Lúa de agosto dos aluados
Sempre os astros e as estrelas, os planetas e os satélites sobre nós, a sinalar camiños no Ceo, a aluar: Sete Pléiades que asoman en maio, arroiada de Perseidas ou "Bagoas de San Lorenzo" a caer en fugaces ronseis nas alboradas dos mediados de agosto, Venus, Marte... E sempre aquela señora pálida, a do luar, a que contaxiada polo noso bioloxismo, chegamos a comparala coas Idades do home, a crer que nace, medra, morre e resucita, a Lúa crecente, Lúa Nova ou no Couce, a Lúa no Devalo ou Minguante, a Lúa Vella... Lúa que tamén veranea en agosto, sempre a mesma e con diferentes caras de ánimo. Mitificada polos poetas, desmitificada pola ciencia, entoleirando ó noso casquete Norte do Planeta Terra. A cornuda Lúa lunática, inspiradora da fantasía , do misterio, do amor e do medo, de lendas, contos e películas, de mitos e ritos, luz de vida na noite do dolmen Megalítico : para os gregos a privilexiada irmá de Helios, Selene a que pola noite e polos camiños do Cosmos escintila prata dende o seu carro de cabalos brancos, a que casa con Endimón, o que lle pediu ós deuses durmir eternamente a non ser cando o esperte a súa amada.... para os indios como a paciente velliña que nunca morre, para outros a sempiterna mocidade, ambigua, alucinada, aluada.... o eterno e esculcador ollo da noite, a pacífica e serea "Raíña do Ceo", a Nai inmaculada, como barca sobre a que navegan virxes, mediadora entre o Ceo e a Terra; para o Islam bandeira, símbolo da soberbia soberanía.
Coqueta lúa, silandeira na noite, cunha faciana oculta, gótica, esbrancuxada dos amores e dos desamores, sempre incorrespondida ó redor do arrogante Sol do ouro. Prateada Lúa dos labregos, dos xitanos, dos agoiros dos magos e máis das meigas, dos chamáns, dos sabios Mesopotámicos, exipcios, incas, maias, dos budistas Tibetanos, lúa das noites sacras dos druídas celtas, do heresiarca mago Prisciliano... Lúa das parturientes, do ouvear dos cans e mais dos lobos, do home-lobo, a que incidide nas mareas, sábeno ben os mariscadores, a que pon o seu punto ó madurar das uvas, a lorquiana Lúa dos poetas, dos aluados, prendida no ciprés e no loureiro.
Para os antigos e mesmo na tradición popular, os astros, o Sol e a Lúa rexen a vida e os destinos. Por algo a Lúa e o Sol entre as estrelas decoran como símbolos a Eternidade, o gorro dos adiviños, dos magos, do Merlín entoleirado buscador nos bosques célticos de remedios de saúde e camiños de sorte. Asomada entre o encaixe das cortinas e os luceiros das Galaxias do Cosmos, as que tanto guían polo Oriente ou polo Occidente a Reis Magos como a humildes peregrinos. Estrelas, enseñas de liberación e mando, de que o poder ven de arriba, de quen busca e sabe interpretar as leis dos enigmas do Cosmos... predicir o equilibrio dos Catro Elementos...os anos dos paraísos verdes para o traballo e as vacas gordas ou os anos dos desertos, os días das vacas fracas.
E velaí todas as ambiguas interpretacións simbólicas, como unha nao que navega o océano infindo do Ceo, como os cornos do touro fecundador... as cosmogonías, xeometrías feitas con compás e cartabón , calidoscópicas liñas que xiran arredor dun centro, en circunferencia: a representación da primeira cara de deus en amuletos, medallóns, dende a "Chacana" andina á Cruz de Agadez dos Tuareg Saharianos, pasando polo catálogo infindo de símbolos orientais, arios que entran en Europa, trisqueles, esvásticas, rosáceas para representar o movemento do Cosmos, o aparente orden rítmico e ritual do Ceo fronte ó Caos, representado nas estelas funerarias: Inferno e Ceo.
Poética , cantada e celebrada Lúa de Agosto, con tantas tradicións e ritos ó seu redor. Agasallada en festa entre nós - os que tanto gardamos do panteísmo e do animismo céltico e priscilianista - o derradeiro fin de semana de agosto, cando celebramos a romaría de Nosa Señora da Lanzada en terras de Sanxenxo, co baño fecundativo das nove ondas que reciben as mozas... baño de sal e do iodo das algas que neste tempo entrega o mar farturento . Por aquí aínda se escoita dos vellos e sabios labregos que é o momento do devalo da Lúa, o considerado demoníaco, o minguante: son os intres do esconxuro, de non caer no medo, de non entreterse, de limpar os matos de toxos, silvas e fentos para que non volten a medrar. Din que coa lúa chea hai máis nacementos, que medran as uñas, os pelos, as plantas, e que si se cortan cando a Lúa mingua todo tamén mirra...
Contan os astrónomos da vella escola, tan asociados ós filósofos e ós magos , os que escudriñan o Apocalipse, que é o 2010 ano de tensas polarizacións, por coincidir unha "gran cuadratura" na circunferencia do noso cosmos, a que se produciu hai uns días coa Lúa Nova , onde Plutón, o planeta da morte, no signo de Capricornio (signo de terra, das normas e das estruturas), sitúase en cuadratura cos principais planetas (Venus, Marte, Xúpiter, Saturno, Urano e Neptuno) conxunción que preocupa ós teimudos magos posmodernos que, fora de si, agoiran tempos de fin e principios. Neste "fatum", no sino determinado polos astros, tamén se quere atopar explicación ás convulsións sociais, políticas, económicos, e mesmo persoais. O certo é que nesta voaxa que xira polo Cosmos, na Nai Terra, todo anda desmadrado, mesmo o medioambiente, (terremotos, volcáns, catástrofes...) Sempre o Ceo e os deuses os causantes. Vellas e novas leccións de efemeridade na inmesidade do Cosmos, no que cavilar ante a poderosa Lúa de Agosto.