Manuel Ayaso-Kafka: unha exposición no Museo do Gravado de Artes (Ribeira)

Manuel Ayaso-Kafka: unha exposición no Museo do Gravado de Artes (Ribeira)

Souben da existencia do artista Manuel Ayaso Dios a comezos de setembro de 2004 en Porto do Son, nun xantar campestre encadrado nas actividades do XII Simposio de Acuarela organizado pola asociación de artistas ARGA. Naquela rústica mesa de pedra na que compartín alimentos e conversa con el e outras amizades, puiden follear o catálogo dunha exposición que fixera na Casa da Parra de Santiago: as imaxes que vin naquelas páxinas deixáronme abraiado, foron para min unha apocalipse, unha revelación.

Residía Manuel en Verona (New Jersey) e pasaba as habituais vacacións estivais no seu concello de nacenza, Ribeira. Marchara a Estados Unidos, -a onde emigrara o seu pai-, en 1947, con 13 anos, e alí formou a súa familia e labrouse unha recoñecida carreira artística.

Dende o momento en que o coñecín, sentín unha profunda empatía pola súa persoa, que coido foi mutua. No decorrer dos anos, fumos mantendo variada correspondencia e, cando regresaba a Galicia, puidemos compartir eventos artísticos en lugares como Mariñán, Culleredo, Noia, Brión, Ribeira, A Pobra do Caramiñal…, ou celebrarmos xuntanzas familiares e de amizade. Tiven igualmente a honra de redactar varios textos sobre a súa obra: un traballo xeralmente realizado en pequeno formato, cun labor minucioso, de ourive, de artista renacentista, boa parte del executado con punta de prata, con toques de acuarela, pequenos collages… Unha obra simbólica na que aboiaban as pantasmas dos seus amados Goya, O Bosco, Ernst, Chagall, Dalí, Picasso, Gutiérrez Solana, Laxeiro… ou Valle Inclán, Kafka, Castelao, Curros, Rosalía, García Márquez ou Lorca, pero conformando unha visión persoal e inconfundible.

Mais non toca agora repasar a súa longa e densa traxectoria, recollida en abondosa bibliografía, senón comentar a fertilidade do seu labor nos dous últimos anos.

A tráxica morte do seu fillo José Luciano o 12 de marzo de 2019, nun accidente de tráfico en EEUU, onde residía, ademáis da conmoción persoal que representou para el e a súa familia, provocaría un relevante cambio no seu traballo. Como o propio Manuel comentaba nunha entrevista de prensa, a morte do fillo fixérao renovarse. Este lle suxerira, en moitas ocasións, que perdese o medo a mudar os seus formatos. Facelo agora, para honrar a súa memoria, deu lugar a 70 cadros, pintados en escasos tres meses.

Aínda que non todos, puideron contemplarse moitos deles na galería “La Catedral”, en Lugo, nunha exposición inaugurada o 27 de setembro de 2019. As obras, -nas que seguía dominando o surrealismo-, xa non eran sobre papel: eran agora acrílicos sobre táboa, de maiores tamaños e con moita cor. Causou unha grande sorpresa e impresión en todas as persoas que tivemos ocasión de estarmos presentes, marabilladas ante esas novas e luminosas imaxes que o artista nos ofrecía. Nun catálogo, con textos de Xoán Pastor Rodríguez Santamaría e Eva Veiga, recollíanse 37 obras.

Transcorreron uns meses e chegou o novo ano, 2020 (non sabíamos entón que sería o ano da pandemia, da nova peste). O 12 de marzo de 2020 (xusto no primeiro cabodano da morte do fillo) estaba prevista a apertura, na Sala “Lustres Rivas” do concello de Ribeira, da súa exposición “Reflexos da costa da morte”. Consistía esta en 70 gravados a punta seca que o artista agasallara ao concello. Mais, -difícil será esquecelo- ese día decretouse unha suspensión xeral de actividades en toda Galicia e, ao día seguinte, produciuse a declaración do estado de alarma e o confinamento total.

Alí, na penumbra da sala pechada, permanceron tamén confinadas as obras ata que, por fin, o 27 de xuño puido celebrarse a adiada inauguración.

Púxoselle o ramo á exposición cun recital poético en homenaxe ao artista celebrado o día 28 de agosto, no que tiven a honra de participar xunto con Eva Veiga, Patricia Torrado e Antonio Piñeiro. Editouse un catálogo no que se recollían, ademais das obras de Ayaso, breves textos de moitísimos amigos e amigas do artista.

Lonxe de acougar por un tempo, a febre artística de Manuel Ayaso continuou, incansable. Nunha das visitas ao seu estudo, nese verán, tiven ocasión de ver como lle trouxeran máis dun centenar de novos gravados a punta seca que lle estamparan, e que neses meses de confinamento realizara moitas máis obras en técnicas e formatos semellantes aos da exposición en Lugo. Un conxunto delas, de temática mariñeira, serían doadas polo artista para seren colocadas na Casa da Cultura que leva o seu nome na súa parroquia natal, Aguiño; as de temática relixiosa, desexaba este que quedasen na igrexa parroquial. No estudo, outros cadros quedaban agardando por futuras exposicións.

Paralelamente a todos estes traballos, realizou outros 33 debuxos que incluíu nun libro de tiraxe numerada, “Homenaxe a Dalí”, para o que Manuel pediume un texto introdutorio, e que viu a luz a finais de 2020.

O pasado 5 de marzo de 2021 inauguraríase outra extraordinaria exposición, “Manuel Ayaso-Kafka”, nese tesouro case agochado que é o Museo do Gravado á Estampa dixital emprazado no lugar de Outeiro (Artes, Ribeira) (http://www.fundartes.com/pt-pt/), que estará aberta ao público ata o 5 de maio. En dúas salas, podemos contemplar 110 gravados a punta seca en homenaxe ao mítico escritor checo polo que sente devoción. Preparouse así mesmo un libro de artista, cunha edición limitada a 25 exemplares e certificada ante notario: protexidos por un estoxo de madeira serigrafiado, están os 110 gravados numerados e asinados polo autor, incluíndose tamén textos de Eva Veiga, Felipe Senén e Xabier L. Marqués.

Se non coñecen a obra de Manuel Ayaso, -para quen esto escribe, un dos máis grandes da historia da arte galega-, convídoos a achegárense a contemplar esta exposición nese centro artístico que promoveu o noiés Javier Expósito Paradela no ano 2001, para acoller á súa paixón de coleccionista e que hoxe xestiona o Concello de Ribeira co apoio dunha Fundación. Nel, custódianse milleiros de obras que van dende os gravados tradicionais aos de estampa dixital, e dende o século XV á actualidade. Nos seus fondos, obras de Goya, Rubens, Van Dyck, Toulouse-Lautrec, Saura, Dalí, Alberti, Picasso, Piranesi, Miró, Tápies, Novoa, Seoane, Laxeiro, Facal, Díaz Pardo, Alfonso Costa, Ayaso, Celeiro ou Yolanda Carbajales.

Mais o noso amigo, cos seus 87 anos cumpridos, segue creando, e xa ten moi avanzada a que será a súa próxima mostra, dentro duns meses.

Agardámola expectantes.