundo do traballo cotiá en referentes dunha cultura e dun modo de vida desenvolvido nunha realidade histórico-social chamada Galiza. As pezas dese museo contaban a historia das xentes que non tiveran até entón quen lles escribira a súa historia.
O museo era entendido como unha pantalla para vérmonos e para que nos viran, unha contribución á normalización do país e da cultura, un xeito de cohesionar a sociedade por medio de facela partícipe dunha herdanza cultural e duns símbolos comúns. Polo tanto unha contribución á modernización e dignificación do país.
Pero a andaina do Museo do Seminario de Estudos Galegos durou só dez anos, pois os fascistas arrombaron con todo. Mais non foron capaces de enterrar a semente e esta agromou de novo. Coa morte do ditador, e cando había ganas e necesidades de participar en proxectos colectivos, aparece o Museo do Pobo Galego, unha institución civil que brota desde a base nuns momentos nos que realmente non poderíamos falar propiamente de políticas museísticas no noso país. Nace como unha entidade privada co apoio de socios particulares, e algúns institucionais, para poder orientalo cara a unha visión antropolóxica da cultura e non cara a unha visión de elite. E no Museo do Pobo Galego participou activamente Xaquín Lorenzo, un dos superviventes daquela primeira iniciativa segada polo fascismo, como participaron activamente outros vellos membros do SEG represaliados, caso de Antonio Fraguas.
Hai xente que pensa que o Museo do Pobo Galego é un museo máis dependente da Xunta. Pero non é así, a Xunta só achega unha parte, recortada á metade nestes dous últimos anos, o resto ven doutras entidades e das contribucións dos socios. Por suposto que haberá alguén que pense que a Xunta non debe pór cartos para museos privados, que eses cartos estaría mellor empregados noutras cousas, por exemplo para pagar o recibo da luz da Cidade da Cultura. Pero é que ese recibo da luz do Gaiás equivale ao que a Xunta achega ao Museo do Pobo Galego, cantidade que, por poñer un exemplo próximo, é a metade do que o concello de Xixón contribúe ao Muséu del Pueblu d´Asturies.
Sen un orzamento adecuado non se pode investigar para ofertar novas exposicións, pois sen investigación un museo malamente pode ofertar novos produtos; ademais, o Museo do Pobo Galego ten un rico fondo documental sobre determinados aspectos da nosa historia e cultura. Sen cartos tampouco se pode renovar o discurso museístico e adaptar o museo ás necesidades dunha sociedade do século XXI. Sen cartos non se poden abrir as portas, e nos orzamentos dos "museos da Xunta", como o CGAC, por exemplo, non entra o persoal, neste si. Sen cartos corre o risco de pechar.
Nestes momentos o goberno ten que encher un saco sen fondo e sen proxecto, e para enchelo ten que baleirar todo o construído e útil, mesmo o construído pola sociedade civil.
A cuestión non é que o Museo do Pobo Galego necesita de nós, somos nós os que precisamos de que siga habendo estruturas culturais deste tipo, independentes, que gardan unha parte da nosa cultura, especialmente aquela máis humilde e menos rechamante para a mercantilización coa que se impregna todo agora.
Non hai sociedade moderna sen museos e sen museos de carácter antropolóxicos.