Leandro Lamas: prozac colorista para un mundo en branco e negro
15 de xaneiro de 2011 (23:00 h.)
Hai un tempiño que veño seguindo a obra do pintor e ilustrador Leandro Lamas. Trátase dun deses artistas cuxa obra non pasa desapercibida. Desde o primeiro momento, os murais, cadros ou ilustracións de Leandro, ou Leandrinho, como tamén se fai chamar pola rede adiante, captan a atención do público e envólveno na dozura dun mundo colorista e alegre, sensual e sensitivo, musical e lúdico.
As súas obras, moitas delas con referencias bohemias e naif e outras moitas rupturistas, seguen, porén, a estela de moitos autores vangardistas que no seu momento revolucionaron a pintura. Falo, por poñer un exemplo, de reminiscencias a certos elementos da obra de Lugrís, na súa faceta onírica e sensorial e tamén na súa faceta como muralista. Mais de seguro que a análise da súa obra completa pode ir máis alá e estabelecer vínculos contemporáneos con outros autores e autoras de futura proxección, como é o caso do colombiano Hernando Nossa, por poñer tan só un exemplo.
El foi o responsábel, ademais, de lle pór cara ao Apalpador, e de ilustrar varios outros libros preferentemente dirixidos ás crianzas, sen que por iso deixen de ser un deleite para os nosos ollos. Trátase, por tanto, dun autor aberto a calquera campo de traballo que non por iso deixa de lado a súa personalidade e calidade artísticas en ningún momento.
Leandro Lamas é, ademais, un deses artistas que carrexan moreas de seguidores nas redes sociais. Desde o seu blogue (http://leandrolamas.blogspot.com/) pódese facer un seguimento do artista e da súa obra, e mesmo poñerse en contacto con el para adquirila ou encargala. Mais onde se pode ter un contacto máis directo con el é a través do seu perfil no Facebook (Leandrinho Lamas), onde están expostas infinidade de obras do autor e desde onde centos de persoas acceden a elas cada día.
Calquera pode imaxinarse a plenitude de luz e alegría que Leandro Lamas ofrece en cada obra que comeza de achegármonos á xanela do seu blogue e pararmos un momentiño na fotografía do seu obradoiro. Trátase dun pequeno espazo en perfecta harmonía coa vexetación que o rodea e que emana luz por todas as súas partes. Un pequeno espazo onde se cocen grandes pezas que fan este mundo un bocadiño máis levadeiro e menos grisáceo.
Na súa faceta de muralista, quixera destacar unha das obras que máis me chaman a atención polo seu simbolismo. Trátase concretamente do mural que adorna a entrada da Facultade de Socioloxía da Universidade da Coruña, en que se fai unha exaltación da lingua galega desde unha óptica revisionista da sociedade galega tradicional. Unha auténtica xoia que leva pouco máis de tres anos neste espazo público para goce dos que a visitan.
Leandro, para alén de todas as facetas que como pintor se lle poidan atribuír, ten, porén, a máis importante de todas: ten a marca da casa, unha marca propia que o define como autor. Dificilmente poderá pasar desapercibida unha obra de Leandro sen se decatar que é del, proba da forte personalidade que rodea a obra deste xenial pintor.
Agardamos novos e frutíferos tempos para Leandro Lamas, e agradecemos que a súa obra nos evada temporalmente do ostracismo diario que nos invade, sen que por iso se trate dunha obra de evasión, todo o contrario.
El mesmo recolle ao comezo do seu blogue unha cita de Eduardo Galeano que ben podería tratarse da súa definición artística, da súa autopoética: "un non só é realista cando pinta a realidade que vive ou padece, tamén é realista cando pinta a realidade que precisa porque no bandullo deste mundo existe outro mundo posíbel".
Leandro Lamas convértese, deste xeito, no artista que reinventa a realidade para ofrecernos unha pinga de prozac multicolor no medio de tanta depresión en branco e negro.