Identidade e benestar
Unha versión vulgar da actividade e da xestión política pasa por diferenciar aspectos identitarios e problemas materiais. Estes son os que verdadeiramente preocuparían aos votantes e aqueles serían obxecto dunha reverencia ocasional e periódica, mais non constituirían o núcleo da política do día a día. Tal concepción -que tamén ten asento nas filas do nacionalismo galego actual- é herdeira da vella dicotomía corpo / alma, materia / espírito, que a ideoloxía burguesa actualizou no seu beneficio para que, entregada a masa á satisfacción das necesidades "materiais", reinase a monarquía absoluta do pensamento único e da moral única. "Ti preocúpate de comeres e de prosperares, que o que penses xa cho fabrico eu e xa cho expido convenientemente envolvido e, aínda, dando a impresión de que es ti quen o pensa e sente...": algo así sería a mensaxe tácita desta ideoloxía e do seu proceder.
O nacionalismo galego clásico (Xeración do 16, na terminoloxía de Ramón Vilar Ponte) esforzouse e esmerouse constantemente en romper esta escisión, aunando nos seus manifestos, na súa prosa política, nos seus discursos, na súa praxe..., lingua, economía e institucións proprias. O nacionalismo galego contemporáneo recolleu esta mesma simbiose e non incorreu no dualismo descrito até que un mal entendido pragmatismo se concretou sob a forma -de novo, versión vulgar- de que "xa está ben de falar de lingua, de símbolos e de historia; a xente o que quer é que lle resolvan os seus problemas: traballo, vivenda, sanidade, prestacións sociais...". Mais, para esta suposta resolución milagrosa da vida cotidiana, precísase un goberno, unhas políticas públicas, que a posibiliten; para que exista ese goberno, participado polo nacionalismo, precísanse votos en número suficiente; para isto, votantes, naturalmente; e, en fin, para que haxa votantes, son precisos cidadás e cidadáns en idade de exerceren o sufraxio que o confíen ao nacionalismo e non a calquera das formacións políticas estatais. Non sendo que aquel se entregue a unha frenética venda dun produto político (en base a que?), no canto de defender e explicar un proxecto político, en nome de que a-o votante vai preferir unha opción como a nacionalista, que non arranca desde logo como cabalo gañador? O tan nomeado e perseguido voto está ligado inevitabelmente a unha conciencia de sermos galegos con dereitos xurídico-políticos non delegábeis e á noción, como mínimo, de que como galegos somos capaces de auto-organizarnos e organizar a nosa vida en común, conforme aos intereses maioritarios, por tanto, ao interese xeral das clases traballadoras e non dos capataces-intermediarios de intereses alleos.
Vaiamos coa realidade corrente da identidade. A empregada que me torce o xesto ao me escoitar falar por suposto que ten un problema de identidade: co meu galego estoulle a recordar o que ela quer esquecer a toda custa, isto é, quen é: filla dunha coruñesa de recente instalación e neta dunha vendedora de patacas de Coristanco. A posesión formal do idioma español actúa, alienada e ilusamente, como un aval de integración social "superior". Eu véñolle recordar quen ela é, quen son eu, quen somos todos, aceitémolo ou disimulémolo: galegos. Se non dou tendido unha ponte de distensión, de simpatía, de recoñecemento mutuo, se non dou feito un mínimo de pedagoxía identitaria, ¿como vou tentar conseguir unha adhesión ou un voto? ¿Mudando o comportamento lingüístico, falando en español, e adulando a súa alienación, para engordala aínda máis? ¿Convencéndoa de que poden conviver desprezo e ocultación do galego con voto BNG, porque somos máis guapos ou máis.................................(insira cada quen a cualidade encomiástica que quixer)?
É erro de vulto, coido, acreditar na separación duns e doutros aspectos. ¿Acaso a destrución de recursos naturais, o estrago de ríos e de rías, non teñen a ver cun nulo amor ao país e á terra en que se vive e con que tanto ten deixar aos nosos descendentes un habitat presentábel, porque o seu destino é emigraren? ¿Acaso o tan deostado "feísmo" non ten a ver (para alén, naturalmente, do imperio das inmobiliarias e grandes promotoras da construción, convenientemente protexidas polas administracións correspondentes) co descoñecemento da nosa historia e co desprezo polo "vello" como sinónimo de atrasado que a todos nos foi inoculado?
Aí lle doe, aí nos doe: na terríbel ferida histórica que se nos inflixiu e que nos converteu inclusive en axentes e en cúmplices directos da nosa despersonalización, da nosa desidentificación. Nun programa-tertulia da Radio Galega, dous intervinientes, canda min, no mesmo, Ánxel Vence e Jaime Pita, chegaron a interpretar así o problema lingüístico galego: para o primeiro, a xente, ao emigrar do campo ás cidades, demitiu do galego; para o segundo, a longa época de monolingüísmo galego desembocou na emigración, mesmamente por "pobres" lingüisticamente... Non puden por menos que concluír que unha e outra posición eran a proba do nove do que eu afirmara: a profundidade e intensidade dun dominio inclemente da lingua oficial do Estado e da erradicación correlativa da lingua propria da Galiza, proceso que chega a fabricar como algo "natural" a nosa racial inferioridade para manter o noso ou para poder viver na terra do noso traballo. De modo e maneira que, tal e como lles dixen, o galego, a lingua galega sería como os zocos que se mudan por zapatos, a lama que se deixa de tripar ou a bosta que se deixa de ver, porque se cambian vacas por parafusos ou aparellos varios, ou ben un estorbo para poder emigrar e ser alguén. Vaia por Deus! Tres décadas andadas de autoanemia, millenta declaracións nominais de recoñecemento do galego, para, ao fin, reproduciren os máis vellos e prexuizosos esquemas ben coñecidos do auto-odio, versión tradicional ou versión "moderna" (o galego desaparece porque a povoación se urbaniza; o porqué da cidade non funcionar en galego... iso non se plantexa).
En fin, que na tan traída e levada identidade está a base de calquer ulterior mudanza no comportamento social, político e eleitoral. Os que negan a nosa ou a minusvaloran non teñen o menor problema en impoñeren a súa, en forma de retransmisións televisivas, bandeiras e entusiasmo pola SÚA identidade indiscutíbel. Como non se concilie, a nosa identidade, coa procura do "benestar", fraco favor faremos ao aumento de militantes, adherentes e votantes que todo o mundo desexa.